Candi Gómez
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 14 de maio de 1928 O Porriño, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 2 de setembro de 2024 (96 anos) Granada, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Presidente Granada CF | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1967 – 1976 | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Gardameta | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Cándido Gómez Álvarez, máis coñecido como Candi, nado no Porriño o 14 de maio de 1928 e finado en Granada o 2 de setembro de 2024, foi un futbolista e dirixente de fútbol galego, que xogaba como gardameta. Desenvolveu toda a súa carreira entre a Primeira e a Segunda División, destacando especialmente no Granada, club co que disputou 199 partidos oficiais e do que, trala súa retirada, foi presidente ata en cinco ocasións entre 1967 e 1997.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nacido no Porriño, na súa infancia xogou no Celta de Porriño e logo no Rápido de Bouzas.[1] Aos 16 anos instalouse con seu irmán en Logroño, onde ingresou no Rayo Logroñés. Aos 17 foi fichado polo Athletic Club, sendo o xogador máis novo do equipo, pero con Lezama como titular e sen oco para el, para a tempada 1947/48 foi cedido inicialmente ao Valencia, tamén da Primeira División.[1] Chegou ao club valenciano como substituto de Ignacio Eizaguirre ante a inminente marcha deste, pero finalmente o gardameta vasco acabou renovando o seu contrato, polo que finalmente foi Candi quen deixou Valencia despois dun único partido oficial.[2][3] Pasou o resto da campaña cedido no Valladolid, da Segunda División, co que conseguiu o ascenso a Primeira da man de Antonio Barrios.[2]
No verán de 1948, con 19 anos, asinou polo Granada, iniciando así a súa primeira etapa no club ao que dedicaría a maior parte da súa vida. Nas súas dúas primeiras campañas foi o porteiro titular do equipo granadino, pero ao remate do seu contrato en 1950 decidiu mudar de aires e rexeitar a oferta de renovación do club para asinar co Zaragoza, tamén de Segunda.[4]
Alí foi o gardameta do chamado equipo dos "Millonarios", que contaba con destacados futbolistas como os internacionais Rosendo Hernández e Gonzalvo II ou os tamén galegos Cabido e Santín.[4] Titular indiscutible na portería do equipo de Luis Urquiri, sumou 35 partidos, contribuíndo ao ascenso do seu equipo á máxima categoría. Na seguinte campaña continuou no club aragonés, aínda que o gardameta na maioría de partidos foi Higinio Martí.
En 1952 rematou o seu contrato co Zaragoza e regresou ao Granada.[4] Foi o gardameta titular máis habitual nos seguintes anos por diante doutros porteiros como Oreja, Piris, Julio, Santi ou Mesa, e compartiu equipo con varios futbolista galegos como Pintos, Balado, Amaro ou o histórico dianteiro Pahiño.[5] Na tempada 1956/57, con Candi na portería e o pontevedrés Pasarín no banco, o Granada conseguiu o segundo ascenso da súa historia á Primeira División, despois de 12 anos de ausencia.[6] Na tempada seguinte defendeu a portería do Granada en 20 partidos, conseguindo a permanencia en Primeira.
Na tempada 1958/59 foi cedido ao Levante, regresando a Granada ao ano seguinte. Militou dúas campañas máis no Granada, ata a súa retirada en 1961. Disputou un total de 199 partidos co club andaluz, sendo naquel momento o gardameta con máis encontros na historia da entidade.
Trala súa retirada continuou vivindo en Granada, cidade na que casara anos antes.[4] Seguiu vencellado ao Granada, exercendo varias funcións no club e en 1967 accedeu por primeira vez á presidencia. Tras conseguir o ascenso, mantivo o equipo en Primeira durante oito anos, sendo esta a estancia máis prolongada da historia do club na máxima categoría.[1] En 1973 introduciu as raias horizontais nas camisolas do equipo, sinal de identidade que o club aínda mantén.[7]
Deixou a presidencia en 1976, pero volveu ao cargo en catro ocasións máis entre 1985 e 1996. Faleceu o 2 de setembro de 2024, aos 96 anos de idade.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Un porriñés, histórico del Granada" (en castelán). 10 de febreiro de 2014. Consultado o 25 de setembro de 2024.
- ↑ 2,0 2,1 Torres, David (2 de setembro de 2024). "Muere Candi Gómez, el jugador más mayor de la historia del Valencia y el presidente más longevo del Granada" (en castelán). Consultado o 24 de setembro de 2024.
- ↑ 3,0 3,1 "Muere el portero Candi, el último superviviente del Valencia eléctrico" (en castelán). 2 de setembro de 2024. Consultado o 24 de setembro de 2024.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "Candi: "En Los Millonarios, había jugadores de verdadera categoría"" (en castelán). 18 de marzo de 2022. Consultado o 25 de setembro de 2024.
- ↑ López, Víctor (11 de xuño de 2011). "Un porriñés de corazón granadino". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 25 de setembro de 2024.
- ↑ "Los seis ascensos a Primera división" (en castelán). 5 de xuño de 2019. Consultado o 25 de setembro de 2024.
- ↑ Zautúa, Israel (4 de setembro de 2024). "La seña de identidad del Granada que introdujo el gallego Candi". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 25 de setembro de 2024.