Cancioneiro da Biblioteca Nacional

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cancioneiro Colocci-Brancuti

O Cancioneiro da Biblioteca Nacional ou Cancioneiro Colocci-Brancuti, coñecido coa sigla B (ou CB)[1], é unha das tres colectáneas de lirismo trobadoresco galaico-portugués (cantigas de amigo, de amor e de escarnio e maldicir). Denomínase Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa, xa que desde 1924 permanece na Biblioteca Nacional de Portugal.

Descrición[editar | editar a fonte]

A compilación deste cancioneiro fíxose en Italia no final do século XV ou inicios do século XVI por encargo do humanista Angelo Colocci. Foi descuberto por Costantino Corvisieri e por Enrico Molteni na biblioteca familiar do conde Brancuti de Cagli; adquirido por Ernesto Monaci, foi cedido polos seus herdeiros ao goberno portugués, que o conserva na Biblioteca Nacional de Lisboa (1924).

Este cancioneiro é un manuscrito cartáceo formado por 355 folios (numerados por Molteni) dun tamaño de 280 por 210 mm con diversas lagoas. Son en total seis transcritores (incluído Colocci) quen traballarían no manuscrito; tradicionalmente supúñase que foran tres, mais os últimos estudos de Anna Ferrari indican que non foi así. Colocci transcribiu da súa propia man moitas rúbricas e apostilas marxinais, tamén algunhas razós esquecidas polos copistas, ademais de numerar progresivamente os textos, ou ben reproducir unha numeración precedente, presentando numerosas lagoas e duplicacións. Foi copiado en Italia por amanuenses ibéricos e italianos e compilado por Colocci a partir doutro(s) manuscrito(s) que non se conservan. Os modelos dos apógrafos italianos puideron chegar a Italia na embaixada enviada por Manuel I de Portugal ao papa León X (1514) en que figuraba Garcia de Resende. Alí serían copiados dende o orixinal ou os orixinais por Colocci e o seu equipo, creando os volumes que se conservan.

Trátase do cancioneiro máis abundante no número de composicións, pois contén 1567 cantigas dos tres grandes xéneros duns 150 autores[2][3] Ademais, contén fragmentos dun tratado de poética trobadoresca, a Arte de trovar, e cinco lais narrativos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tavani, G. (1998): A poesía lírica galego-portuguesa, 2ª ed. Ed. Galaxia, páxina 52.
  2. Monteagudo, H. et al. (1998): Tres poetas medievais da ría de Vigo. Ed. Galaxia, páxina 50
  3. Pena, X. R. (2002): Historia da literatura medieval galego-portuguesa. Sotelo Blanco, p. 105-106.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]