Campo de Don Mendo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Don Mendo
Santiago Sporting en Don Mendo (1922).jpg
Formación do Santiago Sporting en Don Mendo fronte ao Real Vigo na Copa do Apóstolo de 1922
Datos
LocalizaciónSantiago de Compostela
Construción
Inauguración21 de novembro de 1920
Demolición25 de xullo de 1928
Estadio
SuperficieTerra
Dimensións100 x 60[1]
Capacidade1.000[2]

O Campo de Don Mendo foi un campo de fútbol de Santiago de Compostela, no que xogaba os seus partidos como local o Santiago Sporting Club, ata que cedeu a súa propiedade en 1928 á Universidade de Santiago para a construción da actual Residencia de Estudantes.

Historia[editar | editar a fonte]

A intención de dispoñer dun campo de fútbol de seu formou parte do proxecto do Santiago Sporting Club dende a súa fundación en 1911, pero non comezou a tomar forma ata a refundación do equipo como club profesional en 1919.[3]

En xullo dese ano, o club tiña moi avanzadas as xestións para a adquisición dun terreo deportivo nas inmediacións da Carballeira de San Lourenzo.[4] A transacción completouse ao ano seguinte,[5] grazas a unha achega de capital do novo consello de administración e a unha subvención do Concello de Santiago para pagar parte das obras de construción do estadio,[6] que comezaron o 27 de agosto e concluíron o 20 de novembro cos últimos detalles do partido inaugural.[7][8]

O Campo de Don Mendo estaba situado nos antigos terreos do Val de Don Mendo, do que toma o nome, detrás da antiga praza de touros de Santiago, baixo o Paseo da Ferradura. A situación do novo estadio, moi preto do centro histórico, alimentou o interese polo fútbol na cidade facilitando considerablemente a afluencia de afeccionados, que ata entón tiñan que desprazarse ata o Campo de Santa Isabel, na parroquia de Vista Alegre, para ver un partido.[9]

O recinto tiña bancadas de madeira con capacidade para mil persoas arredor dun campo de terra regulamentario de 100 x 60 metros. A súa inauguración tivo lugar o 21 de novembro de 1920 cun partido amigable entre o Real Club Fortuna de Vigo e o Athletic de Pontevedra, dous dos mellores equipos galegos da época, que rematou cunha vitoria por 4-1 a favor dos vigueses.[10]

Competicións[editar | editar a fonte]

Entre a súa inauguración e finais de 1922, serviu como campo local do Santiago Sporting nos seus encontros do Campionato de Galicia, o Campionato de Compostela e a Copa do Apóstolo. Outros equipos locais alugaron as súas instalacións durante ese período e nos anos seguintes debido ás vantaxes que tiña sobre o Campo de Santa Isabel, converténdose pronto no primeiro campo da cidade e no lugar preferido polo Concello para celebrar calquera evento deportivo.[11]

Desaparición[editar | editar a fonte]

O declive do fútbol compostelán na segunda metade da década de 1920 e o proxecto de construción da Residencia de Estudantes da Universidade de Santiago de Compostela no espazo ocupado polo Campo de Don Mendo, a praza de touros e outros terreos veciños ata a Carballeira de San Lourenzo, convenceron aos propietarios para doar os terreos á Universidade a través da Liga de Amigos de Santiago, coa condición de que se construíse un novo estadio de fútbol no campus.[12]

Coa colocación da primeira pedra da Residencia o Día do Apóstolo de 1928, púxose un final simbólico á breve existencia de Don Mendo,[13][14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Otras noticias". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de novembro de 1920. p. 2. 
  2. "Notas deportivas". El Eco de Santiago (en castelán). 1 de xuño de 1921. pp. 1–2. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  3. Zednanref, Siul (22 de julio de 1911). "De Sport". El Correo de Galicia (en castelán). p. 2. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  4. "Ecos compostelanos". El Ideal Gallego (en castelán). 11 de xullo de 1919. p. 4. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  5. "Noticias". El Compostelano (en castelán). 24 de maio de 1920. p. 2. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  6. "En el Ayuntamiento". El Compostelano (en castelán). 5 de agosto de 1920. p. 2. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  7. "Noticias". El Compostelano (en castelán). 28 de agosto de 1920. p. 2. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  8. "Ecos compostelanos". El Ideal Gallego (en castelán). 20 de novembro de 1920. p. 2. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  9. "Santiago". El Progreso (en castelán). 1 de setembro de 1920. p. 6. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  10. "Ecos compostelanos". El Ideal Gallego (en castelán). 23 de novembro de 1920. p. 2. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  11. "En Santiago". Galicia. Diario de Vigo (en castelán). 10 de outubro de 1922. p. 6. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  12. "La Residencia Universitaria de Compostela". El Pueblo Gallego (en castelán). 25 de xullo de 1935. p. 5. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  13. "Noticias". El Compostelano (en castelán). 23 de xullo de 1928. p. 2. Consultado o 12 de abril de 2021. 
  14. "El Estadium de San Lorenzo". El Compostelano (en castelán). 22 de marzo de 1935. p. 1. Consultado o 12 de abril de 2021.