Campaña Cool Biz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

COOL BIZ foi unha campaña promovida polo goberno do primeiro ministro xaponés Jun'ichirō Koizumi a través do seu Ministerio de Medio Ambiente co fin de contrarresta-los cambios ambientais mediante a promoción da informalidade no vestir durante o verán de 2005.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Cool Biz é unha expresión que xorde a partir das palabras inglesas "cool" e "business", coloquialmente comprimida a "biz". A primeira traduce literalmente "fresco", pero en ámbitos coloquiais pode traducirse como "guai, estupendo", mentres que a segunda quere dicir "negocios".

Aspectos xerais[editar | editar a fonte]

O goberno non indicou un xeito especial de vestirse, nin que fora preciso mercar roupa nova, agás a suxestión explícita de non poñerse gravatas nin chaquetas. Recomendouse manter a temperatura dos aires acondicionados en 28 °C, o que se pode acadar co uso de roupa máis lixeira.

Con respecto ó ambiente de traballo durante o verán, e por mor da entrada en vigor do Protocolo de Quioto, primou o punto de vista negativo acerca dun sobrearrefriamento do aire acondicionado, dende o punto de vista da saúde e da conservación da enerxía, culpando á gravata e ó traxe, pois o uso deste tipo de vestiario incrementa a temperatura do corpo, o que obriga a baixa-la temperatura dos acondicionadores de aire. Algúns homes consideran que este descenso da temperatura en espazos interiores aumenta a sensación de frío, así como as mulleres falan dun "inferno xeado".

Por isto, o Ministerio do Medio Ambiente xaponés fixo unha chamada para manter a temperatura dos aires acondicionados en 28 °C no verán, encargou cancións promocionais e, mediante a campaña denominada "No necktie, no uwagi" (「ノーネクタイ・ノー上着」, "sen gravata, sen chaqueta"), pediu ós oficinistas xaponeses que utilizaran roupas máis lixeiras. O exemplo tivérono que dar os empregados gobernamentais no área metropolitana de Toquio, aínda que outros mantiveron o uso destas pezas de roupa, o que semellan demostrar que a campaña non influíu na sociedade xaponesa en xeral.

Incluso dentro do partido do goberno, o Partido Liberal Democrático, persoas como Shizuka Kamei criticaron a medida dicindo que "esa aparencia non nos quedan ben ós políticos".

En 1979, após a crise petroleira dos anos 70, o goberno Oohira nos tempos do ex primeiro ministro Tsutomu Hata, propuxo a medida, chegándose a crea-los Shō-ene(rgy)-suits (省エネスーツ, shōenesuutsu, "traxes baixos en consumo de enerxía"), vestidos de mangas amplas que tiveron certa aceptación.

Os fabricantes e as tendas de roupa atoparon unha nova oportunidade de vender traxes para home e camisas que non deixan ve-la gravata con esta medida, con promocións como o "Casual Friday", mentres que as típicas camisas de Okinawa, semellantes ás hawaianas, tiveron unha gran difusión no Xapón continental. Ademais, segundo cálculos do Centro de Investigación Económica, pola medida do Cool Biz a deteriorada economía xaponesa podería crecer preto de 100 mil millóns de iens.

Resultado da campaña Cool Biz de 2005[editar | editar a fonte]

O 28 de outubro de 2005, o Ministerio de Medio Ambiente anunciou os resultados da campaña Cool BizMinisterio do Medio Ambiente. Realizouse unha enquisa vía web sobre a situación actual da medida o día 30 de setembro de 2005, cubrindo aproximadamente a 1200 persoas seleccionadas dun "panel de internet" propiedade dunha compañía de investigación. O resultado da sondaxe amosa que o 95,8 % dos enquisados coñecía o Cool Biz, e que o 32,7% dos 562 respondeu que as súas oficinas instalaron máis aire acondicionado que en anos anteriores. Baseado nos resultados, a redución estimada do dióxido de carbono foi de ó redor de 4600 toneladas de Co2, o que equivale á cantidade deste gas emitido por aproximadamente un millón de fogares durante un mes.

O Ministerio instará constantemente á poboación a instalar aires acondicionados nas oficinas a 28 °C, xunto cunha maior difusión do Cool Biz.

Warm Biz[editar | editar a fonte]

Durante o inverno de 2005, falouse en varias das principais canles de novas de promover unha campaña Warm Biz para o inverno, vestindo unha camisa grosa pescozo de tartaruga no lugar de traxe e gravata. O Warm Biz non foi apoiado polo goberno xaponés e a idea non reuniu apoios a grande escala.

Cool Biz 2006[editar | editar a fonte]

A segunda campaña anual Cool Biz iniciouse o 1 de xuño de 2006. O primeiro ministro do Xapón e un gran número de ministros deron exemplo ó vestirse con roupa deseñada para mantelos frescos.[1] O apoio á medida fóra do goberno semellaba estar gañando adeptos.MSN Mainichi[Ligazón morta]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Tools of Change". www.toolsofchange.com. Consultado o 25 de marzo de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]