Catálogo de autoridades de nomes e títulos de Cataluña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "CANTIC")

O Catálogo de autoridades de nomes e títulos de Cataluña (en catalán: Catàleg d'autoritats de noms i títols de Catalunya), máis coñecido polo acrónimo Càntic, é un catálogo de autoridades de Cataluña, cooperativo e en liña.[1] O seu obxectivo é normalizar os puntos de acceso aos catálogos bibliográficos, mellorar a comunicación entre os diferentes catálogos e favorecer a busca e recuperación da información. Por estandarizar os nomes, nomes-títulos e títulos (chamados "puntos de acceso") dá consistencia aos catálogos do sistema bibliotecario. Facilita un intercambio máis áxil e eficaz entre rexistros bibliográficos e, en definitiva, fai posible que os usuarios realicen buscas asistidas, precisas e exhaustivas. Os datos están integrados no catálogo virtual internacional de autoridades Virtual International Authority File (VIAF).[2]

É un servizo que a Biblioteca de Catalunya coordina no marco do Catálogo Colectivo das Universidades de Cataluña (CCUC)[3] que dá un trato especial ás autoridades de nome e título vinculados á cultura catalá que reciben un traballo de autoridade completo. Proporcionan, en moitos casos, acceso á información da Gran Enciclopèdia Catalana.

Contribuirá á creación dun futuro Catálogo Único de Cataluña (CUC), concibido en 2004 no marco do Acordo de Goberno para a mellora e modernización do sistema bibliotecario de Cataluña.[4]

Historia e evolución[editar | editar a fonte]

En 2002, a Comisión Asesora de Catalogación, órgano consultivo da Biblioteca de Catalunya en materia de catalogación, tratou o tema da necesidade de crear unha lista de autoridades de Cataluña. Decidiu crear unha subcomisión técnica que estudiara a viabilidade do proxecto e que elaborara os requerimentos e as funcionalidades da lista de autoridades de nomes e títulos, tendo en conta as necesidades reais e viables do sistema bibliotecario catalán.

De marzo a outubro de 2003, a subcomisión elaborou un informe no que redacta a definición e os obxectivos da lista. Constatouse que a situación do control de autoridades do sistema bibliotecario catalán aínda non satisfacía as necsidades nin evitaba a duplicación de tarefas, esforzos e custos. Seguindo o modelo doutras experiencias internacionais, considerouse que un catálogo de autoridades único en Cataluña sería un proxecto viable que favorecería o intercambio de rexistros bibliográficos e o acceso e a recuperación da información. O informe redactou as bases para a creación do catálogo de autoridades así como o modelo cooperativo e os requerimentos e as funcionalidades do programario de xestión.

O Catálogo de autoridades de nomes e títulos de Cataluña creouse ao amparo da Lei 4/1993 do Sistema Bibliotecario de Cataluña. «A Biblioteca de Catalunya supervisa, valida e unifica nun único listado o catálogo de autoridades.»[5] Comezou a funcionar en 2007 e en setembro de 2003 tiña xa uns 30.000 rexistros. En outubro de 2014 acadáronse os 147.500 rexistros.

Institucións participantes[editar | editar a fonte]

En 2015 participan no catálogo:

Mantemento e actualización[editar | editar a fonte]

Os rexistros de autoridades do catálogo créanse seguindo as regras de catalogación angloamericanas, a normativa catalográfica internacional e as concrecións da Biblioteca de Catalunya aprobadas polos membros do CCUC.[6] Para codificar os rexistros utilízase o Format Marc 21, un dos formatos MARC usados na actualidade.[7] Existe tamén un Manual Càntic co procedemento de elaboración dos rexistros de autoridade para as entidades que participan.[8]

O Servizo de Normalización Bibliográfica da Biblioteca de Catalunya é o encargado de ofrecer formación e soporte a todos os participantes e ademais vela pola calidade dos rexistros de autoridade. A base de datos actualízase cada mes e pode consultarse no sitio web da Biblioteca de Catalunya.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Actes de les 10es Jornades Catalanes d'Informació i Documentació (ed.). "CÀNTIC: o catálogo de autoridades de nomes e títulos de Cataluña". 
  2. Biblioteca de Catalunya (ed.). "A Biblioteca de Catalunya participa no proxecto VIAF (Virtual International Authority File)". 
  3. Biblioteca de Catalunya (ed.). "Viquipèdia, Wikidata e CÀNTIC enlazados!". Consultado o 23 de xaneiro de 2015. 
  4. Acordo para a mellora e modernización do Sistema Bibliotecario de Cataluña no período 2004-2007, aprobado polo Goberno da Generalitat de Cataluña o 20 de xullo de 2004.
  5. Diari Oficial de la Generalitat de Catalunya, ed. (29 de marzo de 1993). "Lei 4/1993, de 18 de marzo, do sistema bibliotecario de Cataluña" (PDF). Barcelona. Consultado o 1 de xaneiro de 2013. 
  6. Concrecions a les AACR2 Part II (Encapçalaments, títols uniformes, referències), Ed. 2008. Barcelona : Biblioteca de Catalunya, 2008
  7. Format Marc 21 per a dades d’autoritat, Edició anglesa, Edició concisa catalana
  8. Manual Càntic, Barcelona, Biblioteca de Catalunya, actualización de agosto de 2013, 50 páxinas

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]