Boredoms

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Boredoms
Boredoms1.jpg
OrixeOsaka, Flag of Japan.svg Xapón
Período1986 - presente
Xénero(s)rock experimental, noise rock, rock psicodélico, rock electrónico, space rock, krautrock, dub rock
Selo(s) discográfico(s)WEA Japan, Commmons, Thrill Jockey, Shimmy Disc, Reprise, Warner Bros., Birdman, Vice Records, Very Friendly Records, Earthnoise, Selfish Records, Trans Records
MembrosYamantaka Eye
Yojiro Tatekawa
Yoshimi P-We
Shinji Masuko
Antigos membrosMuneomi Senju
Ikuo Taketani
Tabata Mitsuru
Hosoi Hisato
Makki Sasarato
Yoshikawa Toyohito
Hiyashi Hira
Seiichi Yamamoto
Chew Hasegawa
Kazuya Nishimura
EDA
God Mama
Páxina webhttp://www.boredoms.jp/

Boredoms é unha banda de rock experimental xaponesa procedente de Osaka formada no ano 1986. O seu estilo acostuma a considerarse noise rock, ou ás veces Japanoise, aínda que os seus traballos máis recentes contan con minimalismo repetitivo, música ambient e percusións tribais.

Historia[editar | editar a fonte]

Formación e primeiros anos[editar | editar a fonte]

Boredoms formouna a comezos de 1986 Yamantaka Eye, que nese momento era o líder da famosa e controvertida banda Hanatarash,[1] localmente coñecida polos seus concertos extremadamente perigosos onde destrozaban completamente o escenario sen ter en conta a seguridade do público. As insanas trasnadas de Hanatarash posteriormente serían moi influentes na primeira encarnación de Boredoms, formada polos membros que quedaban dun grupo que Eye creou co batería de Hanatarash Ikuo Taketani, ademais do guitarista Tabata Mitsuru (coñecido como Tabata Mara), o baixista Hosoi Hisato, e o vocalista Makki Sasarato, chamado "Acid Makki & Combi and Zombie".[2] O son da banda caracterizouse por violentas e ruidosas "malleiras" punk rock/No Wave. Gravaron un sinxelo, "U.S.A.", para unha cinta recompilatoria,[2] e pouco despois da edición do seu primeiro tema Taketani foi substituído na batería por Yoshikawa Toyohito, un amigo de Eye.[1] A banda cambiou oficialmente o seu nome para o de Boredoms despois de que Hira substituíse a Hosoi no baixo, e Sasarato deixase o grupo debido a diferenzas creativas. O nome da banda vén do tema de Buzzcocks "Boredom".[2]

Coa banda finalmente chegando a un certo nivel de estabilidade, Eye e Tabata gravaron o seu primeiro EP oficial, Anal by Anal, a mediados de 1986. A comezos de 1987 Tabata deixou o grupo para posteriormente unirse a Zeni Geva, sendo substituído por Seiichi Yamamoto como guitarrista. En marzo de 1988 a banda publicou o seu primeiro álbum, Osorezan no Stooges Kyo. Debido ao descontento con Yoshikawa na batería, pedíronlle a Yoshimi P-We, do proxecto de Eye relacionado con Hanatarash UFO or Die, unirse como batería, sendo a primeira muller en formar parte de Boredoms. Yoshikawa pasaría a actuar como percusionista. Pouco despois do cambio Yoshikawa deixaría a banda, ocupando o seu lugar Chew Hasegawa (agora na banda de funeral doom Corrupted) e posteriormente Kazuya Nishimura. O son deste período estivo marcado por un punk cru e disonante extensamente editado por Eye no estudio, citando a Sonic Youth e Funkadelic como influencias.[3] Este estilo foi visto por algúns como "inutilmente abrasivo" sen ningún motivo subxacente, facendo Boredoms música absolutamente nihilista, segundo algúns críticos; porén, a estrañeza do disco incrementou a popularidade da banda no underground musical.[1]

Crecente popularidade[editar | editar a fonte]

En 1988 e 1989, Eye atopouse trabando amizade con Sonic Youth e traballando extensamente co proxecto de John Zorn Naked City, servindo como vocalista convidado.[1] Despois da edición do álbum de Boredoms Soul Discharge nos Estados Unidos, a banda foi capaz de valerse da súa crecente popularidade para asinar contratos de longa duración con Warner Bros. Records no Xapón e a súa subsidiaria Reprise Records nos Estados Unidos. Co lanzamento do aclamado Pop Tatari, xeralmente visto como un dos álbums máis estraños editados por un gran selo,[4] Boredoms comezou a xirar con Sonic Youth en 1992, realizou con Nirvana oito concertos consecutivos entre outubro e novembro de 1993, e tamén tocou con Brutal Truth ese mesmo ano. Durante este período Steve Albini pedíulle á banda gravar un tema para un recompilatorio que estaba preparando. Pouco despois Eye volveu colaborar con John Zorn nun EP baixo o nome de Mystic Fugu Orchestra, que foi o primeiro traballo editado no selo de Zorn, Tzadik Records.

Yamataka Eye

No ano seguinte, na cima da súa popularidade nos Estados Unidos, pedíronlle á banda tocar no escenario principal da xira Lollapalooza de 1994 para promocionar o álbum Chocolate Synthesizer, que acababa de ser lanzado no país. O disco foi moi exitoso para unha banda experimental e posteriormente foi considerado un dos mellores álbums dos 90 pola revista Alternative Press. Yoshikawa uníuse á banda por segunda vez os primeiros meses de 1994 para tocar en Pop Tatari, compartindo as voces con Eye, pero marcharía novamente ese mesmo ano sendo substituído na percusión por EDA, que fora presentado ao grupo polo baixista de Pavement Mark Ibold. Boredoms foi eliminado do equipo de Reprise,[5] distribuíndo Birdman Records o seu EP Super Roots nese período.

No tempo do EP de 1998 Super Go!!!!! e o álbum Super æ, a banda comezou a romper bruscamente co seu son anterior, introducindo moitos elementos da música electrónica e minuciosas construcións de rock psicodélico na súa música. As analoxías percibidas coa música de Can foron comúns nese período. Descrito como un "tumultuoso espazo lameado",[6] Super æ foi a miúdo comparado cos elementos definitorios do krautrock dos 70.[1] Pouco despois do seu lanzamento inicial no Xapón, Super æ atopouse cunha considerable aclamación da prensa musical internacional, recoñecéndoo como un artefacto de música de vangarda moderno e unha obra mestra do progresivo.[7] Super æ foi considerado un dos mellores álbum dos anos 90 pola publicación Pitchfork Media.[8]

En 1999 a banda publicou Vision Creation Newsun en Xapón. Nel pode verse unha nova evolución no seu son, combinando os temas envolventes de space rock do seu EP Super Roots e de Super æ cunha inspiración moito máis primal e primitiva.[9] O disco conta con paisaxes sonoras psicodélicas e "sintetizadores cósmicos",[10] complexas percusións tribais, "catárticas celebracións de noise", e o estilo único de Eye coa electrónica e os xiradiscos. O álbum adoita a considerarse o mellor da banda e foi descrito polos críticos como unha mestura da "máníaca e rápida forma de punk rock desmenuzada" dos seus primeiros traballos cun novo son que é "igual de intenso e emocionante, pero máis fermoso e rico".

Tras a súa edición, Eye supervisou unha serie de álbums de remesturas do catálogo Boredoms por DJs convidados. Despois de que o último destes discos fose publicado no ano 2000, Rebore, vol. 0 do propio Eye, Boredoms semellou desaparecer durante uns anos ao non editar nada ou realizar concertos,[1] mentres os seus membros participaban noutros proxectos e bandas.[2]

Actividades posteriores[editar | editar a fonte]

Comezaron a circular rumores sobre a separación da banda, pero un pequeno conxunto que se fixo chamar V∞redoms apareceu en 2003. A formación do grupo cambiara considerablemente ao seu regreso, converténdose nunha banda máis pequena con Yamantaka Eye nas voces, Izumi Kiyoshi nos sintetizadores, e Yoshimi P-We, Nishimura, e EDA tocando batería e percusións.[2]

A pesar dos cambios a música do grupo aínda xiraba ao redor dos patróns de percusións tribais escoitados en Vision Creation Newsun. A banda asino con Vice Records para os seus lanzamentos nos Estados Unidos dende que foi botado de Reprise. Todas as edición de Super Roots foron relanzadas por Vice a principios de 2007 (coa excepción de Super Roots 2).[11] A finais de 2004 Boredoms publicou o seu primeiro álbum como grupo en catro anos, Seadrum/House of Sun, a meirande parte del gravado antes do breve hiato. Este lanzamento tamén marcou o cambio dende a discográfica WEA Japan ao máis pequeno selo xaponés Commmons.[2] O novo disco non foi tan celebrado como os anteriores traballos, aínda que si tivo en xeral recensións positivas e sacando unha puntuación dun 73% en Metacritic.[12] Tras esta edición EDA deixou o grupo e foi substituído por Yojiro Tatekawa.

A comezos de 2007 Boredoms pubicou Super Roots 9, o primeiro traballo da serie Super Roots dende 1999 e a súa priemira grande edición dende Seadrum/House of Sun. Gravouse durante un concerto na noiteboa de 2004, sendo o seu terceiro álbum ao vivo. Con Super Roots 9 os lanzamentos fóra do Xapón pasaron a mans do delo estadounidense Thrill Jockey.[13] Posteriormente, no mes de abril, o grupo (como V∞redoms) realizou tres concertos con Sonic Youth en Xapón.[14]

A banda publicou un DVD/CD en directo chamado Live at Sunflancisco en decembro de 2007 seguido polo sinxelo de reesturas "Voaltz / Relerer" en agosto de 2008, mentres que Eye e Yoshimi lanzaron novos discos propios ese ano. Durante a xira polos Estados Unidos de 2008 con Iron & Wine, Eye usou unha nova guitarra de sete mastros chamada "Sevener" ou "Sevena". O 28 de xaneiro de 2009 a banda publicaría un novo EP para a serie Super Roots, o Super Roots 10.

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbum Ano Selo
Osorezan no Stooges Kyo 1988 Selfish Records, Earthnoise
Soul Discharge 1989 Selfish, WEA Japan
Pop Tatari 1992 WEA Japan
Chocolate Synthesizer 1994 WEA Japan
Super æ 1998 Warner Music Japan
Vision Creation Newsun 1999 Birdman, WEA Japan
Seadrum/House of Sun 2004 Warner Music Japan, Vice

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Vice Records (ed.). "Biografía de Boredoms". Consultado o 12 de abril de 2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Exclaim! (ed.). "Boredoms: The Art of Noise". Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2007. Consultado o 12 de abril de 2016. 
  3. Browbeat (ed.). "Boredoms". Consultado o 12 de abril de 2016. 
  4. Allmusic (ed.). "Pop Tatari en Allmusic". Consultado o 12 de abril de 2016. 
  5. Metropolis Tokyo (ed.). "Outside The Box". Consultado o 12 de abril de 2016. 
  6. Boomkat (ed.). "Super æ". Consultado o 13 de abril de 2016. 
  7. Stylus (ed.). "Boredoms - Super Ae". Consultado o 13 de abril de 2016. 
  8. Pitchfork (ed.). "Top 100 Albums of the 1990s". Consultado o 13 de abril de 2016. 
  9. Ground and Sky (ed.). "Boredoms - Vision Creation Newsun". Consultado o 13 de abril de 2016. 
  10. Aural Innovations (ed.). "The Boredoms - "Vision Creation Newsun"". Consultado o 13 de abril de 2016. 
  11. Vice Records (ed.). "Who says we can't put out 6 Boredoms records?". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 14 de abril de 2016. 
  12. Metacritic (ed.). "Seadrum/House Of Sun". Consultado o 14 de abril de 2016. 
  13. Tiny Mix Tapes (ed.). "Boredoms Sign to Thrill Jockey; Thrill Jockey Is Fucking Awesome". Consultado o 14 de abril de 2016. 
  14. Pitchfork (ed.). "Sonic Youth Tour Japan with Vooredoms (Boredoms)". Consultado o 14 de abril de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]