Birlos celtas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pedra de birlos celtas na igrexa de San Vicente de Mañufe, Gondomar, Galicia.

Os birlos celtas[1][2] son un xogo tradicional desenvolvido en Galicia.[3][4] O mestre e escritor galego Miguel Anxo Mouriño, ten publicado que o nome patrimonial é birlos celtas, "pero a interferencia do castelán substituíu a palabra autóctona, seguramente para sempre, pola foránea de Bolos, quedando a pegada da orixinal só no nome dunha das xogadas deste deporte".[5] Actualmente existen dúas grandes modalidades de xogos de birlos: de derribo e pasabolos.[6] Os birlos celtas atópanse na de pasabolos, onde salienta a forza e potencia do xogador sobre toda outra destreza. Este xogo ten na comarca do Val Miñor o seu pulo histórico en Galicia, concentrando a 2016 o 70% dos xogadores con ficha na Federación Galega de Bolos[3][7]. Tamén se practica de forma federada en Asturias, Cantabria e Madrid, sendo a Federación Española de Bolos quen regula este deporte a nivel estatal. Por mor da emigración, existen equipos desta modalidade no Río da Prata, con sede nas asociación de emigrantes do Val Miñor en Bos Aires e Montevideo.[3]

Birlos de derribo e birlos de pasabolos[editar | editar a fonte]

Xilografía de birlos sobre céspede do século XVI

En Galicia practícanse as dúas modalidades de xogo: de derribo e pasabolos. Sendo o bowling o máis popular da modalidade derribo e os birlos celtas na de pasabolos.

A modalidade derribo está asociada historicamente á destreza, cun papel secundario da forza do xogador. Esta modalidade alcanzou popularidade entre a burguesía, e segue a practicarse na actualidade, sendo o bowling a que acada máis seareiros, segundo Isidro Costas, presidente da Federación Galega de Bolos. Engade que a tradición localiza os seus orixes nos ámbitos místicos ou relixiosos, onde se utilizaban os birlos como símbolos do "derribo do mal".

Nesta distinción, o mesmo autor sinala que o pasabolos ten máis vencello con Galicia, sendo unha modalidade de "máis forza e potencia para xogar". Agrega que é propia do rural, tanto das zonas costeiras como de montaña, e que durante séculos foi xogado e transmitido por pastores, monteiros, canteiros e mesmo por cregos. [3][4]

Vocabulario e elementos do xogo[editar | editar a fonte]

Como todo xogo, utilízanse unha serie de palabras que definen elementos e distintas xogadas. Nese senso e seguindo o estudo de José Rodríguez Domínguez, as palabras técnicas máis salientables son:[8]

Armar o plantar: acción de colocar os birlos no lugar correspondente.

Birlar: lanzar a bola por segunda vez desde o birle, habéndose considerado válido o primeiro lanzamento desde o tiro.

Birle: lugar onde se coloca o xogador para birlar.

Branca: a bola que, lanzada dende o tiro, non realiza xogada algunha, é dicir, non derriba ningún birlo.

Bola: elemento fundamental do xogo, de madeira de buxo ou outro material, totalmente redonda, dunhas dimensións de 13 a 14,5 cm de diámetro e un peso entre os 1,5 e os 2 quilos.

Bola corta: bola que lanzada dende o tiro, bate na pedra antes dos birlos.

Bola larga: bola que lanzada desde o tiro bate na punta dos birlos, ou adianta os mesmos sen tocalos.

Bola “choca” ou “meca”: bola que lanzada dende o tiro, e unha vez bate nos birlos non pasa a liña de 10.

Boleira ou campo de xogo: espazo onde se xoga aos birlos, composto de: tiro, pedra, raia, campo de tiro, campo de birlos e birle.

Birlo: xunto coa bola, é outro elemento fundamental do xogo; de madeira de buxo, inda que pode ser doutro material, de forma de cono rematado en punta (“supositorio”), cunha altura entre 15 e 16 cm, e un peso entre 150 e 200 gramos.

Club: equipo de xogadores, sociedade de birlos.

Pedra: lugar onde se colocan os birlos plantados e listos para xogar.

Partida: conxunto de xogos necesarios para gañar un encontro.

Raia: liña curva que forma un semi-círculo regular en relación coa pedra. Ten un radio perpendicular á pedra de 21 metros. Xeralmente márcase cun foxo trazado no chan do campo de xogo.

Tirada: conxunto de boladas, que tira cada equipo nun encontro.

Tirar: lanzar a bola dende o tiro coa intención de derribar o maior número de birlos.

Tiro: lugar onde se coloca o xogador para tirar.

Tumbar: acción realizada co tiro cara aos birlos.

Descrición do xogo[editar | editar a fonte]

Seguindo a descrición de Miguel Anxo Mouriño:  o campo de xogo "consta dunha base de lanzamento de 35 ou 40 cm de altura, un foxo de caída, que axuda a conseguir maior precisión e forza na tirada, xa que o lanzador retira cara atrás o brazo coa bola para que colla máis inercia e imprímelle un movemento brusco cara adiante, movemento que se inicia na base e remata xusto cando o xogador se deixa caer no foxo, a pedra birleira, que debe estar lixeiramente inclinada cara á base de lanzamento e ter unha liña de pequenas superficies circulares en baixorrelevo para os birlos, habitualmente 18 que deben estar á mesma altura cá base de lanzamento; e a raia de 10 puntos, liña situada a 21 metros da pedra birleira. Úsanse bolas macizas de madeira e birlos cilíndricos, aguzados nun extremo, duns 15 cm de altura, ambos utensilios adoitan ser de buxo e estar ben mollados antes comezar para aumentar o seu peso e contundencia. O xogo ten dúas partes a primeira consiste en lanzar a bola con forza para tirar o maior número de birlos e o máis lonxe posible, para que a tirada sexa válida a bola debe traspasar a raia de 10, se é valida, os birlos que tamén traspasan valen 10 puntos cada un e os que non, pero están deitados, 1 punto. En caso de xogada válida, a segunda parte do xogo consiste en birlar dende un punto axeitado da raia de 10, é dicir, tirar a bola a rente o chan para deitar cantos birlos poida (que estarán plantados de volta) para conseguir 1 punto por cada un."[5]

Historia[editar | editar a fonte]

Debuxo dos arqueólogos William Flinders e James Edward Quibell dun posible xogo de birlos exipcio. (1895, Londres : B. Quaritch, p. 35 Biblioteca de la Universidade de Cornell).

Orixes dos birlos[editar | editar a fonte]

Para José Rodríguez, deportista e investigador deste deporte, os xogos de birlos teñen un afastado percorrido histórico que pode iniciarse nos tiros de pedra que facía o home dende a prehistoria. Engade que existen xogos de birlos na civilización exipcia, pero entende que non será até pasada a Idade Media, que terá o carácter de ocio activo.

Nesta liña, sinala que no século XVI, os birlos xa tiñan a súa relevancia en España, e este era controlado por Reais Ordenes así como prohibido por estas. No ano 1581, unha Real Orde cita o seguinte: “mandou a súa mercé que de aquí en diante non bailen, nin xoguen aos birlos dentro do recinto do cemiterio da Igrexa, so pena de excomuñón e de dous reais de pena cada vez…. “. Outra de 29-06-1581 dita: “que se pregoe que ningunha persoa sexa ousada de xogar aos birlos en ningunha das rúas da Vila, so pena de douscentos marabedís de multa… “.

Engade José Rodríguez que desta mesma forma aparecen continuas prohibicións en 1722, en 1747, en 1749 e 1799, en varias localidades españolas.[4]

Os birlos en Galicia[editar | editar a fonte]

Os birlos celtas serán unha adaptación do xogo de pasabolos no noroeste peninsular, especialmente nas comarcas do Baixo Miño e Val Miñor, na provincia de Pontevedra, Galicia. Para os investigadores, a modalidade chegou seguramente das sociedades nórdicas, e moi probablemente a través do Camiño de Santiago. Tras un período de adaptación xurdiron diferentes formas de xogar, sendo sobre o século XIX que toma popularidade como birlos celtas, espccialmente na comarca do Val Miñor que foi e segue a ser o pulo desta modalidade.[8][3]

Desta evolución, José Rodríguez sinala que as referencias verbais sitúan a práctica do birlo celta no sur de Galicia, cando menos na segunda metade o século XIX “Xa de neno escoitaba eu o meu avó que cando el era novo”….., "é unha das moitas frases repetidas por todos aqueles que, por motivos de idade, se converteron en espectadores da festa bolística. Non obstante, non existen documentos escritos sobre o xogo, aínda que a tradición oral certifica que as normas e as regras de entón tiñan moita similitude coas de agora".

Durante o século XX, en todas as vilas e barrios, tanto do Val Miñor coma dos arredores existiron boleiras, e o transcurso do tempo tamén modificou algunhas das normas que rexen o xogo. Por exemplo, sábese que non sempre houbo unha distancia precisa de tiro.[8]

A popularidade deste xogo nas terras do Miñor é confirmada polo citado Miguel Mouriño quen relata que este deporte era tan practicado na bisbarra que se podían ver "pedras de birlos por moitos lugares das aldeas, e digo pedras e non campos de birlos (que tamén os había, aínda que en cantidade moito menor), porque se trataba de espazos para a actividade da vida cotiá que se habilitaban no momento de botar unha partida con só escavar o foxo de caída que debería quedar tapado ao finalizar." [5]

Pola súa banda, José Rodríguez confirma que antigamente as boleiras estaban situadas, "normalmente, nas prazas dos pobos, diante das igrexas, por ser os lugares máis coidados e céntricos, xa que era onde se organizaban romaxes, festas etc"[4]

Ambos os dous investigadores comentan que as competicións consistían en xogarse, cordeiros, galos, xarras de viño, e outros premios similares. Eran competicións libres, sen bases nin regulamento ningún, poñéndose de acordo nas normas a seguir todos os xogadores antes da competición.[4][5]

Nesta diversidade, Isidro Costas sinala que nos camiños e espazos comunitarios do Val Miñor atópanse lousas de 5 até 18 furacos. Os máis antigos deles, sostíñanse os birlos con bosta ou lama. [3]

A partir do ano 1990, todos os clubs e xogadores están debidamente inscritos e rexistrados na Federación Galega de Bolos e na Secretaria Xeral para o deporte da Xunta de Galicia,  e todas as competicións se rexen por un regulamento de Bolos Celta aprobado no ano 1990, con pequenas modificacións posteriores, por todos os clubs.[9][3][4]

Clubs integrantes da Federación Galega de Bolos[editar | editar a fonte]

  • Arcasco
  • Bolos do Cean
  • Belesar Urgal
  • Concello de Gondomar
  • Cruceiro de Meilan
  • Camos
  • Carrasca
  • Estivada
  • Forcadela
  • Iniciadora
  • Medialdea
  • O Cadaval
  • O Sobreiro
  • Peitieiros
  • Portamean
  • Rega
  • Ribatra
  • San Miguel de Peitieiros
  • San Vicente de Mañufe
  • San Cibran
  • San Roque
  • Santalla
  • Santa Eulalia
  • Santiago de Parada
  • Vilachan
  • Xove
  • Xunqueira

Competicións oficiais de Bolos Celtas[editar | editar a fonte]

  • Campionato de Liga Galega de 1ª e 2ª División
  • Campionato Galego individual de 1ª e 2ª
  • Campionato Galego de Parellas de 1ª e 2ª
  • Campionato Galego intermodal
  • Campionato Galego mixto por parellas
  • Campionato Galego de veteranos e superveteranos
  • Campionato Galego feminino, individual e de parellas
  • Campionato Galego de categorías inferiores
  • Campionato de España por equipos de 1ª e 2ª
  • Campionato de España individual de 1ª e 2ª
  • Campionato de España de parellas de 1ª e 2ª
  • Campionato de España de veteranos e superveteranos
  • Campionato de España mixto por parellas
  • Campionato de España feminino
  • Copa España
  • Torneo Nacional de Cangas de Narcea
  • Torneo de Nadal
  • Copa Presidente Xunta de Galicia
  • Torneo Concello de Nigrán
  • Torneo Concello de Gondomar
  • Torneo Concello de Tomiño
  • XXIV horas de Bolos de A Carrasca
  • XII horas de Bolos Medialdea
  • XII horas de Bolos Camos
  • Torneo de Belesar-Urgal
  • Torneo de Peitieiros
  • Torneo San Fiz (Nigrán)
  • Torneo Viana do Bolo (Ourense)
  • Torneo de Pontenova (Lugo)
  • Intercontinental (España-Arxentina-Uruguai)

Censo de equipos galegos de Bolos Celtas[editar | editar a fonte]

Concello de Baiona[editar | editar a fonte]

  • Santa Marta
  • Meira Orrea
  • Club de Bolos A Rega (Sabaris)
  • Club de Bolos Belesar-Urgal (Belesar)
  • Club de Bolos Medialdea (Belesa)
  • Club de Bolos Portamean (Belesar)
  • Club de Bolos Estivada (Belesa)
  • Club de Bolos Baredo (Baredo)

Concello de Gondomar[editar | editar a fonte]

  • Club de Bolos Peitieiros (Peitieiros)
  • Club de Bolos San Cibrán (Donas)
  • Club de Bolos San Vicente de Mañufe (Mañufe)
  • Club de Bolos Xunqueira (Borreiros)
  • Club de Bolos Sobreiro (Borreiros)
  • Club de Bolos San Miguel (Peitieiros)

Concello de Nigrán[editar | editar a fonte]

  • Club de Bolos Camos (Camos)
  • Club de Bolos Carrasca (Parada)
  • Club de Bolos Cean (Nigrán)
  • Club de Bolos Iniciadora (Nigrán)
  • Club de Bolos San Roque (Camos)
  • Club de Bolos Santiago de Parada (Parada)
  • Club de Bolos San Bartolomé (Camos)
  • Club de Bolos Santa Eulalia (Camos)

Concello de Tomiño[editar | editar a fonte]

  • Club de Bolos Forcadela (Forcadela)
  • Club de Bolos Vilachan (Barrantes)

Concello de Vigo[editar | editar a fonte]

  • Club de Bolos Valladares (Valadares)

Censo de campos de birlos no Val Miñor[editar | editar a fonte]

Concello de Baiona[editar | editar a fonte]

  • Medialdea-Belesar (3 boleras)
  • Belesar-Urgal  (2 boleras)
  • Rega-Sabaris (1 bolera)
  • Belesar- Estivada (1 bolera)
  • Baredo (1 bolera)

Concello de Gondomar[editar | editar a fonte]

  • Peitieiros-Gondomar (1 bolera)
  • Mañufe-San Sebastián (1 bolera)
  • San Cibrán-Donas (1 bolera)
  • Borreiros-Gondomar (1 bolera)
  • As Cercas- Gondomar (2 boleras)

Concello de Nigrán[editar | editar a fonte]

  • Camos-Nigrán (4 boleras)
  • Carrasca-Parada (2 boleras)
  • Cean-Nigrán (1 bolera)

Concello de Tomiño[editar | editar a fonte]

  • Cristelos-Tomiño (2 boleras)
  • Forcadela-Tomiño (1 bolera)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Belesar Urgal e Estivada de Baiona, campións de España de birlos celtas por equipos". crtvg.es/informativos. 3 de setembro de 2019. Consultado o 19 de xuño de 2020. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para birlo.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Peralta Techera, Álvaro Agustín (Outono 2016). ""Bolos Celtas" unha modalidade de birlos co selo do Val". Cousas de Val Miñor (Edisiones Basán S.L.) IV (13): 14–15. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Rodríguez Domínguez, José. "Historia". Federación Galega de Bolos Celtas. Consultado o 18/06/2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Varios Autores (2012). Retallos de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 29. ISBN 978-84-616-1271-0. 
  6. Rodríguez García, Noelia (2017). "El Bolo Celta en el Concejo de Tineo" (PDF). Buleria.unileon.es (en Castelán). p. 11. Consultado o 17/06/2020. 
  7. "Liga de Bolos". Concello de Baiona. Consultado o 17/06/20. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Rodríguez Domínguez, José. "Reglamentos". Federación Galega de Bolos Celtas. Consultado o 18/06/2020. 
  9. "Deporte Galego". Deporte.Xunta.Gal. Consultado o 18/06/2020.