Saltar ao contido

Bieito Vázquez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaBieito Vázquez
Biografía
Nacemento1925 Editar o valor en Wikidata
Bora, España Editar o valor en Wikidata
Morte27 de outubro de 1998 Editar o valor en Wikidata (72/73 anos)
Valencia, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
OcupaciónPintura e escultura
Premios
Premio Cidade de Pontevedra polo seu labor artístico

Sitio webwww.bieitomvazquez.es
BNE: XX1492851 BUSC: martinez-vazquez-benito-1925-1998

Bieito Martínez Vázquez, nado en Bora, Pontevedra en 1925 e finado en Valencia o 27 de outubro de 1998, foi un pintor e escultor galego cunha obra onde destaca a súa temática e as súas calidades de estilo e técnica. Centrou o seu facer artístico nun expresionismo figurativo mantendo a figura feminina como tema case monográfico do seu traballo. Como aprecia José Curt, comisario da exposición “De onte a hoxe; catro pintores en Pontevedra”, organizada polo Museo de Pontevedra entre o 28 de novembro de 2014 e o 12 de xaneiro de 2015:

Bieto pintaba, xeralmente, mulleres. Non lle iban as boinas pret a porter do paisano galego. E eso que naquela época a boina era para o labrego algo así como as cellas, unha peza máis da súa anatomía. O que deixara debaixo daquelas boinas era un segredo de alcoba. Pero a Bieito só lle inspiraban as mulleres de pano negro anoado na fronte nun modo que era unha liturxia antropolóxica, a seña de identidade da muller galega de entón. Non quería modelos.

Entre a súa extensa obra encóntrase o retrato da poeta galega Rosalía de Castro titulado A Dona Inmorrente. Bieito M. Vázquez pintou este cadro con motivo do centenario da publicación de Follas novas, unha das obras máis importantes de Rosalía. Adquiriuno a Xunta de Galicia e exhíbese no salón de actos do palacio compostelán de Raxoi.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Bieito Martínez Vázquez naceu na parroquia de Bora da cidade de Pontevedra, capital da provincia homónima en Galicia (España) no ano 1925. Foi o primoxénito do matrimonio formado por Benito Martínez e María Vázquez. O seu pai era canteiro e a súa nai, campesiña. Ao pouco de nacer, a súa familia trasladouse a Mourente onde transcorreu a súa infancia. Sufriu a enfermidade do mal de Pott, o que o obrigou a permanecer encamado durante trece anos no sanatorio antituberculoso da Lanzada. Durante este período realizou numerosos debuxos que causaron admiración entre os seus compañeiros internos, facéndose notar as súas calidades para o debuxo. En 1936, trasladouse á Coruña e pasou catro meses nun hospital da devandita localidade ata que foi dado de alta.

Ao seu regreso a Pontevedra comezou a traballar no estudo do fotógrafo pontevedrés Chao, onde aprendeu o oficio de fotógrafo. A partir de entón, compaxinou esta profesión coa práctica continua da pintura e a modelaxe, frecuentando museos e exposicións, e tratando de aprender todo o que puido, converténdose en autodidacta. Contraeu matrimonio en 1959 con Josefa Chico, muller que tivo unha grande influencia na súa obra.

Expuxo a súa obra por primeira vez en 1972, na Sala de Arte da Delegación de Información e Turismo da cidade de Pontevedra. A esta exposición seguíronlle moitas outras, individuais e en conxunto, destacando entre elas “Arte Galego”, celebrada na Galería Cid de Madrid e a I Mostra de Pintura Galega na Sala Van Gogh de Vigo, ambas en 1975. En 1976 foi pensionado pola Excelentísima Deputación Provincial de Pontevedra coa “Bolsa para ampliación de estudos no estranxeiro” e viaxou a París, Barcelona e Caracas. En 1977 obtivo o premio “Cidade de Pontevedra” polo seu labor artístico.

En 1979 faleceu súa nai, María Vázquez, á que estaba moi unido e na que se inspirou para facer moitas das figuras dos seus cadros, sendo un retrato dela unha das súas mellores obras.

Ese mesmo ano deixou de traballar como fotógrafo no estudo de Chao para dedicarse por completo á pintura e á escultura. Realizou numerosas exposicións, tanto individuais como colectivas, e formou parte do Grupo Eixo cos pintores Arturo Cifuentes, Jaime Falcón, Ricardo Ferreiro e Rogelio Lorenzo.

Morreu en Valencia (España) o 27 de outubro de 1998.

A obra de Bieito M. Vázquez destaca, segundo o crítico de arte Remigio Nieto, por posuír un estilo expresionista moderado, de corte romántico, e unha pincelada de xesto tembloroso e matices verdigrises. Bieito M. Vázquez escudriña os misterios da Galicia profunda, os seus mitos e lendas, e, sobre todo, exalta a dignidade das mulleres traballadoras, o seu amor maternal, a frescura das mozas e a tenrura e inocencia dos nenos. Tamén mostra ese trasmundo da alma galega, caseño, sentimental, de fondas raíces humanas, que chega a transcenderse en símbolo de toda unha humanidade dorida, cun certo dramatismo expresado por medio de equilibradas composicións, melódicas gamas de cores e unha tenue luz de penumbra, como palpitando entre o orballo.

Nunha entrevista realizada por Remigio Nieto en 1983, Bieito M. Vázquez define así a súa forma de pintar:

Teño un compromiso total, de maneira social e apaixonada por Galicia. Un compromiso espontáneo. A miña técnica responde á necesidade de expresalo coa maior claridade posible. Non preciso buscar modas, non busco unha modernidade nin unha pintura pretendidamente vangardista.

Algunhas das súas obras son:

  • 1953 – Da aldea do monte (óleo/lenzo, 50×40 cm)
  • 1954 – O noso eirado (óleo/lenzo, 55×46 cm)
  • 1965 – Polos vieiros da fraga (óleo/lenzo, 46×33 cm)
  • 1973 – Sotoxusto. Redondela (óleo/lenzo, 46×38 cm)
  • 1974 – O Berro (óleo/lenzo, 50×70,5 cm)
  • 1974 – Aquelarre (óleo/lenzo, 82×100 cm)
  • 1975 – Miña Nai (óleo/lenzo, 65×81 cm)
  • 1977 – Conversa (óleo/lenzo, 43×73 cm)
  • 1978 – Meigas (óleo/lenzo)
  • 1979 – Desconsolada (óleo/lenzo)
  • 1980 – A Dona Inmorrente (óleo/lenzo, 95×143 cm)
  • 1980 – Autorretrato (óleo/lenzo, 65×81 cm)
  • 1981 – Costureira (óleo/lenzo, 29×38 cm)
  • 1981 – Vendedora de queixos (óleo/lenzo)
  • 1982 – Descansando (óleo/lenzo)
  • 1982 – Retrato Fina (óleo/lenzo, 65×81 cm)
  • 1982 – Moza (óleo/lienzo, 51×70 cm)
  • 1982 – Na noite meiga de San Xoan (óleo/lenzo, 100×50 cm)
  • 1983 – Novas noticias (óleo/lenzo, 116×89 cm)
  • 1987 – Moza (óleo/lenzo, 55×46 cm)
  • 1988 – Maternidade (óleo/linzo, 55×46 cm)
  • 1988 – Mourente (óleo/lenzo, 162×114 cm)
  • 1988 – Feira (óleo/lenzo)
  • 1988 – Maternidade dando o peito (óleo/táboa 38×46 cm)
  • 1988 – Irmáns (óleo/lenzo, 65×50 cm)
  • 1989 – Os paraguas (óleo/lenzo, 65×49 cm)
  • 1989 – O berro (escultura, bronce)
  • 1989 – Moza (óleo/lenzo)
  • 1990 – Descoñecida (óleo/lenzo, 41×33 cm)
  • 1990 – A ollada (óleo/lenzo, 61×50 cm)
  • 1992 – Na festa (óleo/lenzo)
  • 1992 – Nontronte, onte e hoxe (óleo/lenzo)
  • 1993 – Choronas de Coiro (escultura, bronce)
  • 1994 – Alumeando as terras polo camiño da fraga (óleo/lienzo, 55×46 cm)
  • 1994 – A cata do albariño (óleo/lenzo, 100×81 cm)
  • 1995 – Na feira de Arzúa (óleo/lenzo, 96×55 cm)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Gran Enciclopedia Galega. Tomo 35, Páxina 76. A Coruña.
  • Homenaxe a Benito Vázquez, Caixa de Pontevedra, 6 de xullo-31 de agosto de 2000.
  • Arte en Pontevedra, Concello de Pontevedra, 1998.
  • "De Onte a hoxe: catro pintores en Pontevedra", 28 de novembro de 2014 a 12 de xaneiro de 2015.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]