Benito Couceiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaBenito Couceiro
Biografía
Nacemento1882 Editar o valor em Wikidata
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Mortemaio de 1948 Editar o valor em Wikidata (65/66 anos)
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónzapateiro , sindicalista Editar o valor em Wikidata

Benito Couceiro Gómez, nado na Coruña en 1882 e finado na mesma cidade a finais de maio de 1948,[1] foi un zapateiro e sindicalista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Tiña os talleres de zapateiro na rúa Estrela e posteriormente en Fontán. Foi tesoureiro da Sociedade de Zapateiros (1902-1903), e interveu nun mitin no Teatro Circo en 1903 e nun acto na Praza de Touros en solidariedade “para con las víctimas de la Mano Negra” en 1903. Foi despois presidente da sociedade, e como tal interveu nun mitin en protesta polos proletarios presos en Barcelona, París, Rusia e a Arxentina en 1905. Foi vicesecretario de Constructores de Calzado (1909) e contador, por Zapateiros, da Federación Solidariedade Obreira Galega, na Coruña (1911). En 1919 era un dos patróns do Gremio de Zapateiros que aceptou as bases presentadas polos obreiros dese oficio. Foi tamén presidente do Sindicato de Profesións Varias (1918) e vicepresidente do mesmo ao ano seguinte (1919). Por ese sindicato é designado delegado para asistir ao Congreso da CNT celebrado no Teatro da Comedia de Madrid en 1919. Tamén foi secretario da Asociación de Inquilinos (1913) e presidiu un mitin contra a carestía do pan, vivendas e falta de traballo en 1914. Ao ano seguinte ocupou a presidencia da entidade, e presidiu un mitin no Teatro Circo, coas mesmas reclamacións. En 1915 fundouse o Comité de Defensa Económico e Social da Coruña do que foi inicialmente secretario da Comisión de Inquilinato, intervindo no mitin do Teatro Circo no que o Comité dá conta das súas xestións. Pouco despois foi elixido presidente do Comité, interveu en mitins na cidade e arredores e asembleas da Federación Local Obreira. Tamén, e calidade de presidente do Comité, enviou un escrito ao Concello da Coruña, sobre os impostos da leña e as patacas.

Directivo do Centro de Estudios Sociales Germinal do que foi tesoureiro (1908-1909), secretario (1914, 1916-1918), vogal (1919) e presidente (1923-1924; 1934; 1935 ata o final da República). Presidiu e interveu no mitin contra a guerra do Teatro Rosalía en novembro de 1935.

Foi membro do grupo editor de La Acción (1908), secretario de exterior do grupo anarquista Pro Tierra y Libertad, creado na Coruña en apoio do periódico do mesmo nome (1910), colaborou en La Voz de Galicia e polemizou co tipógrafo socialista Esteban Fernández Temprano en ¡Despertad!. Durante a Segunda República colaborou nos voceiros anarcosindicalistas Solidaridad Obrera, Solidaridad e no semanario La Calle, vinculado ao Partido Sindicalista.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con María Raposo Cruz e foi pai de Raúl, Horacio, Luis, Germinal, Florinda e Raquel.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Voz de Galicia, 2-6-1948, p. 2.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]