Beltrán de la Cueva
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1443 (Gregoriano) Úbeda (Coroa de Castela) |
Morte | 1 de novembro de 1492 (48/49 anos) Cuéllar (Coroa de Castela) |
42º Gran Mestre da Orde de Santiago | |
1462 – 1463 | |
Datos persoais | |
Residencia | Castelo de Cuéllar |
Actividade | |
Ocupación | político, militar |
Carreira militar | |
Rango militar | Xeneral |
Outro | |
Título | Duke of Alburquerque (en) (1464–1492) Señor de Cuéllar |
Familia | House of de la Cueva (en) |
Cónxuxe | Mencía de Mendoza y Luna Mencía Enríquez de Toledo María de Velasco y Mendoza |
Fillos | Íñigo de la Cueva y Mendoza Juan de la Cueva y Santiago () Pedro de la Cueva and Velasco () María de Velasco y Mendoza Xoana a Beltranexa (disputado) () Henrique IV de CastelaXoana de Portugal Francisco Fernández de la Cueva, 2nd Duke of Alburquerque () Mencía de Mendoza y Luna |
Pais | Diego Fernández de la Cueva e Mayor Alfonso de Mercado |
Irmáns | Juan II de la Cueva Gutierre de la Cueva |
Beltrán de la Cueva, nado en Úbeda (Xaén) en 1443 e finado en Cuéllar o 1 de novembro de 1492, foi un nobre castelán.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]En 1456, o rei Henrique IV hospedouse na casa do seu pai, Diego Fernández de la Cueva, que era rexedor e cabeza da súa liñaxe en Úbeda. Como agradecemento ás atencións recibidas, o monarca ofreceu ao fillo máis vello de Diego un posto na Corte, pero Diego rogoulle que ocupase o seu lugar Beltrán, por ter o outro que atender o morgado familiar, e así chegou como paxe Beltrán de la Cueva a corte castelá.
Unha vez no seu novo destino, Beltrán de la Cueva ascendeu rapidamente grazas ás súas excelentes relacións co rei. En 1458 foi nomeado mordomo de palacio e señor de Xaén, e en 1461 entrou no Consello Real, desprazando a Juan Pacheco, Marqués de Villena, como home de confianza (valido) de Henrique IV. Paralelamente, o seu irmán Gutierre foi nomeado bispo de Palencia. En 1462 concedéronselle os cargos de Conde de Ledesma e Mestre da Orde de Santiago. Tamén posuía por entón a cidade de Huelma, concedida en 1460 como dote pola súa voda con Mencia de Mendoza y Luna, sobriña do poderoso cardeal andaluz Pedro González de Mendoza. Diego Fernández de la Cueva foi obsequiado co Vizcondado de Huelma, que, á morte deste, pasou a Beltrán de la Cueva, sendo elevado o título a Condado, chamándose primeiro Conde de Huelma.
Esta fulgurante carreira desatou as envexas e rancores de numerosos cortesáns e nobres, en especial o Marqués de Villena. Co fin de desacreditalo politicamente, comezaron a difundirse rumores sobre supostas aventuras de Beltrán de la Cueva coa raíña, Xoana de Portugal, e ata chegou a asegurarse que a princesa Xoana non era filla do rei (ao que se xulgaba impotente), senón do propio Beltrán. Por esta razón, no futuro comezaríase a alcuñar á herdeira ao trono como Xoana a Beltranexa. As críticas chegaron ao seu nivel máis alto tralo seu nomeamento como Maestre de Santiago, ata o punto de que Henrique IV viuse obrigado por primeira vez a tomar medidas contra De la Cueva co fin de calalas. En 1463 foille retirado o cargo de Mestre e ordenóuselle que se afastase da Corte, pese a que foi recompensado coa concesión do título de Duque de Alburquerque (creado especificamente para el) así como a entrega do castelo de Anguix e o goberno das poboacións de Roa, Aranda, Molina de Aragón, Cuéllar e Atienza.
En 1465 púxose ao lado do rei na chamada Farsa de Ávila, conxura na que destacados nobres (entre eles o Marqués de Villena e o Arcebispo de Toledo, Alfonso Carrillo) pretendían derrocar ao rei, e participou na Segunda Batalla de Olmedo (1467) que puxo fin á intentouna. Como premio engadiu ás súas posesións as vilas de Mijares, A Adrada e Colmenar, que sería rebautizada posteriormente como Mombeltrán na súa honra.
Contra o que se puidera imaxinar, Beltrán de la Cueva nunca tomou partido pola súa suposta filla durante a Guerra Civil Castelá que enfrontou a Xoana coa súa tía Isabel entre 1474 e 1479, logo da morte de Henrique. Ao contrario, combateu nas filas isabelinas durante varios anos, tanto na guerra sucesoria como no asedio de Granada de 1491. Morreu o día de Todos os Santos de 1492 no seu castelo de Cuéllar.
Beltrán de la Cueva dedicou parte do seu tempo a glosar o Libro de cetreríade Xoán de Sahagún, cetrero do rei Xoán II de Castela. Desta obra coñécense catro copias: dous consérvanse na Biblioteca Nacional de España, outra na Universidade de Yale e recentemente descubriuse unha cuarta na Biblioteca Statale de Montevergine (Italia), aínda que esta versión omite as glosas de D. Beltrán.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carceller Cerviño, María del Pilar, Realidad y representación de la nobleza castellana del siglo XV: el linaje de la Cueva y la casa ducal de Alburquerque, Madrid, 2007.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Realidad y representación de la nobleza castellana del siglo XV: el linaje de la Cueva y la casa ducal de Alburquerque, edición dixital da obra (en castelán)
- Recensión en Castelos de España (en castelán)
- Torre de Don Beltrán de la Cueva en Santillana del Mar (Cantabria) (en castelán)
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Beltrán de la Cueva |