Farsa de Ávila

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sepulcro do infante Afonso de Castela en Burgos.

A farsa de Ávila foi unha cerimonia que tivo lugar nos arredores de Ávila o 5 de xuño de 1465, cando un grupo de grandes nobres casteláns depuxo en efixie o rei Henrique IV de Castela e proclamou rei no seu lugar o seu medio-irmán o infante Afonso, máis coñecido como "Afonso o Inocente". O nome de farsa foi dado polos detractores á proclamación, e con ese nome pasou á historia.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Durante o reinado de Henrique IV os diversos bandos nobiliarios loitaron entre eles e contra o rei para acaparar parcelas de poder. O poderoso marqués de Villena estaba descontento co trato de favor de Enrique aos seus rivais os Mendoza e o valido Beltrán de la Cueva. O marqués formou unha alianza contra o rei xunto cos arcebispos de Toledo, Sevilla e Santiago, a familia Enríquez, os condes de Plasencia e de Alba e outros nobres e eclesiásticos menores.[1]

O 11 de decembro de 1464 a liga en contra do rei Henrique deu un ultimato: si o rei non rectificaba no seu comportamento e desfacíase do seu goberno, destituiríano.[2] Henrique tratou de negociar pero non houbo acordo e o rei foi deposto, primeiro en Plasencia o 27 de abril de 1465 e a continuación en Ávila o 5 de xuño.[3]

Desenvolvemento da cerimonia[editar | editar a fonte]

Murallas medievais de Ávila.
Farsa de Ávila

Sobre un gran taboado visible desde gran distancia, os conxurados colocaron unha estatua de madeira que representaba ao rei vestido de loito e ataviado coa coroa, o bastón e a espada reais. Na cerimonia estaban presentes Alfonso Carrillo arcebispo de Toledo, o marqués de Villena, o conde de Plasencia, o conde de Benavente e outros cabaleiros de menos status, ademais dun público composto por persoas do pobo chan. Tamén se atopaba alí o infante Afonso, que por entón aínda non chegaba aos 13 anos de idade.[3]

Celebrouse unha misa e, unha vez terminada, os rebeldes subiron ao taboado e leron unha declaración con todos os agravios dos que acusaban a Henrique IV. Segundo eles, o rei mostraba simpatía polos musulmáns, era homosexual, tiña un carácter pacífico e, a acusación máis grave, non era o verdadeiro pai da princesa Xoana, á que xa que logo negaban o dereito a herdar o trono.[3]

Tralo discurso, o arcebispo de Toledo quitoulle á efixie a coroa, símbolo da dignidade real. Daquela o conde de Plasencia quitoulle a espada, símbolo da administración de xustiza, e o conde de Benavente quitoulle o bastón, símbolo do goberno. Para rematar, Diego López de Zúñiga, irmán do conde de Plasencia, derribou a estatua gritando Á terra, puto!.[3]

Seguidamente subiron ao infante Afonso ao taboado, proclamárono rei ao grito de Castela, polo rei don Afonso! e procederon á cerimonia do beixamáns.[3]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

O novo rei, proclamado como Afonso XII, foi considerado unha marioneta en mans do marqués de Villena e non foi aceptado por unha gran parte do país, que se mantivo leal a Henrique IV. A situación dexenerou en disturbios que duraron ata a morte de Afonso en 1468 e o sometemento da súa irmá Isabel á autoridade de Henrique IV,[3] pero de feito chegou a gobernar como Afonso XII durante o trienio que durou a súa vida e mantivo, como descubriu o investigador Óscar Perea, unha Corte cunha activa vida cultural na cal figuraban cabaleiros tan importantes como Diego Gómez Manrique e o seu sobriño Jorge, o xurista Nicolás de Guevara e o poeta cancioneril Juan Álvarez Gato ou o historiador Diego de Valera, maestresala do rei en 1467, separadamente do propio Marqués de Villena; tamén Rodrigo Alfonso Pimentel, Conde de Benavente, e Pedro de Villandrando, Conde de Ribadeo, e Diego de Ribeira, ayo do príncipe Afonso e cabaleiresco maior da súa corte, ou Sancho de Vermellas, señor de Cavia e Monzón e alcalde maior dos fidalgos de Castela; Martín de Távara; o prior de Osma, xurista e capelán real de don Afonso XII Francisco Gómez de Miranda e outros. Por certo que na súa capela figuraban cantores tan destacados como Diego Rangel. Don Diego Gómez Manrique organizou festexos e compuxo momos teatrais para celebrar o aniversario real nos que as damas da Corte facían o papel de fadas.[4] Da brillantez desta corte fíxose lingua o propio Jorge Manrique nas súas Coplas a la muerte de su padre:

Pues su hermano el Inocente,
que en su vida subcesor
se llamó,
¡qué corte tan excelente
tuvo y quánto gran señor
que le siguió!

Máis adiante, o marqués de Villena, os seus parentes e parte dos seus aliados romperon con Isabel e, ao morrer Henrique en 1474, apoiaron á princesa Xoana como herdeira ao trono, aínda que non poucos dos integrantes da Corte de Afonso XII pasáronse ao bando isabelino e prosperaron nel. Estalou así a Guerra de Sucesión castelá, que se prolongaría ata 1479.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ohara, cap.VI, p.172
  2. Ohara, cap.VI, p. 195
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Soria
  4. Cf. Óscar Perea Rodríguez, "La Corte literaria de Alfonso el Inocente (1465-1468) según las Coplas a una partida de Guevara, poeta del Cancionero General", en Medievalismo. Revista de la Sociedad Espanola de Estudios Medievales núm 11 (2001), pp. 33-54

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]