Basílica da Aciñeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Vista exterior da Basílica da Aciñeira.

A Basílica da Aciñeira (en castelán: Basílica de La Encina) é un templo cristián situado no concello de Ponferrada, na provincia de León.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

A planta é de cruz latina; a cabeceira, na súa parte superior, forma un medio hexágono; o cruceiro é de brazos curtos e anchos. Aos pés, na base da torre, á esquerda da entrada encóntrase o baptisterio e á dereita as escaleiras que levan á tribuna, no centro un vestíbulo con vans laterais, no segundo tramo, á esquerda, ábrese unha porta lateral cun frontón de estilo neoclásico ao exterior (2ª metade do século XVII). No testeiro encóntrase o camarín da Virxe da Aciñeira.

Historia[editar | editar a fonte]

Escultura fronte á Basílica que recrea o achado da imaxe da Virxe no tronco dunha vella aciñeira.

A antiga igrexa medieval de Santa María, erixida a finais do século XII, dispoñía de cinco altares, cuxos titulares eran Santa María (a maior), San Pedro, Santa Catalina, Santo Domingo e Santiago. Tiña un campanario de catro campás. Toda a igrexa foi moi criticada, alegando que era pequena, mal edificada, indecente... Por isto, en 1567, o provisor do Bispado de Astorga permitiu á vila a construción dunha nova igrexa.

Estilisticamente, é debedora dos modelos trasmeranos, malia os cambios operados nela. Poderíase dicir que é unha síntese entre o renacemento tardogótico e o clasicismo trasmerano (XVI-XVII), e mesmo o barroco galego (XVIII). A igrexa realizouse en varias fases:

Vista xeral do interior da Basílica da Virxe da Encina de Ponferrada.

1573-1593: construíronse unicamente a capela Maior e o cruceiro.

1593-1612: foi unha época de problemas para Ponferrada, pola falta de diñeiro.

1612-1648: Pedro Álvarez de la Torre realizou uns novos planos, rematou o cruceiro e estableceu as trazas para a edificación da torre. Non obstante, a falta de diñeiro impediu a súa construción, podendo construírse unicamente os alicerces.

1648-1670: Juan Bautista de Velasco retomou as obras. Realizou uns novos planos nos que substituíu a planta de cruz latina por unha de tres naves. Entón, foi Lucas de Ligar quen proseguiu, esquecéndoselle os planos de Bautista, aplicando uns moi parecidos aos de Álvarez de la Torre.

Barroco: xa se consideraba a obra finalizada, aínda que sufriu algúns cambios. O chapitel da torre foi destruído por un raio, tendo que repararse a parte superior desta, que foi realizada en estilo barroco, en contraste coa parte inferior, en estilo renacentista.

Custodia no seu interior a imaxe da Virxe da Aciñeira, Patroa do Bierzo.

Conversión en Colexiata[editar | editar a fonte]

O desexo de celebrar os oficios divinos coa mesma pompa que nas catedrais, fixo establecerse, nas cidades ou vilas que non eran sedes episcopais, igrexas colexiatas con cabidos de cóengos que vivían en comunidade e baixo unha regra.

Aínda que a creación dunha colexiata era competencia do bispo respectivo, na práctica só o Papa podía converter unha igrexa en colexiata, sendo necesarios unha serie de requisitos tanto na tipoloxía da igrexa coma no contexto xeográfico, demográfico e económico que reunían Ponferrada e O Bierzo.

A ocasión para pedir a conversión en colexiata ofreceuna a curación milagrosa de María Manuela de Mendoza no mes de novembro de 1706 que volvería recaer para volver ser curada no mes de xullo de 1707.

Para convertela en colexiata preséntanse tanto a historia de como se descubriu a Virxe da Aciñeira, como a evolución da vila de Ponferrada, o número de prebendados, cóengos, capeláns, músicos e demais ministros, a devoción da vila (que na celebración dunha misa ordenada polo Rei a raíz do milagre da curación de María Manuela levo consigo que a igrexa e todas as rúas e prazas adxacentes estivesen abarrotadas), a devoción dos curas das distintas igrexas e conventos de Ponferrada que celebraban, segundo o informe, máis misas que na catedral máis numerosa de España no seu altar. Tamén se describe a calidade da construción e os adornos da imaxe da Virxe da Aciñeira.

A pesar de todos os esforzos, denegouse a conversión en colexiata esgrimíndose a perda do informe, presentado o 6 de maio de 1720, debido á guerra nun primeiro caso e posteriormente denegouse unha nova petición, cursada o 21 de outubro de 1725, alegando que faltaba o consentimento da vila de Ponferrada, do bispo e do cabido para a anexión dos seus curatos á nova colexiata, denegándose o 12 de xuño de 1731 por parte do fiscal.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Sitio de Turisbierzo dedicado á Basílica da Aciñeira