Bandeira da Comunidade Valenciana
Bandeira do País Valenciano | |
---|---|
Características | |
Uso | |
Proporción | 2:1 |
Adopción | 1982 |
Cores | Vermello Amarelo Azul Verde Branco |
A bandeira da Comunidade Valenciana é actualmente a Senyera Coronada Valenciana (Senlleira Coroada Valenciana) como sinala o artigo 4 do Estatut valencià. Tamén é coñecida como Senyera Tricolor, en certos ámbitos como Real Senyera, e no pasado tamén foi coñecida como Senyera de lo Rat Penat, é tamén a bandeira da cidade de Valencia.
En orixe, esta era a bandeira local da cidade de Valencia. A partir da Renaixença o movemento político valencianiste reivindicouna e comezouna a utilizar maioritariamente coma símbolo propio da Comunidade Valenciana e, dende 1982, tras un longo conflito que inda dura, converteuse na bandeira autonómica oficial.
Brasón
[editar | editar a fonte]A "senyera" da Comunidade Valenciana é a bandeira tradicional composta por catro barras vermellas sobre un fondo amarelo, coroadas sobre franxa azul á beira do pau."'[1]
Non ten fixadas unhas proporcións oficiais, pero utilízanse de facto dúas formas, de 2:1 e de 3:2. Considérase que a primeira forma é a tradicional, utilízase sobre todo en edificios de gran simbolismo histórico e en cotas altas e, por tanto, o seu uso é de máis solemnidade. A segunda forma, en cambio, é de uso xeral e común, probablemente por mimetismo coa forma 3:2 das bandeiras de España e da Unión Europea as cales, xunto coa senyera, utilízanse nas fachadas dos edificios gobernamentais da Comunitat Valenciana.
Historia
[editar | editar a fonte]Bandeira Tradicional | |
---|---|
Características | |
Uso | |
Proporción | 1:2 |
Cores | Vermello Amarelo Azul Verde Branco |
A pesar de que a concesión da Senyera del Rei (Senyera do Rei) á cidade de Valencia atribuíuse tradicionalmente a un privilexio especial de Jaume I, non hai ningún documento que o corrobore. Valencia, como o resto de vilas reais, tiña como estandarte os símbolos do monarca porque pertencía a el, é dicir, era parte integrante do territorio do Rei coma señor feudal. É así como, co progresivo proceso de desenvolvemento da personalidade xurídica dos municipios en calquera parte da Corona durante o século XIII, Valencia e o resto de vilas deberon de adoptar a Senyera Reial coma bandeira municipal; posteriormente, co fortalecemento da personalidade municipal, chegarían as particularizacións simbólicas por graza real. En calquera caso, as primeiras referencias documentais deixan claro que a principios do século XIV la senyera del senyor rei e de la ciutat (a senyera do señor rei e da cidade) era a que seguía a milicia local cando debía ceibar batalla. Inda así, a tradicional variabilidade no número de bastóns nas representacións medievais da Senyera fixo que algúns autores blavers, sen ningunha base textual, defendan que a Senyera de Valencia tiña en orixe unicamente dúas barras por graza de Jaume I.
Entre 1356 e 1369 produciuse a denominada Guerra dels dos Peres, entre os reis da Coroa de Aragón e Castela. Durante esta guerra a cidade de Valencia foi cercada dúas veces polo exercido do rei castelán, e ambas resistiu, por isto o rei Pere el Cerimoniós quixo recompensar a cidade cun privilexio que engadía a coroa real ás súas armas. Non se atopou até agora o documento orixinal, mais coñecemos a súa existencia a través dun acordo do Consello da cidade que en 1377 decidiu cambiar os selos co escudo antigo sen coroa que aínda utilizaba a administración municipal, por uns novos coa coroa recentemente outorgada:
«e és cert que·l senyal per los molt alts senyors reys d'Aragó atorgat e confermat a la dita ciutat era e és lur propri senyal de bastons o barres grogues e vermelles. [...] al cap subirà sia feta corona per dues raons, la primera car la dita ciutat és cap de regne majorment, e la segona car lo molt alt senyor rey, ara regnant, per son propri motiu e sa mera liberalitat, tenint-se així com fon sa mercè per molt servit de la dita ciutat senyaladament en la guerra de Castella prop passada, specialment en los setges, e pus principalment en lo segon e derrer d'aquells tenguts sobre aquella per lo dit rey de Castella, enadí la dita corona al dit senyal»
(e é certo que o sinal polos moi altos señores reis de Aragón outorgado e confiado á devandita cidade era e é o propio sinal de bastóns ou barras amarelas e vermellas. [...] á cabeza subirá a súa coroa por dúas razóns, a primeira que a devandita cidade é cabeza do reino maiormente, e a segunda que o moi alto señor rei, agora reinando, polo seu poprio motivo e con toda liberdade, téndose así como a seu merced por moi servido pola devandita cidade sinaladamente na guerra de Castela xa pasada, especialmente nos asedios, e amais principalmente no segundo e último daqueles tidos sobre aquela polo dito rei de Castela, engadín a devandita coroa ao devandito sinal».[2]
Pódese ver como o documento fala en todo momento do escudo da cidade, pero na idade media unha bandeira non é máis que un escudo ou armas postas sobre tea, isto serviu a algúns autores por considerar este documento como a proba máis antiga da existencia da Senyera Coroada. Con todo, non se coñece ningún documento do século XIV que fale da coroa engadida á Senyera, simplemente este fai referencia ao escudo da cidade, aplicado aos selos e armas municipais.
O seguinte documento coñecido do que se fala é novamente un acordo do Consell polo cal se decide en 1449 facer unha nova «attenents [que] la bandera d'or e flama que la ciutat tenia fos squiurada e gastada, per tal proveïren ne fos feta una nova consemblant d'aquella, emperò ab corona .[3] O que o documento parece indicar é que até agora a bandeira da cidade continuaba sendo a do rei, e é neste momento cando se engade a coroa. Outros autores pensan que o documento se refire á coroa metálica que trae encima o pau, inda cando precisamente a partir do século XV hai numerosas cartas portolanas nas que aparece, dentro dunha franxa de tons azuis, situada xunto ás catro barras. Así, nas cartas do século XIV, como as de Dulcert (1339) ou Crezas (1375), a cidade de Valencia identifícase inda unicamente coas barras reais, sen coroa nin franxa. A primeira carta portolana coñecida na que aparece a coroa é a de Macià de Viladesters, de 1413, conservada na Biblioteca Nacional de París. A partir de aí, numerosas cartas portolanas mostran a coroa dentro dunha franxa normalmente azulada, como as de Vallseca (1439), Roselli (1466), Benincasa (1473) ou Martines (1570, 1572 e 1578). Con todo, algunhas outras representacións coetáneas continúan mostrando a bandeira da cidade de Valencia simplemente coas catro barras reais, como no caso das cartas portolanes de Reinel (1485) ou Cantino (1502). Recentemente, hai quen argumentou que a coroa sobre negrón que aparece nestas cartas sería, en realidade, unha convención gráfica para representar a coroa do escudo, pero non unha fiel reprodución da senyera oficial da cidade.[4]
Doutra banda, hai varios documentos municipais que inducen a confirmar a presenza da coroa sobre a Senyera de Valencia, tal e como aparecía representada na maioría de cartas portolanas. Grazas aos albarás de pago conservados entre a documentación do Racional, o oficial real encargado de controlar os gastos municipais, sabemos que a bandeira da cidade que se empregaba na procesión de Santo Donís e na de San Xurxo (Sant Jordi) refíxose en varias ocasións ao longo do século XVI. En 1503 confeccionouse unha bandeira nova e en 1545 outra, que foi refeita en 1596 por mor dun incendio producido na Casa da Cidade de Valencia no 1586, dez anos antes. O documento de 1596, no que se describen os custos das teas e os traballos por confeccionar a Senyera, é o que parece indicar máis claramente a existencia dunha coroa de tea sobre unha franxa azul.
Semella, ademais, que tamén a principios deste século XVI cando se popularizou o nome de Senyera del Rat Penat, cousa que indica que aquilo que se consideraba máis importante e recoñecíbel na Senyera era o cumio do pau. Sabemos que no 1545 fíxose por primeira vez unha de prata e que no 1587 fíxose completamente nova porque aquela queimouse no incendio do ano anterior, ordenando que se fixese o rat penat que se afai ter na cabeza a bandeira da presente cidade. Na 1596, ao mesmo tempo que se reparaba a Senyera, aproveitouse para reducir as dimensións da cumio do rat penat, situado sobre o helmo do escudo do rei. En 1638, para o cuarto centenario da conquista, fíxose un novo pau de prato co cumio, a cal segundo demostrou V. Vives Liern é seguramente a mesma que chegou até nós e aínda se utiliza, posto que se adecúa ás descricións documentais e pesa exactamente o mesmo.
Así logo, houbese ou non unha coroa sobre unha franxa azul na senlliera de Valenncia, o que queda claro é que as orixes da Bandeira coroada é un tema politicamente conflitivo aínda hoxe.
Época Contemporánea
[editar | editar a fonte]Moi posteriormente, durante o século XIX, coincidindo co auxe económico da Cidade de Valencia a senyera coroada popularízase nesta área, até que pouco antes do século XX, o valencianismo político reivindicouna coma símbolo do país, e non só da cidade. Porén, fora desta zona seguíase considerando coma símbolo do país o único que se coñecía historicamente, que é a do Reino de Valencia e, por tanto, a senyera real, sen coroa nin franxa no pau, mais dito símbolo territorial xa fora adoptado previamente por Cataluña durante a IIª República.
Actualmente, a senyera coroada xera certo rexeitamento entre os partidos nacionalistas e algúns partidos de esquerda, ultimamente existen sectores que se mostran dispostos a asumir dita bandeira se se recupera o termo de País Valenciano coma oficial, recuperando o consenso de 1981 sobre os símbolos.
A principios de 2006 o Congreso dos deputados comezou a tramitar o novo Estatut valenciano, consensuado polos dous partidos maioritarios, PP e o PSPV. Este novo Estatuto foi aprobado en abril de 2006 polo Parlamento Valenciano por maioría. No que se estabelece coma bandeira, ao igual que no anterior, a Senyera Coroada nos mesmos termos
Resumo doutras bandeiras históricas ou reivindicativas
[editar | editar a fonte]-
Bandeira da Cidade de Valencia.
-
Penó de la Conquesta, entregado polo rei Jaume I en Valencia.
-
Senyera preautonómica, oficial do Consello Preautonómico do País Valenciano, de 1979 a 1980.
-
Senyera do País Valenciano, segundo a proposta inicial do Proxecto de Estatuto de Autonomía do País Valenciano, Estatut de Benicàssim.
-
Bandeira reivindicativa de Esquerra Valenciana, durante a Segunda República Española.
-
Bandeira reivindicativa (senyera de lluita) dende comezos do século XX.
-
Bandeira do País Valenciano en versión simplificada usada nalgunhas bandeiras de pequeno tamaño en páxinas web.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bandeira da Comunidade Valenciana |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Vicent Vives i Liern, Lo rat penat en el escudo de armas de Valencia, Valencia, 1900 (reeditado no 2001).
- Francesc Almela i Vives, Museo Historico de la Ciudad, s. d.
- José Martínez Ortiz, Historia de la Senyera de Valencia, Valencia, 1972.
- Lo Rat Penat, La senyera de Valencia, Valencia, 1977.
- Joan Fuster i Ortells, El blau en la Senyera, Valencia, 1977.
- Josep l'Escrivà, Las banderas en el País Valenciano, Barcelona, 1978.
- Ricardo García-Moya, Tratado de la Real Senyera: senyeras valencianas y pendones catalanes, Valencia, 1993.
- Antoni Atienza Peñarroja, La Real Senyera, Bandera Nacional dels Valencians, Valencia, 2001.
- Pau Viciano, Barres i corones. La bandera de la ciutat de Valéncia (segles XIV-XIX), Catarroja-Barcelona-Palma, 2008.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Dossier sobre a Senyera coronada, polo experto en vexiloloxía Jaume Ollé, que forma parte dunha reportaxe sobre historia das senyeras da Coroa de Aragón.
- Reportaxe sobre a Senlleira Coroada Valenciana, pola plataforma nacionalista Valencianisme.com.
- Resumo da teoría de Orts sobre a orixe contemporánea da franxa azul, da web antiblavers.
- Reportaxe sobre a Senlleira Coroada dende a perspectiva blavera, por Antoni Atienza.
- Reportaxe sobre a Senlleira Real en Valencia, por Pere Enric Barreda, Cronista Oficial de Benassal (Alt Maestrat).
- Imaxes orixinais da Senlleira Coroada e do Penó de la Conquesta, no Arquivo Histórico Municipal de Valencia.
- Post dun blog con imaxes de portolanas dos séculos XIV e XV.