Banco de Galicia (España)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Banco de Galicia, S. A.

Edificio Banca Viñas Aranda, na Rúa Reconquista de Vigo.
TipoSociedade Anónima
Fundación1776
2008
MatrizBanco Popular
LocalizaciónRúa Policarpo Sanz, 23 Vigo (Pontevedra), Galicia Galiza
IndustriaBanca
editar datos en Wikidata ]

O Banco de Galicia foi un banco rexional galego, filial do Banco Popular. O 25 de setembro de 2008 foi absorbido integralmente pola súa matriz, por decisión do consello de administración, xunto con outras tres filiais rexionais: Banco de Castilla, Banco de Crédito Balear e Banco de Vasconia. En 2008, o Banco de Galicia contaba cunhas 202 sucursais emprazadas principalmente en Galicia e, en menor medida, na provincia de Madrid.

Historia[editar | editar a fonte]

Banco de Vigo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Banco de Vigo.

O 27 de decembro de 1918 fundouse a Banca Viñas Aranda y Compañía, Sociedad en Comandita, que iría cambiando de denominación pasando, o 20 de outubro de 1920, a chamarse Banca Viñas Aranda S. A. Despois, o 31 de decembro de 1953 tomou o nome de Banco de Vigo-Viñas Aranda S. A. E o 1 de xullo de 1957 reduciu o seu nome, quedando en Banco de Vigo S. A.

O Banco de Vigo foi comprado polas sociedades de carteira chamadas Popularinsas (do Grupo do Banco Popular Español) en outubro de 1969. Cómpre aclarar que o Banco de Vigo ao que se fai mención aquí —e que non foi máis que un cambio e denominación do Banco Viñas Aranda— non ten nada que ver con outro banco que anteriormente levou esta mesma denominación que foi fundado no ano 1900, e que deixou de operar por suspender pagos.

Banco de Lugo[editar | editar a fonte]

O ano 1870 Benito de Soto Linares exercía a actividade de comerciante-banqueiro sendo, ademais, correspondente do Banco de España en Chantada (Lugo). En 1914, ao falecer Benito de Soto, a súa su familia seguiu os negocios bancarios coa denominación de Viuda de Benito de Soto Comunidad de Bienes. O 7 de xuño de 1964 transfórmase nunha sociedade anónima tomando o nome de Banco de Soto S. A. En novembro de 1969 este banco foi comprado polas sociedades de carteira Popularinsas e, o 8 de xuño de 1971 cambiou o nome, pasando a denominarse Banco de Lugo S. A.

Evolución do Banco de Galicia[editar | editar a fonte]

Unha vez adquiridos o Banco de Vigo e o Banco de Soto (este, posteriormente, cambiou, como vimos, o seu nome polo de Banco de Lugo) e transcorridos uns anos, decidiuse a súa fusión, formando o Banco de Galicia. Esta fusión supuxo moito máis que a unión do negocio de ambos o bancos, xa que se lle imprimiu un dinamismo que contrastou co do resto de entidades competidoras. Así, aumentou significativamente a produtividade, co conseguinte aumento das cotas de mercado. A política de persoal ocupou un primeirísimo plano, prestando especial coidado na selección no proceso de ingreso dos novos empregados, necesarios para as numerosas oficinas que se abriron. Terminou por estar presente en todo o país galego.

O acelerado ritmo da apertura de sucursais produciu crecementos especialmente altos, sobre todo nos depósitos da clientela que, até mediados dos anos 80 do século XX, alcanzaron regularmente porcentaxes do 30 %. A morosidade era practicamente irrelevante.

Ao seren maiores os crecementos dos fondos captados respecto ao investimento, producíronse importantes excesos de liquidez, situación que continuou até os anos 1990. A partir de entón, os crecementos do investimento con clientes superaron a captación de fondos. Como consecuencia do maior investimento e da propia situación económica produciuise unha progresiva deterioración da calidade dos riscos, co conseguiente aumento da morosidade e diminución das porcentaxes de aumento dos beneficios.

A crise económica iniciada en 2007 e a busca de aforros administrativos aconsellaron que o Banco Popular integrara no seu balance, mediante unha fusión por absorción, os negocios e actividades dos seus bancos filiais, entre os que se encontraba o Banco de Galicia, de cuxo capital posuía o 93,54 %.

Na data da fusión co Banco Popular, o 30 de xuño de 2008, o Banco de Galicia tiña uns fondos propios de 462 millóns de euros, uns depósitos de clientes de 3 113 millóns de euros e os créditos e préstamos coa clientela chegaban aos 4 386 millóns de euros.

Motivos para a compra do Banco de Galicia[editar | editar a fonte]

Dentro das estratexias adoptadas desde sempre poos bancos españois, ocupou un lugar preferente a de conseguir unha maior dimensión. Unha das maneiras coas que se lograba este fin era abrindo sucursais. Antes da lei de 1974 resultaba moi difícil establecerse en novas prazas, xa que estaba vixente o chamado "statu quo" bancario. Por tanto, para ter abertas máis sucursais, unha solución era a adquisición, ou a absorción, doutros bancos. O grupo do Banco Popular Español decidiu comprar bancos rexionais para conseguir estar presente en máis lugares. Esta foi a causa das compras do Banco de Vigo e do Banco de Soto.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]