Aśoka
Nome orixinal | (sa) अशोक (pi) असोक (sa) Ashōka (pi) Aśōka |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 304 a. C. Patna (Imperio Maurya) |
Morte | 232 a. C. (71/72 anos) Patna (Imperio Maurya) |
Emperador Maurya | |
268 a. C. – 232 a. C. ← Bindusara (pt) – Dasaratha Máuria (pt) → | |
Datos persoais | |
Relixión | Budismo |
Actividade | |
Ocupación | político, Emperador, bhikkhu |
Profesores | Upagupta (en) |
Influencias | |
Familia | |
Familia | Maurya dynasty (en) |
Cónxuxe | Devi (285 a. C.–) Padmavati (265 a. C.–) Tishyaraksha Karuvaki Asandhimitra |
Fillos | Charumati () Tivala () Karuvaki Kunala () Padmavati Mahinda () Devi Sangamitta () Devi |
Pais | Bindusara e Shubhadrangi |
Irmáns | Vitashoka |
Parentes | Chandragupta Maurya, avó |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron New Encyclopedic Dictionary (en) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Aśoka (en escrita devanágari: अशोक) ou Aśoka Vardhana, nado no 304 a.C. e finado no 232 a.C., foi o terceiro emperador maurya.
Aśoka reinou sobre a maior parte do subcontinente indio, do actual Afganistán ata Bengala e tamén cara ao sur, ata a actual Mysore. Está considerado o fundador da India. Era fillo do rei Bindusara.
Nome e etimoloxía
[editar | editar a fonte]- aśokavardhana, no sistema AITS (alfabeto internacional para a transliteración do sánscrito).[1]
- अशोकवर्धन, en escritura devanágari do sánscrito.[1]
- Pronunciación: /ashóka vardhána/ ou (menos usual) /ashoká várdhana/.[1]
- Etimoloxía: ‘o que aumenta o alivio da aflición’, sendo:[1]
- aśoka: ‘que non causa tristura’[1]
- * a: partícula negativa[1]
- * śoká: ‘ardor, calor’ ou ‘proído, sufrimento, abafo, quebranto, desgusto, dor, desasosego, remordemento’, xa no Rig-veda (o texto máis antigo da India, de mediados do segundo milenio antes de Cristo. Nos Puranas, Śoká tamén é a personificación do pesar, fillo da Morte, ou fillo de Drona e Abhimati.[1]
- várdhana: ‘que aumenta’.[1]
O redescubrimento de Aśoka no século XIX
[editar | editar a fonte]Ata o século XIX, Aśoka era simplemente un nome máis ns xenealoxías inventadas dos reis indios do período budista. Varios eruditos europeos da época tamén traduciron relatos budistas a literatura india. Estes relatos amosaban as doutrinas budistas, así como as historias e biografías lendarias da doutrina. Nestas fontes budistas —procedentes de Sri Lanka, o Tíbet e a China— presentes en relatos como o Divia avadana, o Aśoka avadana, o Mahavamsa e outros, aparecía a figura un gran rei Aśoka. A causa da existencia de varias historias este tipo consideradas de pouco rigor histórico, xa que se crían procedentes a cultura popular, tomouse a figura de Aśoka como lendaria e non se lle deu credibilidade. A historia habitualmente describíao como un príncipe cruel que asasinou os seus irmáns para ascender ó trono, pero que trala súa sanguenta conquista de Kalinga (na costa leste da India, actualmente no estado de Orissa), Aśoka converteuse nun budista pacifista, e contribuíu á difusión do budismo, reinando dende ese intre dun xeito xusto e pacífica.
Primeiras evidencias históricas
[editar | editar a fonte]No ano 1837, o arqueólogo e filólogo James Prinsep traduciu unha antiga inscrición dun gran piar de pedra situado na cidade de Delhi (no norte da India). A escritura da inscrición era o brahmi, a escritura máis antiga a India, que se utilizaba para escribir o sánscrito e o prákrito. Tratábase dunha versión ancestral do brahmi, que durante séculos evolucionara de tal xeito que estas primeiras inscricións eran ilexibles. A inscrición revelou unha serie de edictos proclamados por un rei que se proclamaba Devanampiya Piyadasi (‘o amado dos deuses, rei Piyadasi’). Debido ás referencias budistas que atopou, o investigador creu inicialmente que Devanampiya Piyadassi era un rei de Sri Lanka. Pero no mesmo ano James Prinsep tivo oportunidade de ler dúas das crónicas máis antigas da historia de Sri Lanka, o Dipa vamsa e o Maha vamsa, compostas por monxes budistas. Nas crónicas deducíase que o título de Piyadassi se lle atribuía ó famoso rei Aśoka.
Coñécense outros piares e rochas con inscricións, e durante as seguintes décadas iranse descubrindo e traducindo máis edictos do monarca. A fonte da maioría dos nosos coñecementos sobre Aśoka son estas numerosas inscricións que fixo gravar en piares e rochas por todo o seu imperio, maioritariamente en lingua magadhi (unha lingua prácrita) en escritura brahmi (e ás veces en caracteres kharosthi), pero tamén en grego e en arameo.
Ademais de que estas inscricións representan as primeiras mostras da notación escrita dunha lingua india e que esta mesma escritura orixinou todas as linguas semisilábicas presentes actualmente en chan indio (como a escrita devanágari), favoreceron a propagación da ética budista e fomentaron a non violencia e a adhesión á doutrina do dharma, o deber ou comportamento xusto. Obsérvase tamén a importancia dada a unha lingua vulgar e vernácula, o prácrito, en detrimento da lingua «nobre» e literaria, o sánscrito, demostrando así unha preocupación por ser comprendido polo pobo.
Foi en 1915 cando se traduciu un edicto que mencionaba o nome de Aśoka e así confirmouse definitivamente a súa identidade.
Mito e realidade
[editar | editar a fonte]Tal foi Aśoka, o máis grande dos reis. El foi de lonxe un avanzado á súa época. Non deixou nin un príncipe nin unha organización de homes para continuar o seu traballo, e a un século da súa morte os grandes días do seu reino convertéranse nunha lembranza gloriosa nunha India descomposta e decadente.H. G. Wells, A short history of the world
A interpretación que se fixo nun primeiro momento é precisamente a que H. G. Wells amosa neste fragmento: que Aśoka fora un adiantado ó seu tempo e un gran devoto do budismo, e por iso fracasaron os seus sucesores. Aceptouse a historia que empeza con Aśoka descrito como un guerreiro sanguinario, xa que moitas fontes budistas o describen así. Segundo o Aśoka avadana, Aśoka construíu unha prisión onde se dedicaba a torturar ós presos. No mesmo texto cóntasenos como intentou torturar a un monxe budista que semellaba inmune ó sufrimento. Aśoka, impresionado, converteuse budismo, destruíu a prisión e propúxose construír 84.000 stupas budistas por todo o imperio.
Outras fontes afirman que foi despois das devastadoras consecuencias da súa guerra en Kalinga, durante o oitavo ano do seu reinado, sentiuse tan culpable que isto o levou a se converter ó budismo, influído segundo as fontes pola súa esposa ou concubina Deví. Dende ese intre dedicouse a propagar a política do dhamma budista polo seu imperio e enviou misioneiros a lugares afastados, tales como a illa de Sri Lanka, convertida pola súa filla Sanghamita e o seu fillo (ou irmán) Mahinda, citados soamente nas crónicas cingalesas, e ignorados nas inscricións indias que non mencionan máis que a tres dos seus fillos: Tuara, Kunala e Yalauka. Dende entón, defendeu unha política pacífica emitindo unha serie de edictos dirixidos ó pobo. Un reinado que coñeceu unha política oficial de a-jimsá (‘non violencia’), chegando a construír hospitais para animais e restaurar as estradas principais da India, converténdose tamén Aśoka probablemente no gran difusor do vexetarianismo no país.
Así pois, os estudos dos séculos XIX e primeira metade do XX e outros posteriores baseándose nestas fontes, describen a súa conversión ó budismo como unha «iluminación». Pasou de ser Chanda Aśoka (Aśoka o Cruel) a ser Dhamma Aśoka (Aśoka o Piadoso). O monarca que ampliou a capital, Pataliputra (a actual Patna), fixo construír un palacio ó estilo persa e convocou o Terceiro Concilio Budista (-233 ou -243).
Aśoka, historicamente, foi un fervente propagandista do budismo, pero non necesariamente por motivos píos. Hai toda unha liña de historiadores, como a especialista Romila Thapar, que consideran o dhamma de Aśoka como unha relixión para ser utilizada como símbolo dunha nova unidade imperial e unha forza cohesionadora para unir os variados e heteroxéneos elementos dun imperio. É dicir, que Aśoka se serviu do budismo para a consolidación política e económica do seu goberno. E é que os edictos de Aśoka e os textos budistas non terminan de coincidir coa imaxe proxectada. O budismo permitía a Aśoka unha nova política social ben definida, acorde ó mesmo tempo cos intereses da sociedade da época, xa que a poboación non se opoñía ás novas ideas budistas, e as novas clases comerciais (interesadas nas novas tendencias) apoiaríano, beneficiando a Aśoka, xa que non tivo o apoio dos ortodoxos ó inicio do seu reinado. Así, o budismo deixou de estar perseguido.
Tralo reino «iluminado» de Aśoka, a reforma do Imperio maurya foi aproveitada polos invasores, e axiña caeu en declive e fragmentouse en multitude de principados. Ata a colonización británica (case 2000 anos máis tarde), nunca unha parte tan grande dun subcontinente estivo unida baixo un mesmo goberno.
Aśoka na historia e a cultura popular da India
[editar | editar a fonte]Recoñecendo o papel sen precedentes de Aśoka na historia do país, a India fixo do capitel das columnas de Aśoka (ou lat) un dos símbolos da República India. A súa simboloxía tamén a podemos atopar na propia bandeira da India, xa que no centro desta hai un aśoka chakrá (‘roda de Aśoka’). Aśoka aparece igualmente en moedas, e incluso protagoniza unha superprodución do cine de Bollywood (Aśoka) e converteuse nun dos personaxes principais do videoxogo de estratexia (Civilization IV).
Os edictos de Aśoka
[editar | editar a fonte]Antigamente, nas cociñas do rei Piyadassi [outro nome de Aśoka], o Benamado dos deuses, matábanse diariamente centos de miles de animais pola súa carne. En adiante, [?], só se matarán tres animais: dous pavos e un cervo, e o cervo non sempre. Incluso no futuro xa non se matará a estes tres animais.Primeiro decreto
Os aśoka stambha (‘piares de Aśoka’) son a serie de columnas distribuídas polo norte do subcontinente indio, nos que Aśoka escribiu unha serie de edictos. O primeiro atopouse entre as ruínas da antiga Delhi no século XVI. Pero tamén se atopan edictos nas rochas. Hai maiores e menores en función do tamaño. Dos edictos de Aśoka hai dúas categorías:
- Os pronunciamentos públicos (piares e rochas).
- As epístolas persoais dirixidas ó samgha, a comunidade de monxes budistas.
Estas inscricións estaban situadas en enclaves importantes preto das cidades, rutas comerciais ou centros relixiosos, co que Aśoka se aseguraba de chegar ó máximo número de xente posible. Eran preceptos morais, relixiosos e prestacións sociais en relación a homes e animais.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Véxase a acepción - vardhana, que se atopa na décima ringleira da primeira columna da pág. 114 Arquivado 24 de setembro de 2020 en Wayback Machine. no Sanskrit-English Dictionary do sanscritólogo británico Monier Monier-Williams (1819-1899). अशोक a-śoka atópase en 12 ringleiras antes do final da terceira columna da páxina pág. 113. Arquivado 14 de xuño de 2020 en Wayback Machine.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: India |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Albinski, Henry S.: «The place of emperor Asoka in ancient indian political thought». En: Midwest Journal of Political Science (volumen 2, n.º 1, pp. 62–75). Midwest Political Science Association: febreiro de 1958.
- Dhammika, Ven S.: «The edicts of king Ashoka». En The Wheel Publication (n.º 386/387). Sri Lanka: Buddhist Publication Society, 1993.
- Ganguly, Dilip Kumar: Ancient India, history and archaeology. Abhinav Publications, 1994.
- Geiger, Wilhelm: «The trustworthiness of the “Mahavamsa”». En The Indian Historical Quarterly (volumen VI, n.º 2, 1930.
- Hunter, William Wilson: The Indian empire: its people, history, and products. Asian Educational Services, 2005.
- Mahānāma; Geiger, Wilhelm; Haynes Bode, Mabel: Mahavamsa: great chronicle of Ceylon. Asian Educational Services, 1993.
- Naskar, Satyendra Nath: Foreign impact on indian life and culture. Abhinav Publications, 1996.
- Prebish, Charles S.: Buddhism: a modern perspective. EE. UU.: Penn State Press, 1975.
- Smith, Vincent A.: Asoka, the buddhist emperor of India. Read Books, 1920.
- Strong, John S.: The legend of king Aśoka: a study and translation of the «Aśokāvadāna». Motilal Banarsidass Publications, 1989.
- Thapar, Romila: «Asoka and buddhism». En Past and Present (n.º 18, pp. 43-51). Oxford University Press, novembro de 1960.
- Thapar, Romila: Ashoka and the decline of the mauryas. Nova Delhi: Oxford University Press, 1997.
- Williams, Paul: Buddhism: buddhist origins and the early history of buddhism in South and Southeast Asia. Taylor & Francis, 2005.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aśoka |
- «Breve historia do mundo», texto en inglés de H. G. Wells no sitio web Bartleby.com
- «O Asoka descoñecido», texto en inglés no sitio web Boloji.com.
- «Exposing the asian values debate», texto en inglés no sitio web HRSolidarity.net