Azucena Arias
| Nome orixinal | Azucena Arias Correa |
|---|---|
| Biografía | |
| Nacemento | São Paulo
|
| Grupo étnico | Pobo galego |
| Actividade | |
| Ocupación | escritora |
| Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada |
Azucena Arias Correa, nada en São Paulo (Brasil) un 6 de xaneiro, é unha profesora, investigadora e escritora galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla de María Laura Correa Rivas[1] e Juan Antonio Arias Alonso, emigrantes galegos no Brasil. Rematou os estudos primarios en Cerdedo e o bacharelato en Pontevedra, cidade na que reside.
É diplomada en Profesorado de Educación Primaria, na especialidade de Matemáticas e Ciencias da Natureza e especialista tamén en Lingua Galega, Ciencias Sociais e Pedagoxía Terapéutica. Licenciouse en Ciencias da Educación, especialidade de Orientación escolar, e en 2012 doutorouse pola Universidade de Vigo en Didáctica das Ciencias Experimentais coa tese Implicacións curriculares e didácticas no ensino das ciencias das concepcións sobre a ciencia e a metodoloxía en alumnado de maxisterio. Traballo por proxectos.[2]
Mestra do ensino público dende 1980,[3] onde ingresou no corpo polo sistema de acceso directo. Foi docente en colexios públicos de Liñares (As Neves), Abelendo (Moaña), Dena (Meaño), Altamira (Salceda de Caselas), Pontecesures, O Mosteiro (Meis), A Reigosa (Ponte Caldelas), Campañó e Mourente (Pontevedra), en diversas etapas e niveis educativos. No CEIP Vilaverde foi xefa do Departamento de Orientación.
Foi membro do consello escolar municipal de Pontevedra nos seus inicios, como representante dos MRP (Movementos de Renovación Pedagóxica). Entre setembro de 1994 e setembro de 2000 foi asesora técnico-pedagóxica no Centro de formación continuada do profesorado (CEFOCOP), posteriormente denominado Centro de formación e recursos (CFR), do que foi directora. Foi tamén profesora asociada da Universidade de Vigo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus Universitario de Pontevedra.[4]
Membro da asociación de renovación pedagóxica Colectivo Ollo de Sapo.[5] Participou como relatora, comunicadora, conferenciante e profesora en xornadas, encontros, congresos, simposios, seminarios, mesas redondas, grupos de traballo e proxectos de formación en centros. A investigación foi parte da súa vida profesional ao longo de toda as etapas educativas nas que traballou: infantil, primaria, secundaria e universidade. Moi implicada coa cultura galega -a recuperación e o valor das tradicións, así como a súa incorporación á escola (unha escola galega)- investiga, experimenta e deseña materiais e propostas neste eido, publicando en coautoría coa súa irmá Dolores Arias Correa e compañeiras e compañeiros do Colectivo Ollo de Sapo diversas obras relacionadas coas festas cíclicas anuais, a literatura oral e a animación lectora. Apostou tamén pola renovación pedagóxica, neste eido colaborou na investigación e publicación de obras relacionadas con didáctica e metodoloxía.
Feminista, o seu compromiso coa igualdade, a coeducación e a perspectiva de xénero na educación fan que este aspecto atravese a súa obra pedagóxica e literaria. Uniuse pronto á investigación relacionada coa igualdade e a perspectiva de xénero. Dedicouse tamén á formación en educación en igualdade, coeducación, e prevención da violencia de xénero con alumnado, centros educativos e profesorado. Participou en publicacións e investigacións neste ámbito e participou na creación do blog Educando en Igualdade.[6] En novembro de 2022 foi a encargada de ler a declaración institucional da Deputación de Pontevedra polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller no pleno do 25 de novembro, titulada “Fronte ao negacionismo, alianzas desde o feminismo”.[7]
Nos últimos anos o seu traballo céntrase en innovar na metodoloxía con perspectiva de xénero de cara a desenvolver a competencia científica no ámbito educativo. Participou e colaborou en investigacións como Violencia contra as adolescentes no sistema educativo; Elección de estudos de enxeñería: establecemento dun sistema de indicadores con perspectiva de xénero en ciencia, tecnoloxía, psicoloxía e educación; Avaliación dun modelo matemático estatístico preditivo da elección de estudos de enxeñería con perspectiva de xénero; Violencia de xénero no sistema escolar, A transmisión e percepción da concepción da ciencia e da tecnoloxía a través do ensino científico: factores que inflúen na elección de carreiras científicas e tecnolóxicas nas alumnas de bacharelato; Educación Científica, desenvolvemento sustentable e xénero. Un achegamento á Axenda 2030 a través do libro-obxecto; ou Abordaxe dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: contribucións desde as diferentes áreas curriculares. Foi titora de traballos de fin de grao e traballos de fin de mestrado relacionados con ciencia e xénero, cuxas autoras foron galardoadas con premios relacionados con igualdade e xénero como premio Ernestina Otero da concellaría de Igualdade de Pontevedra,[8] premio Sofía Novoa da Deputación de Pontevedra[9] ou premio Egeria da UVigo.[10]
Ten colaborado en EDUGA: revista galega do ensino, Madrygal. Revista de estudios gallegos, Revista Portuguesa de Educação, Boletín das ciencias (ENCIGA), Opción: Revista de Ciencias Humanas y Sociales, Ciência & Educação, Enseñanza de las ciencias: revista de investigación y experiencias didácticas, Boletín das ciencias, Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares, Revista galega de educación, Enseñanza de las ciencias, A Peneira, Revista Aula de innovación educativa, Cuadernos de Pedagogía ou a revista Saudiña. Como escritora, publicou obras tanto de literatura infantil e xuvenil coma para persoas adultas. Comezou a escribir obras curtiñas para o seu alumnado, tanto narrativas coma poéticas e pezas teatrais. Escribe na actualidade narrativa e poesía.
Obras
[editar | editar a fonte]Literatura infantil e xuvenil
[editar | editar a fonte]- A cirurxiá (1998). Vigo: Ir Indo.
- A casa do grilo e da chicharra (2000). Vigo: Ir Indo.
- A cadela e o óso (2001). Vigo: Ir Indo.
- A moediña de ouro (2002). eDixital.
- Bernaldiña e o restaurante (2002). eDixital.
- Na escuridade do cuarto (2002). eDixital.
- O proceso de adaptación e ti vas á escola? (2007). Xunta de Galicia.
- As preguntas inquedan... Dunhas saen outras (2011). eDixital.
- Debaixo dun parasol (2017). Vigo: Xerais. Ilustracións de Ignacio Fernández. 224 páxs. ISBN 978-84-9121-192-1.
Narrativa
[editar | editar a fonte]- A chave no peitoril (2019). Ed. do Peirao. 184 páxs. ISBN 978-84-17393-94-6.
- O que agacha a equipaxe (2024). Noia: Toxosoutos. 440 páxs. ISBN 978-84-128122-5-1.
Obras colectivas
[editar | editar a fonte]- Traballar por proxectos nas aulas de infantil e primaria (1996). Con Dolores Rial. Xerais.
- As adiviñas (2008). Con Dolores Arias Correa. Ir Indo.
- O traballo por proxectos en infantil, primaria e secundaria (2009). Con Dolores Rial. Xunta de Galicia.[11]
- “Crebar o silencio”, (revista Madrygal 25, 2022)
- “O valor da memoria e os recordos” (antoloxía Relatos na rúa 12; Editorial Elvira, 2025).
- Prólogo da obra Feminismo de proximidade de Lola Varela (Companha Editora, 2022; en colaboración con José María Alén).
- As festas anuais. O Entroido. Con Dolores Arias, Amancio Castro, Mª Luisa Cousillas, Pilar Lorenzo, Mª Pilar Lores, Alfonso Mumary, Concepción Mumary e Ramiro Portela (Ollo de Sapo, 1989)
- As festas anuais. O Nadal. Con Dolores Arias Correa, Mª Luisa Cousillas, Mª Pilar Lores e Ramiro Portela (Ollo de Sapo, 1991).
- A mellor viaxe un libro. Fichas de actividades. Con VVAA do Colectivo Ollo de Sapo (Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Xuventude. 1993. ISBN 84-453-0626-X)
- Método de lecto-escritura Triquitraque. Con Dolores Arias, Mª Luisa Cousillas, Pilar Lores e Ramiro Portela (Ollo de Sapo/Dirección Xeral de Política Lingüística, 1995).
- O Magosto. Con Dolores Arias Correa, Mª Luisa Cousillas Fontán e Ramiro Portela Piay (Ir Indo, 1998. ISBN 84-7680-262-5).
- O Nadal. Con Dolores Arias Correa, Mª Luisa Cousillas Fontán, Mª Pilar Lores Torres e Ramiro Portela Piay (Ir Indo, 1998. ISBN 84-768-263-3)
- "Mafalda no quiere ser top model". Con Mª Luisa Abad, en Género y educación. Claves para la innovación educativa (Graó, 2002).
- A igualdade como solución. Con M. L. Abad, R. Abraira e C. Vilariño (Servizo Galego de Igualdade e ASPG, 2006. ISBN 84-89679-82-7)
- "Escolma de cantigas nun recuncho da Terra de Montes". Con Dolores Arias Correa, en Á procura da nosa identidade. Terra de Montes ( Deputación de Pontevedra, 2007. ISBN: 978-84-8457-297-8)
- Vigo, agasallando ledicia visual. Antoloxía Premio Exeria de elatos 2021-2024 (VVAA). (Ateneo Atlántico, 2024).
Recoñecementos[12]
[editar | editar a fonte]- Primeiro premio no VI Concurso Literario Rosa de Cen Follas na modalidade de poesía coa obra Silencio cómplice (2013).
- Premio de poesía no Certame Literario Exeria (2021).
- Mención especial ao poema "Foise silandeira, mainamente" no 32° Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona).
- Accésit no XII Certame de Relatos Vigo Histórico co relato “O valor da memoria e os recordos”.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Azucena e Loli Arias Correa. "María Laura Correa Rivas". Músicas da Terra de Montes.
- ↑ Arias Correa, Azucena (2012). "Implicacións curriculares e didácticas no ensino das ciencias das concepcións sobre a ciencia e a metodoloxía en alumnado de maxisterio: o traballo por proxectos". Universidade de Vigo.
- ↑ "Orden de 7 de julio de 1980 por la que se aprueba la propuesta de Diplomados en Profesorado de Educación General Básica procedentes de la sexta promoción del Plan experimental 1971 de ingreso directo". BOE. 31 de xullo de 1980.
- ↑ "Departamento de Didácticas Especiais". Arquivado dende o orixinal o 09 de setembro de 2018. Consultado o 09 de setembro de 2018.
- ↑ "Azucena Arias Correa - Editorial Xerais". www.xerais.gal. Consultado o 2024-05-16.
- ↑ "Quen somos?". Educando en Igualdade.
- ↑ "#25N unha espectacular performance para rachar co círculo das violencias machistas enche de acrobacias a Deputación cun berro ao “desprezable” negacionismo". Deputación de Pontevedra. 25 de novembro de 2022.
- ↑ "Loitando pola igualdade a través da educación e da arte". Universidade de Vigo. 2 de decembro de 2015.
- ↑ "As gañadoras dos premios Sofía Novoa: dúas talentosas docentes". Diario de Pontevedra. 2 de xaneiro de 2024.
- ↑ "San Tomé". Universidade de Vigo. 26 de xaneiro de 2024.
- ↑ O traballo por proxectos en infantil, primaria e secundaria
- ↑ "Azucena Arias". aelg.gal. Consultado o 16 de maio de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Azucena Arias Correa na Biblioteca Virtual Galega
- Ficha da autora na páxina web de Edicións Xerais de Galicia.