Saltar ao contido

Autoridade marital

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Autoridade marital, potestade marital ou xefatura marital son expresións de fondo raizame no dereito histórico e comparado, que fan referencia ao poder atribuído ao marido sobre a persoa e os bens da muller que esta debe, por imposición, obedecer e respectar.[1]

Fundamentada en diversos argumentos, entre os que predomina a idea de que a muller é un ser inferior necesitado da protección que o marido debe prestarlle, a autoridade marital é, desde 1967, unha manifestación de discriminación da muller que os Estados asinantes da CEDAW están obrigados a eliminala.[2]

Autoridade marital

[editar | editar a fonte]

A autoridade marital é, no Dereito histórico e comparado, un principio incuestionado de organización que atribúe ao marido o poder sobre a persoa e bens da muller, poder cuxa extensión varía segundo os diversos sistemas e modelos de potestade marital e de xefatura marital.[3] Nestes sistemas, a muller casada quedaba obrigada a someterse á potestade do marido, tanto no aspecto persoal, a través do deber de obediencia, como no patrimonial, a través das limitacións á súa capacidade de obrar. E iso, ben por considerala menor de idade ou incapaz para realizar actos xurídicos e celebrar contratos que redundasen en beneficio da familia, ben por considerar necesario que en toda unidade familiar exista unha autoridade marital que a dirixa. Esta autoridade é a que se atribúe ao marido, con maior ou menor extensión en función da evolución lexislativa.

En xeral, a autoridade marital leva o poder do marido de: fixar o domicilio coa correlativa obrigación da muller de vivir no domicilio do marido; cambio de nacionalidade da muller; dirección persoal da muller; administrar os bens da sociedade conxugal; representar á muller en xuízo e outorgar a licenza marital.[1]

Licenza marital

[editar | editar a fonte]

A licenza marital é unha manifestación da autoridade marital e da consideración da muller como un ser incapaz ou menor de idade que, para poder realizar actos e contratos, necesita ser autorizada para iso polo marido. A licenza marital precísase para que a muller poida allear os seus bens e en xeral, para celebrar actos ou contratos polos que adquira obrigacións. Outro tipo de licenza marital é a laboral, sen a que a muller non podía traballar. Tamén se precisa licenza para que a muller poida desenvolver actividades comerciais ou mercantís.[4]

Código Civil español

[editar | editar a fonte]

O artigo 57 do Código Civil español, estipulaba que “o marido debe protexer á muller e esta obedecer ao marido”. O artigo 58 establecía que o domicilio do marido sería o conxugal polo que a muller debía seguir ao marido alí onde este fixase o seu domicilio. O Código de Comercio regulaba a licenza marital que precisaba a muller para exercer o comercio. O marido era o administrador único da sociedade conxugal.

Permiso marital

[editar | editar a fonte]

O permiso marital consistía na venia ou permiso que a muller casada debía obter do marido para dispor dos seus bens parafernais. Común nos códigos Napoleónicos,[5] estaba no artigo 61 do Código Civil español de 1851 e perviviu até 1975.[6]

A reforma do código civil de 1958

[editar | editar a fonte]

A lei de 1958[7] non derrogou a potestade marital, nin o deber de obediencia e en canto a licenza marital, recoñeceuse a capacidade a muller tanto para ser testemuña nos testamentos, como para desempeñar cargos tutelares.

Na exposición de motivos o lexislador argumenta que:

"Contémplase, pois, a peculiar posición da muller casada na sociedade conxugal na que, polas esixencias da unidade matrimonial, existe un poder de dirección, que natureza, Relixión e Historia atribúen ao marido, dentro dun réxime que reflicte fielmente o sentido da tradición católica que sempre inspirou e debe inspirar no futuro as relacións entre cónxuxes".

A reforma promovida por Mercedes Formica limitou o poder marital ao esixirse o consentimento da muller nos actos dispositivos de inmobles ou establecementos mercantís. Respecto do patrimonio mobiliario non se requiriu o consentimento da muller, porque, segundo o lexislador, a reforma tivo o propósito de limitar na maior medida posible, as perturbacións que no tráfico xurídico pode introducir a obrigada intervención de ambos os cónxuxes nos actos de disposición.[8]

A reforma de 1975

[editar | editar a fonte]

A lei 14/1975 de 2 de maio, froito da loita feminista liderada por María Telo, recoñeceu a plena capacidade de obrar da muller casada, ao establecer que o matrimonio non restrinxe a capacidade xurídica de ningún dos cónxuxes e suprimir a licenza marital.[9] Derrogou o deber de obediencia á autoridade marital.

Desde 1967, a autoridade marital é unha manifestación de discriminación da muller que os Estados asinantes da CEDAW están obrigados a eliminar.

O artigo 6 de Declaración sobre a eliminación da discriminación contra a muller dispón :

"Deberán adoptarse medidas lexislativas, para que a muller, casada ou non, teña iguais dereitos que o home no campo do dereito civil e en particular: a) O dereito a adquirir, administrar e herdar bens e a gozar e dispor deles, incluíndo os adquiridos durante o matrimonio; b) A igualdade na capacidade xurídica e no seu exercicio; c) os mesmos dereitos que o home na lexislación sobre circulación das persoas. 2. Deberán adoptarse todas as medidas apropiadas para asegurar o principio da igualdade de condición do marido e da esposa."

A Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller en 1979:[2]

2. O Estado Partes recoñecerán á muller, en materias civís, unha capacidade xurídica idéntica á do home e as mesmas oportunidades para o exercicio desa capacidade. En particular, recoñeceranlle á muller iguais dereitos para asinar contratos e administrar bens e dispensaranlle un trato igual en todas as etapas do procedemento nas cortes de xustiza e os tribunais.

3. Os Estados Partes conveñen en que todo contrato ou calquera outro instrumento privado con efecto xurídico que tenda a limitar a capacidade xurídica da muller considerarase nulo.

4. Os Estados Partes recoñecerán ao home e á muller os mesmos dereitos con respecto á lexislación relativa ao dereito das persoas a circular libremente e á liberdade para elixir a súa residencia e domicilio.

O Comité de expertos fixo no 13.º período de sesións, en 1994, na súa Recomendación n.º 21 a seguinte recomendación:[10]

"Cando a muller non pode celebrar un contrato en absoluto, nin pedir créditos, ou só pode facelo co consentimento ou o aval do marido ou un parente home, négaselle a súa autonomía xurídica. Toda restrición deste xénero impídelle posuír bens como propietaria exclusiva e imposibilítalle a administración legal dos seus propios negocios ou a celebración de calquera outro tipo de contrato. As restricións desta índole limitan seriamente a súa capacidade de prover ás súas necesidades ou as dos seus familiares a cargo."

  1. 1 2 Corral, Alfonso de Cossío (1948-03-23). "La potestad marital". Anuario de Derecho Civil (en castelán) (1): 13–45. ISSN 2659-8965.
  2. 1 2 "Declaración sobre la eliminación de la discriminación contra la mujer" (PDF).
  3. Espín Cánovas, Diego. "Capacidad Jurídica de la mujer casada. (Ensayo de Derecho comparado italo-hispano-americano)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de marzo de 2020. Consultado o 01 de marzo de 2025.
  4. Gómez de la Plaza, María del Carmen (1977). "La supresión de la licencia matrimonial". Anuario de derecho civil.
  5. "Droit civil, un outil de domination masculine ? (Le) - EHNE". ehne.fr (en francés). Consultado o 2024-11-27.
  6. U.S. Library of Congress (en inglés)
  7. Código Civil Ley 24 de abril de 1958 por la que se modifican determinados artículos del mismo. BOE
  8. "El rol de la mujer en el Código Civil" (PDF).
  9. Ley 14/1975, de 2 de mayo, sobre reforma de determinados artículos del Código Civil y del Código de Comercio sobre la situación jurídica de la mujer casada y los derechos y deberes de los cónyuges.
  10. Recomendación nº 21