Auschwitz I

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Vista aérea.

Auschwitz I foi un campo de exterminio nazi que se localizaba na cidade de Oświęcim, en Silesia occidental. En polaco lese "Oxbiénchim" e, xunto con Birkenau e Monowitz forma parte dun complexo penitenciario que rodea a cidade. Estableceuse por orde de Heinrich Himmler o 27 de abril de 1940 e a súa capacidade excedeuse ata chegar a 150 000 persoas.

Historia[editar | editar a fonte]

Nun principio pensado coma campo de concentración para os prisioneiros de guerra e xudeus para os que o réxime antisionista estaba pendente de decidir o seu futuro, a falta de alimentos e a necesidade de medicinas pola enorme morbilidade dos reos determinou aos seus responsables a comezar a aplicar a morte discriminada dos presos menos resistentes. Máis tarde aplicaron o que se deu en chamar "a solución final", é dicir, o exterminio dos presos.

Crematorio

Nestes dous procesos, calcúlase que entre 1942 e 1945 morreron en Auschwitz máis de millón e medio de persoas (maiormente polacos e/ou xudeus). Mentres que nun primeiro momento se utilizou o fusilamento, o asasinato masivo esixiu unha planificación máis detida: os presos eran selecciónados na súa chegada (vivirían os que tiñan visos de ser útiles coma traballadores), despoxados das súas pertenzas, duchados, asasinados nas cámaras de gas (con Zyklon B) e incinerados nos crematorios.

Rutina[editar | editar a fonte]

O principal uso dos presos foi coma forza de traballo. Primeiro coma man de obra para construír estradas e logo coma obreiros nas factorías filonazis da contorna, os reos traballaban tódolos días nunhas condicións miserables, onde o frío, a violencia física e psíquica e a inanición eran a norma de vida. Ironicamente, na porta hai un letreiro aínda conservado coa sentenza Arbeit macht frei ("O traballo faivos libres" en alemán).

Paralelamente, comezáronse a realizar os tritemente célebres experimentos xenéticos por parte do doutor e xeneral nazi Josef Mengele, utilizando os xemelgos que tiñan a desgraza de chegar ao campo de exterminio.

Situación actual[editar | editar a fonte]

Ante o avance do exército roxo que chegou o 27 de xaneiro de 1945, os nazis procuraron ocultar tódalas probas do xenocidio e dinamitaron os crematorios, transportando aos presos que puidesen camiñar. Aínda así reconstruíronse, así coma algúns dos alpendres onde se agolpaban ós presos. A negación da existencia do Holocausto xudeu foi unha práctica habitual de defensa nos xuízos de Nüremberg por parte dos dirixentes nazis e estas probas foron determinantes para moitas inculpacións. Cómpre dicir que a defensa desta idea está castigada con penas económicas e de prisión en Alemaña e na moderna República de Polonia.

Actualmente, xunto con Birkenau, alberga unha exposición permanente avalada polo polaco Instituto Nacional para a memoria do Holocausto. Varios estados montaron pavillóns de exposición nos pendellos onde malvivían os presos (Polonia, a URSS (responsable da liberación do campo) e Rusia coma herdeira súa, Países Baixos, Italia, Alemaña, Estados Unidos etc.), e tamén hai varios temáticos: vida cotiá no campo, condicións de vida, técnicas de exterminio, a horripilante "Probas do xenocidio" (onde hai cámaras expositoras enteiras de varias ducias de metros con maletas, peites, calzado ou pelo dos exterminados) etc.

Unha mostra da exposición[editar | editar a fonte]

No alpendre onde se alberga a exposición de Polonia pódese ver a seguinte carta, enviada á súa familia por un preso condenado a morte. Máis testemuñas deste tipo poden visitarse na exposición permanente. Tamén hai un listado de tamaño enciclopédico cos nomes dos polacos asasinados que se conservan, xa que non sempre se rexistraban tódolos prisioneiros chegados.

Querida muller:

Despídome de ti, e tamén da querida Loliña e da miña nai. Marcho deste mundo ó forno o día 30 ás 7 da tarde. Condenáronme a morte coma a un bandido.
Miña querida Bronia, sinto tervos abandonado. Creme que non podo escribir máis. Trémeme a man, teño os ollos cheos de bágoas por morrer tan consciente e inocente. Imos ir 58.
Bícoche infinitas veces e a Loliña tamén. Lembrádevos de min o día 30 de outubro ás 7 da tarde e rezade por min.
A Loliña dille que papá xa non está. Non podo escribir, non podo.
Despídome de todos.
Quedade con Deus.

W. H.

(Traducido ao galego por Joanna K. Ptak & Víctor Fresco Barbeito)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]