Atlas interactivo UNESCO das linguas en perigo no mundo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Atlas interactivo UNESCO das linguas en perigo do mundo (en inglés, UNESCO Interactive Atlas of the World's Languages in Danger) é un informe da UNESCO, publicado por primeira vez en 1996. Pretende alertar os lexisladores, as comunidades de falantes e o público xeral sobre as linguas en perigo e a necesidade de protexer a diversidade lingüística mundial. Tamén permite monitorear o estado das linguas en perigo e da diversidade lingüística a nivel mundial.

Historia[editar | editar a fonte]

O Atlas, que se publicou por primeira vez en 1996 (en edición impresa), incluía 12 páxinas de mapas. A segunda edición (2001) contiña 14 páxinas de mapas con 800 linguas. En 2005 a UNESCO desenvolveu un mapa táctil en liña de África, que detalla 100 linguas africanas en perigo xa mencionadas na edición de 2001. En febreiro de 2009 publicouse a versión en liña do Atlas, de acceso gratuíto. Inclúe 2498 linguas, 230 das cales se extinguiron desde 1950.

De cada unha das linguas, o atlas indica o nome, o nivel de perigo e o país ou países en que se fala. Respecto da edición impresa, a versión en liña achega información adicional de cada lingua: número de falantes, políticas e proxectos relacionados, fontes, códigos ISO e coordenadas xeográficas.

Clasificación das linguas[editar | editar a fonte]

Para determinar a vitalidade dunha lingua téñense en conta diferentes parámetros, entre eles o número absoluto de falantes, a transmisión interxeracional e a presenza nos medios. A partir deses datos estabelécese un dos 5 niveis de risco seguintes identificados con cores:

  • Vulnerábel (branco): A maioría dos nenos fálana, mais pode estar restrinxida a determinados ámbitos (por exemplo, o fogar).
  • En perigo (amarelo): Os nenos xa non o aprenden como lingua materna na casa.
  • En perigo grave (laranxa): Fálana as persoas anciás. Malia que a xeración dos pais pode entendela, non a falan entre eles nin cos nenos.
  • En perigo crítico (vermello): Os falantes máis novos son as persoas anciás, quen a empregan parcial e raramente.
  • Extinta (negro): Non quedan falantes. Estas linguas inclúense no atlas se se cre que se extinguiron a partir de 1950.

Non se inclúen nestes niveis as linguas consideradas «seguras», é dicir, faladas por todas as xeracións e cunha transmisión interxeracional non interrompida. Algunhas das linguas presentes no atlas son o aragonés, o asturiano, o éuscaro, o gascón, o cántabro, o occitano do Languedoc, o provenzal ou o alguerés.

Ver tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]