Atlantismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Atlantismo é unha  teoría nacionalista desenvolvida por Vicente Risco na súa obra Teoría do Nacionalismo Galego en 1920. Xorde como resposta á “crise do europeísmo”. De acordo con ela, é tarefa da civilización atlántica, isto é, dos países celtas, superar a crise que sofre a civilización mediterránea en Europa.

Vicente Risco, teórico do Atlantismo

As tres civilizacións[editar | editar a fonte]

Risco, seguindo a división de Eugeni d´Ors i Rovira, diferenza tres civilizacións principais con cadansúa característica na súa obra Teoría do Nacionalismo Galego:

  •  Civilización mediterránea: A da Intelixencia
  •  Civilización oriental e mais a yankee: as da Vontade
  •  Civilización atlántica: A da Memoria, a Morriña e a Saudade.

Na súa obra, Risco afirma que até entón foran as civilizacións da Intelixencia e a da Vontade as que estiveran en conflito, xa que a da Saudade (a celta) aínda non puido participar autonomamente na escena mundial. O desexo de Risco era que, dentro da civilización atlántica, Galicia tivese un papel fundamental, sendo á vez motor e ponte entre o valioso da civilización mediterránea e nova civilización.

A decadencia de Occidente[editar | editar a fonte]

O intelectual galego segue a teoría da decadencia de Europa do filósofo e historiador alemán Oswald Spengler, aínda que difire desta tese en dous aspectos fundamentais, segundo apunta a profesora Olivia Rodríguez González:

  •  A caída non é unha necesidade, senón unha posibilidade.
  •  A decadencia estase a producir só nunha parte de Europa (a mediterránea)

Risco precisa que a decadencia europea afecta especialmente á civilización mediterránea (a que tería o control na Europa) e que a superación de dita decadencia é misión histórica doutra cultura. Esta, non pode ser a norteamericana, xa que "non aportaría nada novo por ser unha prolongación de Europa e constituír unha mímese da cultura oriental"; tampouco África, xa que aquí o islam tamén agoniza e "o pobo negro, colonizado por europeos, non é quen de crear unha cultura". Esta situación fai que teña que ser unha civilización da mesma Europa a encargada de sacar ao continente do estado de colapso no que se atopa e isto, a ollos de Risco, é tarefa da cultura celta. Así, producirase un traslado de poder do eixo cultural mediterráneo ao eixo cultural atlántico. A civilización atlántica, estaría integrada polas nacións celtas do noroeste de Europa (Irlanda, Escocia, Bretaña, Cornualles, Illa de Man e Gales), Portugal e Galiza. Terá precisamente a esta última como motor e como ponte entre esa vella Europa que non tardará en esmorecer e o novo mundo céltico. Deste xeito, a teoría do atlantismo outórgalle ao nacionalismo galego un carácter universal. Así mesmo, polo seu valor simbólico en relación con todo o anterior, Risco recorre con asiduidade ao mito da Atlántida. A cidade somerxida presenta unha dobre lectura: por unha banda, representa a civilización céltica, afundida no esquecemento e, por outra, á nación galega, sometida a unha cultura allea.

O afundimento da Atlántida pode non ter que ver coa nosa orixe, mailo seu rexurdimento sinala unha finalidade ao noso porvir. Temos que restaurar a Atlántida en esprito e en verdade, ou sexa, en civilización [1](V. Risco, 1995, 1V: 47)

Atlantismo e celtismo[editar | editar a fonte]

Para Risco, o celtismo sería a unión e colaboración dos países de cultura celta do Atlántico-Breizh (Bretaña), Eire (Irlanda), Alba (Escocia), Ellan Vanni (Illa de Mann), Kernow (Cornualles) e Cymru (Gales). Estes países, xunto con Galicia e Portugal, comparten, segundo di, un pasado común celta que no caso galego e portugués foi case eliminado por completo pola invasión romana. Dentro desa “civilización atlántico-celta” Galicia podería acadar un posto central e actuaría de ponte entre os restos que vale a pena salvar dese mundo mediterráneo que esta a esmorecer, e o novo mundo atlántico. Estes países celtas terían por volta daquel tempo a oportunidade de se realizaren autonomamente e de crear a mencionada civilización atlántica.

A diferenciación que Risco fai entre a raza celta e a mediterránea é unha diferenciación baseada nun racismo non de superioridade- pois acepta que a cultura mediterránea é a cultura do enxeño- senón que se trata dun racismo que xorde como elemento diferenciador e de oposición, no caso galego, contra o que sería o resto do estado español.

O caso de Portugal é bastante singular xa que, na visión de Risco, Galicia e Portugal son os dous eixos celtas da península ibérica, porén, Portugal é “ máis ibérico”. O propio concepto de saudade, que logo tomarían os nacionalistas galegos como elemento identitario da cultura galega, é definido por Risco como :

ata se me apuran ibérico de máis”.[2]

Así pois, Risco afirma que a Portugal lle fai falta Galicia:

cómprelle un pouco de lazo nórdico[3]

Debe entenderse este lazo nórdico-celta como a parte celta que Galicia si mantivo e do que Portugal foi despoxado.

Philéas Lebesgue é un ensaísta, poeta, novelista e crítico literario francés que na Bretaña tenta recuperar as reunións druídicas e colabora coa revista Nós. Risco, co obxectivo de recuperar esta tradición, que en Galicia e Portugal se conservou menos, chega mesmo a redactar un estatuto para unha sociedade secreta denominada “Orde do Sancto Graal”. Afonso Vázquez-Monxardín e Joaquim Ventura, deron a coñecer os ritos que poderían terse levado a cabo.

Irlanda e o Leabhar Gabhála na hÉireann[editar | editar a fonte]

Entre todos os países celtas que forman a civilización atlántica, Irlanda vai xogar un papel fundamental na unión de Galicia con estes. É a través das antigas culturas, mais tamén da historia contemporánea de ambos países coas que o nacionalismo galego une os dous pobos. Irlanda é o referente celta que Risco di que Galicia ten que imitar, xa que é alí onde o celta é mais puro (costumes, lingua...). Seguindo o proceso de recuperación da cultura celta levada a cabo na Irlanda antes da independencia, Galicia deberá imitala na recuperación do  enxebre, aludindo mesmo a “receltificación” de Galicia. Intelectuais da época e mesmo anteriores van afirmar que o nacionalismo galego naceu (alén dos referentes de analoxía do estado -catalán e vasco-) do nacionalismo irlandés. Como exemplo sirva o nome do grupo político e cultural Nós e a similitude co nome do partido nacionalista irlandés Sinn Féin fundado en 1905, cuxo nome traducido do gaélico irlandés significa nós mesmos ou simplemente nós. Tamén une a Irlanda e a Galicia o apartado relixioso fortemente católico e que forma parte da identidade cultural de ambos os dous pobos.

O Leabhar Gabhála na hÉireann é o libro das Invasións de Irlanda. Este libro narra as sucesivas invasións que a illa sufriu na súa historia. Na revista Nós tradúcense ao galego os capítulos que fan referencia as xestas de Breogán e os milesios. Se ben non están asinados, algúns estudosos non temen afirmar que o autor da tradución é o mesmo Risco, tendo para esta afirmación referencias de traducións e recensións de textos anglo-irlandeses da súa autoría. Estes relatos axudarían a tender lazos mais fortes entre Irlanda e Galicia, pois a concepción que Risco (e algúns dos seus compañeiros de Nós) tiña, era a de que máis alá de ser unha lenda tería parte real e que sería mostra do pasado celta de Galicia e, por conseguinte, a evidencia da pertenza de Galicia na civilización atlántica.

Portugal[editar | editar a fonte]

A cuestión portuguesa no encaixe do atlantismo era singular. A cultura portuguesa para Risco pecaba de ser hoxe en día máis ibérica que celta, isto é, máis mediterránea que atlántica. Esta afirmación vén a explicar que Portugal so é celta no norte, na zona que antigamente estaba unida a Galicia constituíndo unha soa entidade cultural; mentres que no sur o país era mediterráneo, “non puro”. Por esta falta de “celticidade”, Portugal precisaba a achega nórdica de Galicia, pois esta mantería máis elementos da cultura celta, isto é, atlántica.

Precedentes e diferenza entre celtismo e atlantismo[editar | editar a fonte]

Manuel Murguía

A idea céltica de Risco non era nova no ámbito da construción da identidade galega. Autores como Pondal ou Murguía xa falaban do pasado celta de Galicia e como este constituía unha diferenciación étnica da Terra fronte o resto  de España. Pondal, por exemplo, era coñecido como o bardo de Galicia. Nas súas composicións usaba nomes das comarcas e parroquias dos arredores de Ponteceso para crear heroes e personaxes “celtas”. É Pondal tamén un dos responsables da asociación de Galicia con Breogán e Irlanda, incluíndoo no seu poema Quixumes dos pinos, que sería o himno de Galicia.

Murguía pola súa banda, seguiu as teses históricas de autores como Verea de Aguilar, quen foi o primeiro en incluír a teses celta nunha historia de Galicia. Porén, e aínda que se soe achacar o celtismo aos séculos XIX XX, a identificación de Galicia con Irlanda e coa cultura celta é algo que aparece moi temperá na historia. Moi seguramente, os autores que defenden o celtismo se basearon nos escritos que os romanos fixeron cando chegaron á península Ibérica, como Estrabón ou Heródoto, que relacionaban aos kallaikoi cos celtici doutras rexións. Isto unido á existencia do Leabhar Gabhála na hÉireann reforzou a tese céltica de Galicia.

Débese ter en conta que os precedentes a Risco e á súa tese do Atlantismo son teses celtas, isto é son teses baseadas na demostración de que Galicia é celta polo seu pasado.

Cómpre ter en conta que celtismo e atlantismo non son exactamente o mesmo. Unha estaría dentro da outra. O celtismo sería o que constituiría o atlantismo. Sen unha base sobre o pasado celta, a tese do atlantismo non tería sentido.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Martínez Risco e Agüero, Vicente (2000). Teoría do nacionalismo galego. Edición crítica de Justo Beramendi. Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-369-0. 
  2. Martínez Risco e Agüero, Vicente (2000). Teoría do nacionalismo galego. Edición crítica de Justo Beramendi. Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-369-0. 
  3. Martínez Risco e Agüero, Vicente (2000). Teoría do nacionalismo galego. Edición critica de Justo Beramendi. Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-369-0. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Teoría do nacionalismo galego. Edición crítica de Justo Beramendi. 2000. Sotelo Blanco.
  • O nacionalismo galego. 1996. Justo Beramendi, Xosé Manoel Núñez Seixas. Edicións A Nosa Terra
  • Estética e teoría da cultura en Vicente Risco. 2001. Olivia Rodríguez. Editorial Galaxia
  • A identidade galega e irlandesa a través dos textos. 2005. Alberto Alvarez Lugrís, Maria Amelia Fraga Fuentes, María Dolores Gómez Penas, Anne MacCarthy, Eduardo Moscoso Mato. Santiago de Compostela. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico Campus universitario sur (USC) p. 66-74.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]