Paseo dos Ingleses de Niza, onde ocorreu o ataque.
O atentado de Niza de 2016 foi un ataque terrorista que tivo lugar na cidade francesa de Niza o 14 de xullo de 2016, cando un camión pasou por riba, sobre as 22:40, dunha multitude que estaba festexando o Día Nacional de Francia, no paseo dos Ingleses, moi preto do Hotel Negresco. O condutor do camión foi abatido pola policía, despois de percorrer uns 2 quilómetros e disparando ó mesmo tempo. Até o de agora hai 84 mortos e máis de 200 feridos.[1][2] Segundo Nice Matin, un xornal local, producíronse escenas de pánico entre a poboación, que comezou a correr en tódalas direccións. As forzas da orde, militares incluídos, estabeleceron un perímetro de seguridade.
Dende 2012, Francia está baixo a sombra do terrorismo islamista. Redadas na busca de terroristas son a resposta á ameaza que fixo en 2015 o grupo Estado Islámico (tamén coñecido como ISIS ou Dáesh): "A Francia quédalle moito por sufrir".
En marzo de 2012 tivo lugar o primeiro ataque terrorista de Francia. Neste atentado, un francés de orixe alxeriano, Mohammed Merah, asasinou catro persoas nunha escola xudía de Tolosa. Despois de fuxir, a policía acurralouno nun apartamento da cidade e foi abatido nun tiroteo.
En xaneiro de 2015, produciuse un dos atentados con máis repercusión: uns encarapuchados entraron na sede da revista satírica Charlie Hebdo e asasinaron 12 persoas. Foron identificados como os irmáns Kouachi e foron abatidos logo de agocharse nunha imprenta.
En novembro de 2015, 130 persoas morreron e cando menos 300 resultaron feridas polos atentados no teatro Bataclan (90 mortos); no restaurante Le Petit Cambodge; o local Belle Équipe; o bar Le Carrillon e o Boulevar Fontaine. Dos nove terroristas que participaron no ataque, sete inmoláronse. Os dous que sobreviviron foron detidos tempo despois en Bruxelas.
En xuño de 2016, un policía e a súa muller foron asasinados a coiteladas en Niza, nun ataque reivindicado por Daesh.
En 2015, despois do ataque do Charlie Hebdo, Francia radicalizou a súa postura contra o terrorismo e enviou un portaavións para axudar á coalición a bombardear posicións de ISIS.
Dende os atentados de novembro de 2015, Francia atópase en estado de emerxencia. A mañá do 14 de xullo de 2016, só unhas horas antes do atentado de Niza, o presidente de Francia François Hollande afirmou que poría fin ó estado de emerxencia unha vez rematado o Tour de Francia o 26 de xullo de 2016.[3] Porén, despois do atentado, declarou que o mantería tres meses máis.[4]