Asociación de Mariscadoras de Moaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asociación de Mariscadoras de Moaña
Tipoasociación profesional
Data de fundación1978
SedeMoaña
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]


A Asociación de Mariscadoras de Moaña foi creada en 1978. Ten a súa sede no local da Confraría de Pescadores de Moaña. A asociación foi creada cos propósitos de conseguir un soldo digno para as mariscadoras, que se recoñecese o seu traballo como mulleres, mellorar os seus dereitos salariais e ter dereito a unha atención médica entre outros.

Esta asociación traballa en todas as praias de Moaña, dende a Ponte de Rande ata Cangas. A praia con mellores condicións é a praia da Xunqueira.

A Xunta de Galicia estableceu unha serie de criterios para as persoas que queiran formar parte da asociación, como ser maior de idade, ter completada a ESO e contar co permiso de explotación para o marisqueo de a pé. No caso de haber moitas solicitudes teñen preferencia as persoas de Moaña. No ano 2016 a asociación estaba composta por 73 mulleres e de momento non contan aumentar o número porque os recursos non dan para máis persoas, se queren obter un salario digno.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira presidenta foi Francisca Cañedo, a quen sucedeu Alicia Rodríguez Pérez, que exerceu a presidencia durante 30 anos. Neses anos as poucas asociacións que había en Galicia e en España estaban nunha fase inicial na súa organización, igual cá de Moaña. Naqueles comezos formaban parte da asociación 1600 persoas aproximadamente. Por parte da administración non tiveron impedimentos para crear a súa asociación.

Cada 4 anos elíxese presidenta e o proceso para escollela é o mesmo que en calquera proceso electoral: convocatoria de eleccións, presentación de candidaturas, celebración de eleccións, período de reclamacións e proclamación da presidenta.

A directiva está formada por 9 persoas: presidenta, vicepresidenta, secretaria, tesoureiro e 5 vogais.

As funcións da presidenta son organizar o traballo das compañeiras e a venda das especies recollidas, levar o marisco á lonxa e recoller mostras do marisco cando son requiridas pola administración…

En 2017, a presidenta é María Dolores Álvarez Cancelas.

O traballo[editar | editar a fonte]

Os aspectos máis duros desta profesión son as posturas e a climatoloxía. Dóelles moito o lombo porque están moito tempo agachadas xa que para recoller varios quilos de marisco teñen que traballar arredor de dúas horas. En canto ás condicións climatolóxicas, son duras en moitas ocasións, xa que no verán o sol quenta moito a determinadas horas e no inverno vai moito frío na auga.

As mariscadoras traballan para que se lles recoñeza a profesión, as enfermidades profesionais, unha pensión de xubilación, o dereito ás vacacións e que se lles aporte un soldo digno. Os seus horarios e quendas dependen das mareas, pero non poden mariscar despois das seis da tarde e tampouco dúas horas antes do amencer.

Para levar a cabo o seu traballo a administración obrígalles a usar luvas. En canto ao resto da vestimenta levan botas, chuvasqueiro, traxes de neopreno, quentadores, gorras e camisetas de manga larga. En canto aos apeiros necesitan sachos, salabardos e angazos.

Recollen berberecho, ameixa babosa, fina e xaponesa, navallas e longueiróns. Dependendo de como vaian os prezos en lonxa recollen máis quilos cando o marisco vale máis e menos cando vale menos. Unha vez que o marisco é recollido teñen que levalo á lonxa de Meira. Alí separan o grande do pequeno, lávase ben e lévase á lonxa de Vigo onde o mercan os depuradores. Unha vez depurado vai ao mercado.

O furtivismo é un problema importante para elas, sobre todo no verán, polo que para protexer o seu, as mariscadoras teñen que facer quendas de vixilancia ademais de contratar gardas marítimos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]