Asociación Cultural Pesquedellas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Asociación Cultural Prestadora de Servizos á Xuventude "Pesquedellas" (A.C. Pesquedellas) é unha asociación sen ánimo de lucro que busca investigar e logo divulgar a través das súas redes sociais o patrimonio inmaterial galego, tendo como vehículo transmisor a lingua galega.

Orixes e traxectoria[editar | editar a fonte]

Esta asociación nace en Betanzos en 2019, froito da inquedanza dos seus 8 creadoras por investigar pola súa conta sobre a música e o baile tradicionais, e por extensión o patrimonio inmaterial da cultura galega. Os formantes saen da Escola Municipal de Folclore de Betanzos, máis concretamente do Grupo Azougue, onde recibiron formación en música e baile tradicionais, e onde foron desenvolvendo as súas inquedanzas sobre o patrimonio inmaterial galego, máis alá da música e do baile.

A súa andaina comeza coa creación do grupo informal "Pesquedellas", forma xurídica coa que solicitan e obteñen a subvención Iniciativa Xove[1]. Grazas a esta axuda económica, levan a cabo o primeiro traballo da organización: un documental onde se recompilou, investigou e difundiu o folclore galego.

A partir deste momento, foron moitas as actividades que foron levando a cabo. Seguiron coa parte investigadora, facendo entrevistas a diferentes personalidades do folclore galego, como a Mini, á Asociación Etnográfica Sete Espadelas, ao ferrolán José Togores Hernani, quen adicou o seu Traballo de Fin de Máster ao Viño do País[2], a Elena Ferro e a Marías e Fredi, dous compoñentes do grupo ortegano Bágoa da Raíña e fundadores do Festival Internacional do Mundo Celta, entre outros.

Asemade, tamén formaron parte doutras actividades: puxeron voz ao vídeo en defensa da da cultura da Deputación da Coruña feito en 2021[3], levaron a cabo obradoiros de creación de coplas tanto en institutos como o IES As Mariñas, colexios como o CEIP San Marcos e aulas abertas de pandeireta no Espazo Xove de Betanzos[4]. En 2022 formaron parte da programación do Museo de Belas Artes para o Día Internacional dos Museos, facendo visitas guiadas musicalizadas, coa guía Sara Fraga, traballadora do museo, así como secretaria da asociación.

Na actualidade, son 4 as rapazas que conforman a A.C. Pesquedellas, que seguen cumplindo os obxectivos da asociación: investigar sobre o folclore galego e compartilo con toda a poboación a través das súas redes sociais e asentar a tradición dos Xogos Florais, recuperados pola asociación no ano 2021.

Proxectos[editar | editar a fonte]

O documental Escoitar, aprender e compartir[editar | editar a fonte]

Este primeiro proxecto levouse a cabo durante os meses de xullo, agosto, setembro e outubro de 2019. Durante este periodo, o grupo investigou en fontes escritas, púxose en contacto con persoas que se adicaron á recollida de patrimonio inmaterial, elaborou entrevistas, recolleu patrimonio inmaterial el mesmo e levou a cabo a montaxe, mostra, correción, proxeción e difusión do documental, tanto nas súas redes sociais como de maneira física, con carteis, trípticos e reparto de CDs gravados co documental no seu interior nas diferentes proxeccións.

Os Xogos Florais[editar | editar a fonte]

Tras a creación da asociación, a prioridade desta organización focalizouse na recuperación dos Xogos Florais, concurso poético nado en Betanzos en 1886 da man do xornal betanceiro Las Mariñas, ademais da súa actividade habitual. O obxectivo é reinstaurar esta tradición, para dar visibilidade á importancia que este evento de creación literaria tivo na vila, mais actualizándoa, e sobre todo utilizándoa como altofalante para toda a xuventude creadora en lingua galega que se atopa tanto na vila coma no país.

Ademais da parte máis poética, os Xogos Florais actualizados contan con actuacións musicais, onde se pon en valor a música e o baile tradicionais, traendo a grupos do país con diferentes interpretacións destas. Desta maneira, todos os eventos que forman os Xogos Florais, independentemente do ano, e dos cambios que poida haber, teñen en común a conexión e o fondo coñecemento das raíces galegas.

Unha fala, un cantar. Xogos Florais 0[editar | editar a fonte]

Estes foron os primeiros Xogos Florais levados a cabo pola asociación, nas datas 18, 19, 26 e 26 de setembro de 2021. Surxiron a modo de proba, como preparación para as edicións seguintes. O evento enfocouse directamente á xuventude e adaptouse o máximo a actualidade, promovendo o uso da lingua galega dentro da xente máis nova.

Dun xeito renovado, uniuse a poesía tradicional coas creacións máis vangardistas da xuventude galega. Os eventos incluíron a proxección do documental "Dorothé na Vila", o concerto do dúo "Casás Barcia", o espectáculo "Cóntoche un traxe", por Montse Rivera, o I Slam de Poesía, do cal nace o primeiro poemario dos Xogos Florais 0 e na última xornada, a entrega de premios dos gañadores do Slam Poético, acompañada do concerto do dúo Caamaño & Ameixeiras.

Xogos Florais 2022. Edición Antolín Faraldo[editar | editar a fonte]

Nesta edición adicada ao xornalista Antolín Faraldo, quen morreu moi novo, procurouse dar espazo e voz á xuventude creadora galega, pois o brigantino destaca polos seus escritos adiantados para a época. É por isto que os Xogos Florais de 2022 contaron con personalidades como "A drag Pandereteira" Meiga-i e a presentación da revista dixital A Cousa. Ademais, para enxalzar a profesión de Faraldo, celebrouse amais do Slam de Poesía, o Concurso Xornalístico Antolín Faraldo. Por último, para loar a música e o patrimonio inmaterial galegos, contouse cun desfile didáctico sobre o traxe tradicional da man do obradoiro O Sarillo[5], e as actuacións musicais de Doner e os Kebaps e o grupo A Tajea.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Convocatoria de axudas creadas pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, destinada a pór en marcha proxectos creados por mozas e mozos de entre 18 e 30 anos.
  2. Conxunto de adegas atopadas na comarca de Betanzos nas que os donos venden o excedente da produción de viño anual. É tradición acudir a estes lugares a catar o viño da tempada e levar comida para compartir entre todos. Estas adegas só abren nun periodo concreto do ano, dende que se comeza a produción do viño e ata que este se esgota. Os establecementos que están abertos márcanse coa póla dun loureiro.https://ruc.udc.es/dspace/bitstream/handle/2183/27513/Togores_Hernani_Jose_Ramon_2020_Patrimonios_y_culturas_del_vino_en_riesgo_de_desaparicion.pdf?sequence=3
  3. https://www.youtube.com/watch?v=Kp0CdaG6QCo
  4. https://www.facebook.com/photo.php?fbid=313485990813353&set=pb.100064558637993.-2207520000&type=3
  5. Grazas á axuda de Yerai Paz, fundador de O Sarillo e investigador do traxe tradicional galego, e á colaboración co Museo das Mariñas, puideron investigarse traxes expostos dentro da Sala do Traxe do museo, e restaurar aqueles que se atopaban en peor estado.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]