Arco de ferradura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Arco visigótico»)
Arco de ferradura no Arco visigótico de Panxón (Nigrán). Declarado Monumento Nacional en 1964, data de finais do século VII.

O arco de ferradura[1] é un tipo de arco que ten unha abertura que supera a media circunferencia co centro situado por riba da liña de impostas (a curva é máis ampla que a dun semicírculo) e que ten forma de ferradura. É moi característico da arquitectura árabe[2] mais aparece en abundantes exemplos anteriores á ocupación árabe. En Galicia temos poucos exemplos pola feble influencia musulmá, mais si aparece nalgunhas construcións de orixe xermánica como a Igrexa de Santa Comba de Bande en Bande (Ourense), ou nos restos da Igrexa visigótica de Panxón, en Nigrán (Pontevedra), ambos os dous do século VII, en estilo prerrománico. Tamén aparece un arco de ferradura no Templo de Santalla de Bóveda, en Lugo, construído en épocas da invasión romana de Lucus, entre os séculos II e IV.

É probábel que o arco de ferradura sexa unha creación dos antigos pobos prerromanos da Península Ibérica, e que de aí pasara, a través dos romanos, á arte visigoda (século VII), os cales foron os que lle deron o seu primeiro pulo importante. Dos visigodos pasou á arte hispanomusulmá e, de aí, pasou á arte mozárabe e ao mudéxar. Con todo, o arco visigodo é menos fechado que o musulmán e, ademais, este ten moitas veces a rosca excéntrica.

Na arte musulmá hai numerosas variantes de arcos, case todas derivadas do arco de ferradura: arcos apuntados de ferradura (ou túmidos), arcos lobulados (do século X en diante), arcos entrelazados, arcos mixtilíneos, arcos cortina (que aparecen no século XI) e angrelados-acampanados (dende o século XIV). En todo caso, estes arcos enmárcanse cun alfiz e as súas doelas adoitan posuír os motivos decorativos (esta alternancia no conxunto de doelas tamén se toma da arte hispano-visigoda ou, incluso, da arte hispano romana).

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Denominación galega en Léxico de urbanismo, construcción e arquitectura, Vigo, COAG-Concello de Vigo, 1998; Gran dicionario Xerais da lingua galega Vigo, Xerais, 2009; Dicionario da Real Academia Galega A Coruña, RAG, 2012 e Dicionario visual da construción, Santiago de Compostela, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, 2004
  2. Definición en Diccionario Cumio da lingua galega, Vigo, Ed. do Cumio, 1999

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]