Arco visigótico de Panxón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°8′42.93″N 8°49′25.42″O / 42.1452583, -8.8237278

O arco visigótico co Templo Votivo do Mar no fondo.

O arco visigótico de Panxón é un arco de ferradura de finais do século VII que formaba a porta de entrada dunha antiga igrexa de estilo visigodo que se atopa na parroquia pontevedresa de Panxón, no concello de Nigrán.

Os restos formaban parte dunha capela dedicada a San Pantaleón, pero co tempo pasaron a formar parte dunha igrexa máis moderna de planta basilical, a de San Xoán de Panxón (mais o arco semella que estaba oculto). En 1932, o arquitecto porriñés Antonio Palacios constrúe nun outeiro a poucos metros do arco a nova igrexa de San Xoán: o Templo Votivo do Mar, conservando só a construción visigótica orixinal do antigo templo.

Declarouse Ben de Interese Cultural en 1964. A súa importancia reside en ser das primeiras manifestacións relixiosas do cristianismo en Galicia.[1]

Estilo[editar | editar a fonte]

Trátase dunha igrexa de planta de cruz grega da que practicamente só se conserva a fachada principal e parte dos muros laterais, todo en cantaría e cachotaría de granito. A planta é cadrada (propio da arquitectura xermánica), e da porta accédese directamente ao presbiterio. A porta de entrada principal arránxase cun arco de ferradura típico da arte visigoda, rexo e estábel; a liña de extradorso externa do arco é perpendicular ao chan e no seu interior é moi irregular como ocorre na igrexa de Santa Comba de Bande; a diferenza con esta consiste que aquí as doelas encaixan cos perpiaños inmediatos ao muro. O arco fica sostido por un parella de piares (antes foran catro) de fuste liso con cadanseu chapitel corintio ornamentado cunha coroa dupla de follas de acanto, volutas incipientes e elementos xeométricos. O arco posúe vinte e unha doelas dispostas de xeito radial, agás as inferiores que se dispoñen de xeito horizontal.

Nas ruínas do templo achamos tamén a lousa dun sarcófago antropomorfo suevo (séculos V-VII) con decoración de tipo estola (véxase foto na Galería de Imaxes). O arco serviu de inspiración para Antonio Palacios na construción do Templo Votivo do Mar.[2]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

O estado de conservación do arco é bo, mais a contorna está moi descoidada. Cando en 1932 Antonio Palacios presentou o proxecto do Templo Votivo de Panxón dixo que non cobraría diñeiro polo seu traballo coa condición de que os veciños coidasen o arco visigótico. Foi declarado Monumento histórico-artístico polo Decreto 4078/1964, e Ben de Interese Cultural o 3 de decembro de 1964.[3]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vista dende a parte posterior da fachada da capela. 
Detalle do chapitel
Chapitel decorado. 
Vista frontal do arco. 
Vista dende o alto. 
Os dous templos. 
Cruz. 
Lousa sepulcral. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Web Outono.net Arco Visigótico de Panxón
  2. "Web de Galicia Máxica". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2015. Consultado o 28 de setembro de 2015. 
  3. Web de Patrimonio galego.net

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]