Antonio Gala
Antonio Ángel Custodio Sergio Alejandro María de los Dolores Reina de los Mártires de la Santísima Trinidad y de Todos los Santos, coñecido como Antonio Gala Velasco, nado en Brazatortas (Cidade Real), o 2 de outubro de 1930[1][2] e finado en Córdoba o 28 de maio de 2023,[3] foi un poeta, dramaturgo, novelista, guionista e articulista español.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu e viviu a súa infancia en Brazatortas (Cidade Real) até os 9 anos.[4] En 1939 a familia trasladouse a Córdoba, onde Antonio escribiu as súas primeiras obras. Con 14 anos impartiu unha conferencia no Real Círculo da Amizade, Liceo Artístico e Literario da cidade.[5]
Lector precoz de Rainer Maria Rilke, Garcilaso, San Xoán da Cruz e outros autores, estudou desde os 15 anos a carreira de Dereito na Universidade de Sevilla. Como alumno libre cursou Filosofía e Letras, Ciencias Políticas e Económicas na Universidade de Madrid. En todas elas obtivo licenciaturas.
Ao acabar os seus estudos universitarios, iniciou a preparación de oposicións ao Corpo de Avogados do Estado. Abandonou o proceso no que el lembra como un xesto de rebeldía ante a presión do seu pai, para ingresar despois nos cartuxos. Porén, a ríxida disciplina monástica non estaba feita para el e, como conta na súa autobiografía, Ahora hablaré de mí (2000), foi expulsado da orde.
Mudouse entón a Portugal, onde levou unha vida bohemia. En 1959 comezou a impartir clases de Filosofía e Historia da arte e recibiu un accésit do Premio Adonáis de Poesía pola súa obra Enemigo íntimo. Empezou unha exitosa carreira teatral e xornalística que lle posibilitou desde 1963 vivir só da escritura. A mediados de 1962 marchou a Florencia (Italia), onde permaneceu case un ano. Nese tempo publicou na revista mensual Cuadernos hispanoamericanos poemas do seu libro La deshonra.
En 1973 sufriu en Madrid unha perforación do duodeno que case lle custa a vida. Durante a convalecencia empezou a utilizar caxato, obxecto de que reuniu xa uns 3000 exemplares, agasallos de amigos e admiradores.[6]
Publicou artigos no suplemento dominical de El País, desde a súa fundación en 1976 até 1998, como «Charlas con Troylo», «A los herederos» ou «A quien conmigo va». Todos estes artigos foron despois recompilados en libros.
Comezou a escribir novelas na década de 1990. Coa primeira delas, El manuscrito carmesí, obtivo o Premio Planeta en 1990.
Tamén colaborou no diario El Mundo entre 1992 e 2015 con artigos de opinión breves publicados na súa columna «La Tronera». O seu ritmo de creación e publicación literaria descendeu paulatinamente. De feito, en varias ocasións deu a entender que El pedestal de las estatuas sería a súa última novela.
Creou a Fundación Antonio Gala para Jóvenes Creadores, dedicada a apoiar o labor de artistas novos.[7]
O 14 de decembro de 2011 recibiu o Premio Quijote de Honra a toda unha vida, concedido pola Asociación Colegial de Escritores de España (ACE).[8]
O 5 de xullo de 2011 o escritor fixo público na súa columna de El Mundo que padecía «un cancro de difícil extirpación».[9] En febreiro de 2015, durante unha homenaxe en Málaga polo seu nomeamento como Fillo Adoptivo e a entrega da Medalla da cidade, manifestou estar libre xa dunha doenza que soportou «máis tempo do debido» e afirmou que o equipo médico do Hospital Reina Sofía de Córdoba declararao «libre do cancro».[10]
Ideoloxía
[editar | editar a fonte]Durante o período coñecido como Transición española (aproximadamente entre 1976 e principios de 1981) defendeu publicamente posturas de esquerda non enmarcadas en ningún partido político. En 1978 reivindicou a autonomía para Andalucía na apertura do Congreso de Cultura Andaluza en Córdoba.[11]
En 1981 foi nomeado presidente da Asociación de Amistad Hispano-Árabe, cargo que desempeñou nos primeiros anos da existencia desta. Daquela formou parte tamén da Sociedad de Amistad España-URSS, subvencionada polo goberno soviético.[12]
En 1985 foi denunciado por un militar por inxurias e ofensas ao exército español no seu artigo Soldadito español, publicado no diario El País en maio dese ano. Porén, o caso foi desestimado.[13]
Foi presidente da plataforma cívica que propugnaba o "non" á permanencia de España na OTAN no referendo que se celebrou en marzo de 1986.[14]
Ten publicado en El Mundo artigos moi críticos co Estado de Israel que foron tachados de antisemitas. En 2014 a Comunidade Xudía de Madrid querelouse contra el por discriminación, incitación ao odio, ofensa aos sentimentos dos membros dunha comunidade relixiosa e inxurias por mor do artigo ¿Los elegidos?.[15][16][17]
Obra
[editar | editar a fonte]Gala é un autor de grande éxito nos xéneros que cultiva: teatro, columnismo, novela ou lírica. O seu é un estilo moi elaborado no formal, con abondosas imaxes e recursos líricos. Amais, inclúe críticas a personaxes da actualidade ou a personaxes históricos.
As súas obras están marcadas por temas históricos, máis para iluminar o presente que para afondar no pasado. A obra teatral de Gala foi máis apreciada polo público que por parte da crítica. Esta atopa dificultade ao clasificala debido ao carácter lírico e épico do seu traballo. Ten colaborado, amais, en series televisivas.
A incursión de Gala na novela foi máis tardía en comparación co teatro. Porén, obtivo un éxito destacado con obras como El manuscrito carmesí, La regla de tres ou La pasión turca. Esta última foi adaptada ao cine polo director español Vicente Aranda.
Teatro
[editar | editar a fonte]- Los verdes campos del Edén, 1963
- El caracol en el espejo, 1964
- El sol en el hormiguero, 1966
- Noviembre y un poco de hierba, 1967
- Spain's strip-tease, 1970
- Los buenos días perdidos, 1972
- ¡Suerte, campeón!, 1973
- Anillos para una dama, 1973
- Las cítaras colgadas de los árboles, 1974
- ¿Por qué corres, Ulises?, 1975
- Petra regalada, 1980
- La vieja señorita del paraíso, 1980
- El cementerio de los pájaros, 1982
- Trilogía de la libertad, 1983
- Samarkanda, 1985
- El hotelito, 1985
- Séneca o el beneficio de la duda, 1987
- Carmen, Carmen, 1988
- Cristóbal Colón, 1989
- La truhana, 1992
- Los bellos durmientes, 1994
- Café cantante, 1997
- Las manzanas del viernes, 1999
- Inés desabrochada, 2003
Poesía
[editar | editar a fonte]- Enemigo íntimo, 1959
- 11 sonetos de La Zubia, 1981
- 27 sonetos de La Zubia, 1987
- Poemas cordobeses, 1994
- Testamento andaluz, 1994
- Poemas de amor, 1997
- El poema de Tobías desangelado, 2005
- Desde el Sur te lo digo, ed. de Pedro J. Plaza, 2019
Artigos
[editar | editar a fonte]- Texto y pretexto, 1977
- Charlas con Troylo, 1981
- En propia mano, 1985
- Cuadernos de la Dama de Otoño, 1985
- Dedicado a Tobías, 1988
- La soledad sonora, 1989
- Proas y troneras, 1993
- El águila bicéfala, 1993
- Córdoba de Gala, 1993
- A quien conmigo va, 1994
- Andaluz, 1994
- Carta a los herederos, 1995
- Troneras, 1996
- La casa sosegada, 1998
- Quintaesencia, 2012 (aforismos)[18]
Narrativa
[editar | editar a fonte]- El manuscrito carmesí, 1990 (novela)
- La pasión turca, 1993 (novela)
- Siete cuentos, 1993 (relatos)
- Granada de los nazaríes, 1994 (novela)
- Más allá del jardín, 1995 (novela)
- La regla de tres, 1996 (novela)
- El corazón tardío, 1998 (relatos)
- Las afueras de Dios, 1999 (novela)
- Ahora hablaré de mí, 2000 (autobiografía)[19]
- El imposible olvido, 2001 (novela)
- Los invitados al jardín, 2002 (relatos)
- El dueño de la herida, 2003 (relatos)
- El pedestal de las estatuas, 2007 (novela)
- Los papeles de agua, 2008 (novela)
Guións de televisión
[editar | editar a fonte]- Y al final esperanza, 1967
- Cantar del Santiago para todos, 1971
- Si las piedras hablaran, 1972
- Paisaje con figuras, 1976
- Trece noches, 1999
Premios e galardóns
[editar | editar a fonte]- Accésit do Premio Adonais de Poesía por Enemigo íntimo (1959)
- Premio Las Albinas polo relato Solsticio de verano (1963)
- Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca pola comedia Los verdes campos del edén (1963)
- Premio Cidade de Barcelona de teatro por Los verdes campos del edén (1965)
- Premio Mayte de teatro por Los buenos días perdidos (1973)
- Premio César González Ruano de xornalismo por Los ojos de Troylo (1975)
- Medalla de Castela-A Mancha
- Doutor honoris causa pola Universidade de Córdoba (1982)
- Libro de Oro dos Libreiros Españois (1984)
- Fillo Predilecto de Andalucía (1985)
- Premio Andalucía das Letras (1989)
- Premio León Felipe aos valores cívicos (1989)
- Premio Planeta de novela por El manuscrito carmesí (1990)[20]
- Premio da Fundación Ibn al-Jatib de Estudios e Cooperación Cultural, dependente do Concello de Loja, Granada (2005)
- Premio Don Quijote de Honor (2011)
- Premio das Letras Andaluzas Elio Antonio de Nebrija (2011)
- Fillo Adoptivo de Málaga (2015)
- Premio Turismo de Granada (2015)
- Premio Nacional de Teatro Pepe Isbert (2020)
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- A Biblioteca Municipal do municipio cordobés de Guadalcázar leva o nome do escritor, quen a inaugurou en 2011.[21]
- En 2021 inaugurouse en Alhaurín el Grande a Casa-Museo de Antonio Gala «La Baltasara». O autor fixouna como residencia de verán desde a década de 1980 e serviulle como refuxio para escribir gran parte da súa obra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A biografía publicada na web de El Mundo, xornal en que o autor colaboraba, dá como lugar de nacemento Brazatortas e como data de nacemento 1930.
- ↑ A biografía na web Lecturalia dá como data de nacemento o 2 de outubro de 1936 en Brazatortas, provincia de Cidade Real.
- ↑ Hermoso, Borja (28 de maio de 2023). "Muere Antonio Gala a los 92 años, el regreso del escritor a los verdes campos del Edén". elpais.com (en castelán). Consultado o 28 de maio de 2023.
- ↑ Labastida, Mikel (12 de outubro de 2008). "antoniogala"No estoy acostumbrado a la felicidad ni la busco"". Las Provincias (en castelán) (Valencia: Vocento). Consultado o 16 de decembro de 2022.
- ↑ Biografía na Fundación Antonio Gala, web citada.
- ↑ Corisco, María (16 de marzo de 2014). "'Por eso empecé a usar bastón'". El Mundo (es). Consultado o 17 de decembro de 2022.
- ↑ "La Fundación". Fundación Antonio Gala (en castelán). Consultado o 5 de outubro de 2020.
- ↑ Roldán, Daniel (16 de decembro de 2011). "El adiós de Antonio Gala". El Diario Montañés (en castelán) (Madrid: Vocento). Consultado o 17 de decembro de 2022.
- ↑ "'Estoy sometido, para tratar de librarme, a un largo puteo'". El Mundo (en castelán) (Madrid: Unidad Editorial). 6 de xullo de 2011. Consultado o 18 de decembro de 2022.
- ↑ Garde, M. J. (6 de febreiro de 2015). "Antonio Gala se declara libre de cáncer en un homenaje en Málaga". ABC (en castelán) (Vocento). Consultado o 18 de decembro de 2022.
- ↑ Cuevas, Sebastián (4 de abril de 1978). "Apertura del Congreso de Cultura Andaluza". El País (en castelán) (Córdoba: Prisa). Consultado o 18 de decembro de 2022.
- ↑ "Gala, Antonio". escritores.org (en castelán). Consultado o 21 de decembro de 2022.
- ↑ Yoldi, José (28 de xuño de 1985). "Sobreseída la querella de un militar contra Antonio Gala por un artículo en EL PAÍS". El País (en castelán) (Madrid: Prisa). Consultado o 21 de decembro de 2022.
- ↑ Dubosquet Lairys, Françoise (2000). "Intelectual y prensa: Antonio Gala y El Independiente". En Alvar, Carlos; Sevilla, Florencio. Actas del XIII Congreso de la Asociación Internacional de Hispanistas (PDF) (en castelán) 4 (1ª ed.). Centro Virtual Cervantes. pp. 318–328. ISBN 8470398504.
- ↑ "La Comunidad Judía se querella contra Antonio Gala por racista y antisemita". Libertad Digital (en castelán). 25 de xullo de 2014. Consultado o 21 de decembro de 2022.
- ↑ "UPyD llevará a la Eurocámara la querella contra Gala de la Comunidad Judía". La Vanguardia (en castelán) (Bruxelas). 26 de xullo de 2014. Consultado o 21 de decembro de 2022.
- ↑ Gala, Antonio (24 de xullo de 2014). "¿Los elegidos?". El Mundo (en castelán) (Unidad Editorial). Consultado o 21 de decembro de 2022.
- ↑ Caballero, Marta (27 de novembro de 2012). "Antonio Gala: "He procurado vivir intensamente, pero no ha sido un éxito completo"". El Español (en castelán) (El León de El Español Publicaciones). Consultado o 21 de decembro de 2022.
- ↑ "Antonio Gala". Fundación Antonio Gala para jóvenes creadores (en castelán). Consultado o 21 de decembro de 2022.
- ↑ Redacción (16 de outubro de 1990). "Antonio Gala gana el Premio Planeta con una novela que presenta la cara oscura de 1492". elpais.com (en castelán). Consultado o 28 de maio de 2023.
- ↑ "Antonio Gala inaugura hoy la Biblioteca Municipal de Guadalcázar". Vuela Guadalinfo (en castelán). 9 de marzo de 2011. Consultado o 21 de decembro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antonio Gala |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial de Antonio Gala
- Antonio Gala no programa de La 2 A fondo, con Joaquín Soler Serrano.
- Antonio Gala no programa de TVE Imprescindibles.
- GALA, Antonio: Impromptu de Nochevieja.
- Representación ofrecida por TVE na emisión do 1 de xaneiro de 1970 de Pequeño estudio, con dirección de Gabriel Ibáñez e actuación de Elvira Quintillá, Ángel Picazo, Ángela María Torres e Pablo Sanz.