Anna Sandström

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Anna Sandström
Anna Sandström.jpg
Nacemento3 de setembro de 1854
 Kungsholmen
Falecemento26 de maio de 1931
 Estocolmo e Kungsholmen
SoterradaNorra begravningsplatsen
NacionalidadeSuecia
Ocupaciónpedagoga
editar datos en Wikidata ]

Anna María Carolina Sandström, nada en Estocolmo o 3 de setembro de 1854 e finada na mesma cidade o 26 de maio de 1931, foi unha feminista sueca, unha innovadora pedagoga e pioneira dentro do sistema educativo do seu país. É considerada a líder da reforma pedagóxica levada a cabo no ensino feminino en Suecia a finais do século XIX.[1]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Anna Sandström era a filla do administrador Carl Eric Sandström e Anna Erica Hallström. Logo da morte do seu pai, foi criada como nena adoptiva do coronel Hjalmar Hagberg. Debido á profesión do seu pai adoptivo viaxou por todo o país, co que a muído tiña que interromper os seus estudos. Estudou na Real Escola Normal para nenas e no Högre lärarinneseminariet en Estocolmo, onde se graduou como profesora en 1874. Aínda que daquela había pouco que as mulleres acadaran o dereito de asistir á universidade en Suecia, ela non puido entrar na universidade.

Traballou como profesora na escola feminina Åhlinska skolan de 1874 a 1882 e tamén en Södermalms högre läroanstalt en Estocolmo de 1881 a 1883. O ambiente da escola de nenas non remataba de gustarlle e Anna criticaba o tipo de ensino que alí se lle daba ás escolares. Seguiu estudando de xeito autodidacta historia, literatura francesa, literatura sueca e latín. Tamén se interesou polas publicacións de renovación pedagóxica.

Renovadora da educación[editar | editar a fonte]

En 1880, Sandström debutou no debate educativo co seu artigo Gifva våra flickskolor berättigade anledningar até missnöje? na publicación feminista Tidskrift för hemmet creada por Sophie Adlersparre. Baixo o seudónimo de Uffe, criticou a educación ríxida e formalizada e o seu foco estrito en linguas. No caso das mulleres era o francés o que distinguía as mulleres con formación, mentres que no caso dos homes académicos era o latín.

En 1882, publicou Realism i undervisning eller Språkkunskap och bildning baixo o mesmo seudónimo e espertou grande atención. Isto é visto como o punto de partida que conectou varios importantes reformadores da pedagoxía de finais do século XIX en Suecia, uníndoos na reforma educativa. Supoñíase que o autor era un respectado académico e, baixo o nome de "Uffe", Sandström fundou a un grupo de debate literario chamado Uffe-kretsen ("Uffe Círculo"), formado por  reformistas educativos, que estivo activo entre 1883-1892. Os membros principais eran Fredrique Runquist, Fridtjuv Berg, Hjalmar Berg, Sigfrid Almquist, Sofi Almquist e Nils Lagerstedt. Este grupo fundou dous centros coeducativos, publicou artigos radicais e libros docentes, organizou  xuntanzas escolares internacionais con grupos similares en Dinamarca e Noruega, fundou o Pedagogiska biblioteket (Biblioteca Pedagóxica) así como a Pedagogiska sällskapet (Sociedade Pedagóxica). Esta última sucedeu ao Uffe-kretsen en 1892.

Carreira educativa[editar | editar a fonte]

En 1883, Sandström cofundou a escola coeducativa Nya skolan (Nova escola) en Estocolmo co seu colega Fredrique Runquist. A partir de 1886 pasou a chamarse Anna Sandströms skola (a escola Anna Sandström) e  Anna exerceu na dirección de 1883 a 1926. Fundara esta escola en relación ó seu aínda non revelado seudónimo masculino, Uffe, xa que as súas ideas foran daquela moi aclamadas. Tiña como meta a consecución das ideas que presentara na súa publicación de 1882, e utilizou a escola como a contorna onde probar as súas ideas educativas a través da experiencia empírica.

A Anna Sandström non lle gustaban as escolas femininas e foi unha forte promotora da coeducación. Cría fervorosamente na educación individual e na capacidade de desenvolver os talentos persoais de cada estudante a través de materias "vivas" grazas á literatura. Cría que a aprendizaxe tiña que basearse na experiencia máis que na memorización.

En 1900 fundou en Estocolmo[2] o Anna Sandströms seminarium (Seminario de Mulleres Anna Sandström) para profesoras e xestionouno entre 1900 e 1926. Pretendía ser unha alternativa ao Högre lärarinneseminariet (Seminario superior de profesores).

As ideas de Anna Sandström, aplicadas nas súas escolas, tiveron un grande peso na reforma das universidades públicas entre 1905 e 1928 e nos plans de reforma educativa de 1919. En 1904 foi galardoada co Illis quorum polo seu longo traballo "exitoso no ensino das mozas".

Editora[editar | editar a fonte]

En 1883 cofundou a publicación radical Verdandi xunto con Lars Hökerberg, quen a seguiu editando ata 1929.

Esta publicación presentábase como o medio de difusión dos escritos baixo seudónimo de Uffe. Popularmente críase que Uffe era o nome real dun académico. Este medio converteuse na principal publicación sobre educación en Suecia ata 1920 e era habitual que publicase artigos dos máis importantes pioneiros educativos da época.

Feminista[editar | editar a fonte]

Anna Sandström pertenceu ao círculo das fundadoras do movemento de dereitos das mulleres a través da Asociación Fredika Bremer (Fredrika Bremer-förbundet) de Sophie Adlersparre en 1884. Durante a década de 1890, era coñecida pola súa participación no debate arredor do xénero a través dos seus artigos na publicación desta asociación.

Representou a liña entón radical do movemento feminista, que vía homes e mulleres como individuos únicos e defendía o dereito a desenvolver as súas personalidades en oposición ós tradicionais roles de xénero: estaba en contra do feminismo da diferenza representado por Ellen Key, que reclamaba iguais dereitos para homes e mulleres baseándose en que as súas diferenzas complementarían e beneficiarían a sociedade. Pola contra, Anna loitaba pola igualdade de homes e mulleres porque consideraba que os homes e as mulleres naceran iguais e tan só diferentes en canto a individuos, non en función do seu sexo. Anna consideraba que era un gasto inútil o esforzo de crear diferenzas psicolóxicas a través de roles de xénero artificiais en lugar de axuda-los individuos a desenvolver os seus talentos persoais e vocacións.

Deste xeito Anna converteus nunha das figuras principais dentro do feminismo sueco. Os seus artigos eran tamén impresos e vendidos por separado. No seu artigo de 1898 Under hvilka förutsättningar kan kvinnorörelsen blifva af verklig betydelse för kultur och framåtskridande? (Baixo que circunstancias podería o movemento das mulleres tornarse de vital importancia para a cultura e o progreso?) expuxo que a igualdade entre os sexos era non só necesaria para o progreso persoal de cada individuo, senón que tamén favorecía os matrimonios felices e permitía o desenvolvemento dunha sociedade máis rica. Nos últimos anos da súa vida centrouse máis na cuestión concreta do ensino feminino que nos temas xerais de xénero.

Anna Sandström foi membro do consello da Pedagogiska sällskapet (Sociedade Pedagóxica) en 1892-1902. Foi tamén unha habitual e destacada participante nas  Flickskolemöten (Xuntanzas de Escolas femininas). Estes eventos para profesorado e renovadores pegagóxicos realizáronse en Suecia entre 1879 e 1901 para debater sobre o ensino feminino e foron xestionados polas escolas femininas ata a introdución da coeducación.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Guinchard, Axel Johan Josef (1914). Sweden: Historical and Statistical Handbook, by Order of the Swedish Government, Volume 1. p. 564. 
  2. Albisetti, edited by James C.; Goodman, Joyce; Rogers, Rebecca (2010). Girls' secondary education in the Western World from the 18th to the 20th century (1st ed.). Nova York: Palgrave Macmillan. p. 142. ISBN 0230106714. CS1 maint: Extra text: authors list (link)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Sven Grauers, Anna Sandström (1854–1931) – en svensk reformpedagog, 1961
  • Erik Wellander, Anna Sandström som pedagogisk nydanare. (Nordisk tidskrift 1933).
  • Annika Ullman Sofi Almqvist, Anna Sandström, Anna Ahlström och deras tid, 2001
  • Gunhild Kyle (1972). Svensk flickskola under 1800-talet. Göteborg: Kvinnohistoriskt arkiv. ISBN
  • Anna M C Sandström, urn:sbl:6348, Svenskt biografiskt lexikon (art av Annika Ullman), hämtad 2014-04-25.