Amstrad CPC

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Amstrad CPC 464, con monitor a cores CTM644

O Amstrad CPC foi unha serie de ordenadores persoais de 8 bits producidos por Amstrad durante os anos 80 e a principios dos anos 90. As siglas CPC anunciaban un ordenador persoal a cor (Color Personal Computer), aínda que era posible comprar un CPC tanto con pantalla de fósforo (GT65/66) como con pantalla estándar a cor (CTM640). Comercializado en 1984 e descatalogado en 1990, contaba con procesador Zilog Z80A @ 4 MHz e memoria de 64 a 576 KB. O sistema operativo era o CP/M e contaba ademais con Locomotive BASIC 1.0 e 1.1.

A primeira máquina, o CPC 464 foi presentada en 1984. Deseñada para ser un competidor directo co Commodore 64 e o Sinclair ZX Spectrum, a gama CPC tivo moito éxito: máis de 3 millóns de equipos vendidos durante a vida útil da máquina.

Externamente, o que máis distingue á máquina de Amstrad é a consola (teclado) negro mate coas esquinas agudas e unha forma rectangular (debido á cuberta incrustada da cinta de casete (CPC 464) ou disqueteira (no caso dos modelos CPC 664 e CPC 6128), as teclas especiais do teclado coloreadas e unha única fonte de alimentación cunha conexión que vai do monitor ao ordenador. Tamén era posible utilizar o monitor como pantalla de televisión cun convertedor de TV opcional.

O Amstrad CPC vendeuse como "un sistema completo"[editar | editar a fonte]

Inicialmente Amstrad promoveu o CPC como unha mellora da competencia (ZX Spectrum e C64), porque era un sistema completo incluíndo todo o necesario dentro dunha caixa. Comparado co C64 ou o ZX, o Amstrad CPC viña co seu propio monitor, incorporaba dentro da máquina unha unidade de cinta ou disquete e incluso un pequeno altofalante. Todo isto daba un aspecto "máis profesional" ao conxunto, enfocándoo na mesma forma que sistemas orientados á empresa, no lugar de orientalo ao xogo ou ao fogar.

Debido a súa entrada tardía no mercado europeo dos 8 bits, a cota de mercado alcanzada polo CPC nunca igualou a conseguida polo ZX Spectrum ou o C64, pero as vantaxes de ter un teclado tipo máquina de escribir e unha unidade de cinta integrada logrou que obtivese unha importante cota de mercado a finais dos 80. Foi a computadora máis vendida en Francia durante esta época, sendo tamén moi popular en España. Moitos dos mellores títulos para o CPC foron creados no continente pero só un limitado número publicáronse no Reino Unido.

O firmware e máis o software eran producidos por Locomotive Software e o deseño do hardware foi comercializado por MEJ Electronics, coñecida tamén como Mark-Eric Jones.

A familia CPC[editar | editar a fonte]

O Amstrad CPC 464, 472, 664, 6128[editar | editar a fonte]

O CPC vendeuse coas seguintes configuracións:

  • CPC 464 – Unidade de cinta, 64 KB RAM, teclado 'square-edged'
  • CPC 472 – Unidade de cinta, 72 KB RAM (aínda que os 8 KB extra de RAM non podían ser usados porque o chip non estaba conectado, só soldado a unha placa PCB simulada); producido nunha pequena cantidade para o mercado español para evitar unha lei que requiría que todas as máquinas con 64 KB o menos de RAM deberían estar adaptadas ao español, incluíndo o teclado e as mensaxes de pantalla. A ley foi consecuentemente cambiada para incluír máquinas con máis de 64KB polo que existiu unha versión do 472 adaptada ao español [1].
  • CPC 664 – Unidade de disquete de 3", 64 KB RAM, teclado arqueado; modelo de curta vida, rapidamente substituído por un modelo de mellores características, o 6128.
  • CPC 6128 – Disqueteira de 3", 128 KB RAM (accedíase a ela usando paxinación), o teclado era máis parecido a un PC.

Había dispoñible unha unidade de disco (DDI-1) para o 464, incorporando o DOS nunha unidade. Unha segunda unidade (FD-1) podía ser incorporada ás 664/6128. As gravadoras de cinta domésticas tamén podían ser conectadas ao 664 e máis ao 6128. Pero en resumo, as últimas versións só eran compatibles con máquinas modernas. Logo apareceu hardware de terceiros como Multiface de Romantic Robot que volcaba o contido da memoria a unha unidade de cinta, permitindo realizar copias de seguridade.

A maioría dos xogos, especialmente nos primeiros anos, ian dirixidos aos sistemas de 64 KB, 464 e 664. Pero cada vez máis programas facían uso da memoria extra do 6128, ata o punto que a maioría do software desde 1990 non se podía executar en modelos 464/664 sen expandir. Había expansións de memoria dispoñibles,sendo as máis populares as producidas por dk'Tronics.

República Federal Alemá: Schneider CPC 464, 664 e 6128[editar | editar a fonte]

Schneider CPC664
Schneider CPC6128 de Alemaña do Oeste

A compañía colaboradora de Amstrad, Schneider, produciu o seu propio modelo de CPC 464, 664 e 6128. Estes equipos tiñan as teclas grises no canto das coloreadas de Amstrad e un conector paralelo Centronics substituíndo os conectores cadrados. No hardware eran exactamente iguais. A documentación foi traducida ao alemán.

República Democrática Alemá: KC compact[editar | editar a fonte]

Como moitos outros ordenadores do seu tempo, o CPC provocou a aparición dun clónico no bloque oriental - o KC compact, fabricado na República Democrática Alemá con compoñentes da Unión Soviética e da República Federal Alemá.

Este ordenador diferenciábase esteticamente do CPC polo tipo de carcasa, a fonte de alimentación externa e máis a unidade de disco de 5,25" de Robotron, que era opcional e aínda máis difícil de conseguir que o propio ordenador. A diferenza dos modelos de Amstrad, podía conectarse directamente a un televisor. Utilizaba BASIC 1.1 e un clónico do sistema operativo CP/M en alemán chamado MicroDOS. Tiña 64 KB de RAM e ofrecíanse outros 64 Kb co adaptador para disquete/casete externo.

O procesador Z80 substituíase cun U 880, e algúns dos chips de entrada/saída propietarios de Amstrad eran substituídos con clónicos baseados no Z8536. Este clónico era aproximadamente compatible ao 95% co orixinal.

O CPC 5512[editar | editar a fonte]

O "CPC 5512" foi unha broma ou brincadeira do tipo dos "Santos Inocentes" da revista semanal francesa de informática Hebdogiciel. Entre as súas características contábanse os 512 KB de RAM, unha disqueteira de 5,25" e GEM de Digital Research nun clónico do CPC 6128. Amstrad Francia decidiu non presentar ningunha demanda por posible perda de vendas, pero obrigou á revista a devolver o importe aos lectores que se sentiran defraudados.

Modelos Plus[editar | editar a fonte]

En 1990, Amstrad lanzou a gama "Plus", con moitas melloras no hardware e unha rañura para cartucho en todos os modelos. A maioría das melloras realizáronse no apartado gráfico, xa que a paleta aumentou a 4096 cores e engadiuse a capacidade de manexar sprites. O hardware permitía agora dividir a pantalla en dous modos distintos e efectuar un desprazamento píxel a píxel, aínda que a primeira función era fácil de aplicar e a segunda xa podía lograrse en certa medida nos modelos convencionais con certos trucos de programación do Motorola 6845.

Tamén engadiuse un sistema de transferencias DMA automáticas para enviar datos ao chip de son, o mesmo que na gama anterior, o que permitía reproducir mostras de alta calidade cunha carga mínima do procesador. Ademais, mellorouse o conxunto de instrucións de acceso ao disco de BASIC.

Ao mesmo tempo que os modelos con casete e disquete lanzouse tamén un CPC+ "recortado", que carecía de teclado e só podía utilizar software en cartucho. Este modelo, realmente unha consola de videoxogos, recibiu o nome de GX4000.

Estes modelos non tiveron moito éxito no mercado nin conseguiron un grande apoio de empresas de periféricos e software. A tecnoloxía de 8 bits dos CPC empezaba a parecer anticuada en 1990, e a publicidade de Amstrad non conseguiu demostrar ningunha vantaxe destacable destes modelos respecto ao Atari ST e o Commodore Amiga. En certa medida, suponse que os usuarios desaprobaron o considerable aumento de prezo dos xogos en cartucho fronte á casete ou o disquete, reacción que se acentuou pola tendencia a reeditar antigos xogos de CPC en cartucho que non sacaban partido do hardware mellorado da gama Plus.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2007. Consultado o 23 de decembro de 2007.