Aligátor da China

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Alligator sinensis")
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Aligátor da China
2011 China-Alligator 0491.JPG
Estado de conservación
Crítico
Crítico[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Orde: Crocodilia
Familia: Alligatoridae
Xénero: Alligator
Especie: A. sinensis
Fauvel, 1879
Alligator sinensis Distribution.png

O aligátor da China[2][3] (Alligator sinensis) é un réptil crocodilio pertencente ao xénero Alligator da familia Alligatoridae. É a única especie de aligatóridos presente en Asia, sendo endémica da China oriental.

Características[editar | editar a fonte]

Detalle da cabeza.

O seu aspecto é moi semellante ao do seu conxénere americano, o aligátor do Mississippi (Alligator mississippiensis), porén posúe algúns trazos distintivos.

Por unha parte, é notablemente máis pequeno, rondando normalmente na idade adulta os 1,5 metros de longo e un peso de 36 kg. De feito, é unha especie que crece moi lentamente, chegando aos 60 cm de longo só ao cabo de dous anos. Non obstante, hai rexistros dalgúns machos excepcionalmente grandes, que chegaron a atinxir os 2,1m e os 45 kg. Por outra parte, a diferenza do Alligator mississippiensis está completamente acoirazado: ten escamas por todo o corpo, incluído o ventre, característica que comparten poucos crocodilios.

O aligátor chinés ten as mesmas proporcións ca o americano, a pesar das súas reducidas dimensións. Só se observa a diferenza de que as crías acabadas de saír do ovo posúen unha cabeza máis desenvolvida, o que probabelmente lles permite alimentarse de insectos acuáticos maiores ca aqueles que caza a proxenie do aligátor americano.

Bioloxía e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Vive nuns poucos ríos do leste da China e é de carácter moi tímido e dócil, inclusive no caso dos exemplares salvaxes. Aliméntase case exclusivamente de peixes e ras que captura baixo da auga, aínda que nas zonas habitadas pode matar galiñas e cans. Tamén pode comer ratas, e con elas o veleno usado para combatelas. Isto fixo diminuír o seu número en varias rexións durante os últimos decenios. Non se rexistrou nunca un ataque contra humanos.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Vive nunha rexión subtropical, temperada.[4] O seu hábitat habitual son lugares de baixa elevación e con zonas de auga doce coma pantanos, lagos, arroios e estanques.[5] As zonas húmidas son extremadamente importantes para o aligátor da China dada a biodiversidade animal que hai nelas.[6]

Conservación[editar | editar a fonte]

O aligátor chinés desapareceu de amplas zonas da súa antiga distribución debido á presión humana, que cultiva as ribeiras onde descansan e aniñan, e pesca en grandes cantidades os peixes que constitúen a maior parte da súa dieta. Actualmente restan uns 300 exemplares en estado salvaxe e é realmente difícil localizar niñadas nos ríos chineses, polo que se considera que esta especie corre grave perigo de extinción.[1] Con todo, en catividade reprodúcese de forma rápida e abundante, polo que numerosos zoolóxicos confían en que os programas de cría nesta modalidade poidan salvar a especie. Uns 10.000 exemplares están repartidos por distintos zoos do mundo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Crocodile Specialist Group (1996). "Alligator sinensis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2015.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 29 de xullo de 2015. 
  2. Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C), páx. 175, A Coruña, Deputación da Coruña, 2000.
  3. VV.AA (2006): Diciopedia do Século 21. Galaxia, Vigo.ISBN 978-84-8288-942-9
  4. Groppi, Lauren. "Animal Diversity Web." ADW: Alligator Sinensis: INFORMATION. Animal Diversity Web, n.d. Web. 24 Oct. 2013.
  5. Thorbjarnarson, John, et al. "Wild populations of the Chinese alligator approach extinction." Biological Conservation 103.1 (2002): 93-102.
  6. Gallagher, Sean. "The Chinese Alligator, A Species On The Brink." News Watch. National Geographic, 26 Apr. 2011. Web. 23 Oct. 2013. <http://newswatch.nationalgeographic.com/2011/04/26/the-chinese-alligator-a-species-on-the-brink/>.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]