Saltar ao contido

Aligátor da China

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O aligátor[2] da China[3][4] (Alligator sinensis) é un réptil crocodilio pertencente ao xénero Alligator da familia Alligatoridae. É a única especie de aligatóridos presente en Asia, sendo endémica da China oriental.

Características

[editar | editar a fonte]
Detalle da cabeza.

O seu aspecto é moi semellante ao do seu conxénere americano, o aligátor do Mississippi (Alligator mississippiensis), porén posúe algúns trazos distintivos.

Por unha parte, é notablemente máis pequeno, rondando normalmente na idade adulta os 1,5 metros de longo e un peso de 36 kg. De feito, é unha especie que crece moi lentamente, chegando aos 60 cm de longo só ao cabo de dous anos. Non obstante, hai rexistros dalgúns machos excepcionalmente grandes, que chegaron a atinxir os 2,1m e os 45 kg. Por outra parte, a diferenza do Alligator mississippiensis está completamente acoirazado: ten escamas por todo o corpo, incluído o ventre, característica que comparten poucos crocodilios.

O aligátor chinés ten as mesmas proporcións ca o americano, a pesar das súas reducidas dimensións. Só se observa a diferenza de que as crías acabadas de saír do ovo posúen unha cabeza máis desenvolvida, o que probabelmente lles permite alimentarse de insectos acuáticos maiores ca aqueles que caza a proxenie do aligátor americano.

Bioloxía e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Vive nuns poucos ríos do leste da China e é de carácter moi tímido e dócil, inclusive no caso dos exemplares salvaxes. Aliméntase case exclusivamente de peixes e ras que captura baixo da auga, aínda que nas zonas habitadas pode matar galiñas e cans. Tamén pode comer ratas, e con elas o veleno usado para combatelas. Isto fixo diminuír o seu número en varias rexións durante os últimos decenios. Non se rexistrou nunca un ataque contra humanos.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Vive nunha rexión subtropical, temperada.[5] O seu hábitat habitual son lugares de baixa elevación e con zonas de auga doce coma pantanos, lagos, arroios e estanques.[6] As zonas húmidas son extremadamente importantes para o aligátor da China dada a biodiversidade animal que hai nelas.[7]

Conservación

[editar | editar a fonte]

O aligátor chinés desapareceu de amplas zonas da súa antiga distribución debido á presión humana, que cultiva as ribeiras onde descansan e aniñan, e pesca en grandes cantidades os peixes que constitúen a maior parte da súa dieta. Actualmente restan uns 300 exemplares en estado salvaxe e é realmente difícil localizar niñadas nos ríos chineses, polo que se considera que esta especie corre grave perigo de extinción.[1] Con todo, en catividade reprodúcese de forma rápida e abundante, polo que numerosos zoolóxicos confían en que os programas de cría nesta modalidade poidan salvar a especie. Uns 10.000 exemplares están repartidos por distintos zoos do mundo.

  1. 1,0 1,1 Crocodile Specialist Group (1996). "Alligator sinensis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2015.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 29 de xullo de 2015. 
  2. Definición de aligátor no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  3. Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C), páx. 175, A Coruña, Deputación da Coruña, 2000.
  4. VV.AA (2006): Diciopedia do Século 21. Galaxia, Vigo.ISBN 978-84-8288-942-9
  5. Groppi, Lauren. "Animal Diversity Web." ADW: Alligator Sinensis: INFORMATION. Animal Diversity Web, n.d. Web. 24 Oct. 2013.
  6. Thorbjarnarson, John, et al. "Wild populations of the Chinese alligator approach extinction." Biological Conservation 103.1 (2002): 93-102.
  7. Gallagher, Sean. "The Chinese Alligator, A Species On The Brink." News Watch. National Geographic, 26 Apr. 2011. Web. 23 Oct. 2013. <http://newswatch.nationalgeographic.com/2011/04/26/the-chinese-alligator-a-species-on-the-brink/>.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]