Alfreda Markowska
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 10 de maio de 1926 Galicia |
| Morte | 30 de xaneiro de 2021 Gorzów Wielkopolski |
| Grupo étnico | Pobo romaní en Polonia |
| Actividade | |
| Ocupación | membro da resistencia, traballador ferroviario |
| Premios | |
| |
| Descrito pola fonte | RomArchive (en) Romani Herstory (en) |
Alfreda Noncia Markowska, nada o 10 de maio de 1926 e finada o 30 de xaneiro de 2021, foi unha muller polaca de etnia xitana que durante a segunda guerra mundial salvou a vida duns cincuenta nenos xudeus e xitanos do Holocausto e do xenocidio de Porraimos.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Markowska naceu nun tabor xitano que recorría unha zona de Stanisławów, na rexión de Kresy da Segunda República Polaca. En 1939, a invasión alemá de Polonia sorprendeuna en Lviv (actualmente parte de Ucraína). Despois de que a Unión Soviética invadise tamén Polonia como parte do pacto Ribbentrop-Molotov entre Iosif Stalin e Adolf Hitler, o seu labor trasladouse á parte de Polonia ocupada polos alemáns. En 1941, os alemáns asasinaron a todos os membros da súa familia (entre 65 e 85 persoas), incluídos os seus pais e irmáns, nunha masacre preto de Biała Podlaska, onde ela foi a única supervivente.
Pasou varios días buscando nos bosques locais a fosa común da súa familia. Dirixiuse a Rozwadów, onde en 1942, á idade de 16 anos, casou. Mentres visitaban Stanisławów, ela e o seu home foron capturados nunha redada na rúa pola policía ucraína, que os entregou aos alemáns, pero a parella logrou escapar. Posteriormente, víronse na obriga de trasladarse a guetos xitanos en Lublin, Lodz e Bełżec, pero tamén fuxiron deles e establecéronse en Rozwadów, onde os alemáns organizaran un campo de traballo para xitanos.[1]
Misións de rescate
[editar | editar a fonte]
En Rozwadów, Alfreda foi contratada no ferrocarril e logrou obter un permiso de traballo (Kennkarte) que lle deu certa protección contra novas detencións. Dedicouse a salvar a xudeus e xitanos, especialmente nenos, da morte a mans dos nazis. Viaxaba a lugares onde se producían masacres de poboacións xudías ou xitanas, e buscaba superviventes. Markowska levábaos á súa casa, agochábaos e obtiña documentos falsos que os protexían dos alemáns. Calcúlase que salvou persoalmente uns 50 nenos.[1] Anos máis tarde, cando se lle preguntou por que non tivera medo de axudar, declarou que naquel momento non esperaba superar a guerra ela mesma, polo que o medo non fora un problema.[2]
En 1944, os soviéticos liberaron a zona. Por mor da política do Exército Vermello de recrutar á forza para as súas filas aos xitanos, Markowska xunto co seu marido e algúns dos nenos que salvara (incluídos algúns nenos alemáns que intentaron fuxir dos soldados soviéticos) fuxiu cara ao oeste, primeiro ao centro de Polonia e logo aos chamados "Territorios Recuperados" na actual Polonia occidental.[1]
Trala guerra, as autoridades comunistas da República Popular de Polonia iniciaron unha campaña para obrigar aos xitanos a asentarse e abandonar o seu estilo de vida tradicional. Como resultado, ela e a súa familia viviron primeiro preto de Poznan, en Przeźmierowo[3] e posteriormente, despois de morrer o seu marido, en Gorzów Wielkopolski.[2]
En outubro de 2006, Alfreda Markowska foi condecorada coa Cruz de Comandante con Estrela da Orde Polonia Restituta por salvar nenos xudeus e xitanos durante a segunda guerra mundial. O daquela presidente de Polonia, Lech Kaczyński, gabouna "polo seu heroísmo e a súa valentía fóra do común, polo seu excepcional mérito ao salvar vidas humanas".[4]
Markowska morreu o 30 de xaneiro de 2021, á idade de 94 anos.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 Gierliński, K. (outubro de 2006). "Piękne życie Alfredy Markowskiej" (PDF). Romano Atmo (5): 10–11. Archived from the original on 10 de decembro de 2009. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.
- 1 2 Szabłowski, Witold (8 de abril de 2013). "Alfreda Markowska zwana Nońcią". pp. 1–3. Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2014. Consultado o 6 de febreiro de 2014.
- ↑ "Wyborcza.pl". www.wysokieobcasy.pl. Arquivado dende o orixinal o 04 de decembro de 2022. Consultado o 21 de setembro de 2020.
- ↑ Caban, Agnieszka Mirosława. "Alfreda Markowska: Bohaterka trzech narodów (A Heroine of Three Nations)". Panorama Kultur. Arquivado dende o orixinal o 1 de febreiro de 2014. Consultado o 4 de febreiro de 2014.
- ↑ "Nie żyje babcia Nońcia". www.radiogorzow.pl. Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2021. Consultado o 24 de febreiro de 2021.
| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alfreda Markowska |