Albina Iuratu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Albina Iuratu
Nacemento25 de agosto de 1959
 sen etiquetar
NacionalidadeUnión Soviética e Rusia
Ocupaciónpoeta e escritora
editar datos en Wikidata ]

Albina Iuratu, nada como Albina Vasilevna Liubimova en Nărvash Shăkhalo o 25 de agosto de 1959, é unha poeta chuvaxa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla de Vasilii Iakovlev e de Klaudia Kiseleva. Dende moi pronto comezou a escribir contos e poemas que apareceron en publicacións locais como Avangard ou Tantash. Durante a súa etapa escolar publicou un periódico mural e gañou unha competición do periódico dos pioneiros. Tras rematar a escola traballou durante algún tempo nunha fábrica de Cheboksary e a partir de 1976 estudou lingua chuvaxa na Universidade Estatal de Chuvaquia e colaborou cos xornais Ulyanovesk e Мolodoii Kommunist. En 1979 foi a Moscova para estudar xornalismo na Universidade Estatal de Moscova e colaborou coa revista da facultade e con outras publicacións. En 1982 ao ano de licenciarse volveu a Chuvaquia e traballou como correspondente nesa república do xornal Kolchoz Ialave e entre 1983 e 1990 foi editora da emisora de radio dunha fábrica de Cheboksary e entre 1990 e 2004 foi secretaria de prensa do departamento de recursos naturais da República dos Chuvaxos[1].

Obra[editar | editar a fonte]

A súa poesía, fundamentalmente amatoria, apareceu en numerosas publicacións e revistas: Avangard, Pioner Sassi, Pionerskaya Pravda, "Molodoii Kommunist", Kommunizm Ialavĕ, Khypar, Tavan Atal, Yalav, Samant ou Tette. A súa primeira recolleita poética apareceu en 1992 co título Kaiakh, syvă pul que saíu do prelo nunha colección do xornal Vuchakh. Dous anos máis tarde a a editorial da revista Pike publicoulle Epĕ sana iuratatăp. En 1995 en Moscova apareceu Liubob moia, boli moia e un ano máis tarde Chĕrem bitĕr ikkĕn uтas şul byrtat.

En 1997 estivo entre os dezaseis autores recollidos na antoloxía da Compañía Editora de Chuvaquia Şül tüpere şich şăltăr. En 2001 publicouse unha colección da súa poesía traducida ao ruso: I mnogotochie stavliu ia opiat. Nos anos seguintes publicou Kĕtetĕp sana, кilsem ... (2004), Simĕs kuşlă yuratăvăm (2006), Iura pultar parne (recolleita colectiva, 2007), Ep kilnĕ iuratma ... (2008), Ep chi puian khuraram şĕr şinche ... (2010), Ai, iurlar-i iurrine (recolleita colectiva, 2010), Shuramastăp şăltăr tüpere (recolleita colectiva, 2010), Chăvash iurri (recolleita colectiva, 2012), e Tusla şĕmie (2014).

Na obra poética de Albina o amor exprésase conscientemente a través do amor á natureza, á terra, ás persoas, aos país, aos fillos cos sentimentos máis agarimosos e devotos. O seu é un amor orgulloso, forte, brillante, puro, xentil, fermoso e quente que procura un mundo máis amable e feliz para facer fronte á inxustiza, á ambivalencia, ao odio e á envexa[2]. É unha poeta popular, moitos dos seus versos tornáronse cancións coñecidas na voz dos principais cantantes chuvaxos.

En 2017 traduciu ao chuvaxo un libro de contos de Nina Abramov que se publicou nunha edición bilingüe ruso-chuvaxo[3].

Notas[editar | editar a fonte]