Saltar ao contido

Accidente do Cessna 206 en Colombia en 2023

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Accidente do Cessna 206 en Colombia en 2023
Resumo
Data  1 de maio de 2023
Causa 
Lugar  Preto de Solano
Coordenadas  Coordenadas: 2°34′00″N 72°38′00″O / 2.5666666666667, -72.633333333333
Orixe  Aeroporto de Araracuara
Destino  Aeroporto Jorge Enrique González
San José del Guaviare
Finados  3
Aeronave
Tipo de aeronave Cessna 206
Operador  Avianline Charters
Rexistro  HK-2803
Pasaxeiros  6
Tripulación  1
Superviventes  4

O 1 de maio de 2023, unha aeronave lixeira Cessna 206 con sete persoas a bordo estrelouse na selva amazónica no departamento de Caquetá de Colombia. Dous dos ocupantes, o piloto e un adulto, morreron como consecuencia do impacto, mentres que os cinco pasaxeiros restantes, unha nai e os seus catro fillos, sobreviviron ao choque. A nai morreu varios días despois, deixando que os nenos se valesen por si mesmos. Os nenos, con idades de entre 11 meses e 13 anos, sobreviviron durante 40 días na selva tropical antes de ser rescatados polo exército colombiano e voluntarios de grupos indíxenas locais.[1][2]

Historial do voo[editar | editar a fonte]

O avión Cessna 206, operado por Avianline Charters, partiu a mañá do 1 de maio de 2023 dende o aeroporto de Araracuara, en Colombia, nun voo chárter doméstico con destino a San José del Guaviare, a 350 km ao norte. Ás 7:34 am hora local, o piloto fixo unha chamada de socorro informando dun fallo do motor e o contacto por radio perdeuse pouco despois. A Forza Aérea Colombiana enviou inmediatamente naves para buscar na zona: un avión Basler BT-67 e un helicóptero Bell Huey.[1][3]

Pasaxeiros e tripulación[editar | editar a fonte]

A bordo da aeronave ían o piloto, Hernando Murcia Morales, e seis pasaxeiros: unha nai, Magdalena Mucutuy Valencia, cos seus catro fillos de aproximadamente 13, 9, 4 e 1 anos de idade, e un líder indíxena local, Herman Mendoza Hernández. O piloto e Mendoza morreron no impacto e a nai morreu catro días despois. Os catro irmáns sobreviviron. A familia formaba parte do pobo witoto, un grupo indíxena familiarizado coa selva e aos que se lles ensina a cazar, pescar e recoller alimentos dende pequenos.[2][4][5]

Procura e rescate[editar | editar a fonte]

Tras o choque, segundo relataron os nenos posteriormente ás autoridades, a súa nai ordenoulles "marchar e buscar axuda".[6] Os catro nenos afastáronse dos restos e comezaron a percorrer a selva,[5] sobrevivindo comendo fariña de mandioca recuperada dos restos do avión, froitos das palmeiras de bacaba e sementes de árbores de avichure nos seus arredores en base ao seu coñecemento das plantas autóctonas como membros do pobo witoto.[7]

Procura[editar | editar a fonte]

Os equipos de procura e rescate do exército colombiano e das comunidades indíxenas locais comezaron a buscar na zona os restos do avión. Localizaron os restos do Cessna o 15 de maio, dúas semanas despois do accidente. O presidente colombiano Gustavo Petro inicialmente chiou que os nenos foran atopados nese momento, pero ese chío foi retractado menos de 24 horas despois. Tamén atoparon elementos que pertenceron aos nenos, entre eles unha botella de bebida para o bebé, e restos dun refuxio improvisado, o que suxería que os nenos aínda poderían estar vivos.[5] Unha semana despois atopouse unha pequena pegada.[8] Utilizáronse altofalantes cun alcance dunha milla para transmitir mensaxes en lingua witoto aos nenos, recomendándolles que permanecesen nun só lugar para que os buscadores puidesen atopalos.[9] O responsable do Instituto Colombiano de Benestar Familiar dixo que o feito de que "a selva estivese en tempada de colleita" significaba que os nenos podían atopar e comer froita que estaba en flor.[6][2][5]

Durante a operación de busca, Wilson, un pastor belga que axudou aos socorristas a atopar un camiño que finalmente levou ao paradoiro dos nenos, desapareceu.[10] Unha operación posterior de dúas semanas de duración con máis de 70 homes foi creada para atopalo, mais sen éxito.[11][12]

Rescate[editar | editar a fonte]

Corenta días despois do accidente, o 10 de xuño de 2023, os catro nenos foron atopados e evacuados á capital colombiana, Bogotá, para recibir tratamento médico.[2] Segundo os socorristas, os nenos estaban desnutridos e tiñan moitas picadas de insectos, mais ningún problema de saúde importante.[13] Cando os nenos foron descubertos, uns 150 efectivos e socorristas e 200 voluntarios de grupos indíxenas locais estaban a buscalos; os cans de busca e rescate especialistas foron os que os atoparon. O presidente Petro dixo que era "un exemplo de supervivencia total que permanecerá na historia".[2][4][14]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Tras o rescate dos nenos, o seu avó materno, Narciso Mucutuy, solicitou que os nenos fosen levados máis preto da súa familia en Villavicencio.[2] Produciuse unha batalla pola custodia entre o pai dos dous fillos máis pequenos, Manuel Ranoque, e o seu avó, que denunciou actos de violencia doméstica contra o pai dos nenos.[7] Os dous fillos máis vellos teñen un pai diferente e Ranoque non tivo acceso a eles tras o accidente. A partir do 13 de xuño, unha axencia de protección da infancia estaba en proceso de entrevistar a familiares para determinar o acordo de custodia máis axeitado e dixo que estaba a investigar as denuncias de abuso doméstico.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Four children found in Colombian jungle 40 days after plane crash". Al Jazeera. 10 de xuño de 2023. Consultado o 12 de xuño de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Murphy, Matt; Pardo, Daniel (12 de xuño de 2023). "How children survived 40 days in Colombian jungle". BBC News. Consultado o 12 de xuño de 2023. 
  3. Moss, Loren (1 de maio de 2023). "Commercial Flight Reported Missing, Last Contact Was Over Remote Colombian Amazon Region". Finance Colombia. Consultado o 11 de xuño de 2023. 
  4. 4,0 4,1 Pozzebon, Stefano (10 de xuño de 2023). "Missing children found after 40 days in Amazon survived like 'children of the jungle,' Colombian president says". CNN. Consultado o 12 de xuño de 2023. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Durbin, Adam; Buschschlüter, Vanessa (18 de maio de 2023). "Colombia plane crash: Children reportedly survived 16 days in jungle". BBC News. Consultado o 10 de xuño de 2023. 
  6. 6,0 6,1 Walsh, Aoife (12 de xuño de 2023). "Colombia plane crash: Mum told children to leave her and get help". BBC. Consultado o 12 de xuño de 2023. 
  7. 7,0 7,1 7,2 "Colombia plane crash: custody battle breaks out between relatives of children". The Guardian. 
  8. Buschschlüter, Vanessa (24 de maio de 2023). "Colombian plane crash: New clues found in search for lost children". BBC News. Consultado o 10 de xuño de 2023. 
  9. Genevieve Glatsky (9 de xuño de 2023). "4 Missing Children Found Alive After 40 Days in Colombian Jungle". The New York Times. 
  10. Salcedo, Andrea (2023-06-17). "Colombian forces who saved lost children vow to find dog that guided them". Washington Post (en inglés). ISSN 0190-8286. Consultado o 2024-06-24. 
  11. "Colombian plane crash rescue: Search dog Wilson missing after helping save children in jungle". Sky News (en inglés). Consultado o 2024-06-24. 
  12. Reader, The Animal (2023-06-29). "Colombian army ends search for dog Wilson after two weeks". The Animal Reader (en inglés). Consultado o 2024-06-24. 
  13. "Mother of rescued Colombia children survived 4 days after jungle crash". Agence France-Presse. 11 de xuño de 2023. Consultado o 11 de xuño de 2023 – vía Yahoo! News. 
  14. Walsh, Aoife (10 de xuño de 2023). "Colombia plane crash: Four children found alive in Amazon after 40 days". BBC News. Consultado o 12 de xuño de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]