A vocación de san Mateo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 41°53′58.5″N 12°28′28.5″L / 41.899583, -12.474583

A vocación de san Mateo
(en italiano, Vocazione di San Matteo)
Caravaggio (1571-1610) - De roeping van Matteüs (1599-1600) - Rome San Luigi dei Francesi 10-01-2011 12-07-56.png
ArtistaMichelangelo Merisi,alcumado Caravaggio
Data1599-1600
TécnicaPintura ó óleo sobre lenzo
MovementoPintura barroca
Dimensións340 cm × 322 cm
LocalizaciónCapella Contarelli, Igrexa de san Luís dos Franceses (Roma)

A vocación de san Mateo ou A chamada de san Mateo ou A conversión de san Mateo é un cadro pintado por Caravaggio en 1599-1600 e pertence ao ciclo da vida de san Mateo que se lle encargou en 1599 para decora-la capela Contarelli na igrexa romana de San Luís dos Franceses,[1] onde aínda se conserva.

Historia[editar | editar a fonte]

Na década anterior, o cardeal de orixe francesa Mathieu Cointrel (italianizado como Mateo Contarelli)[2] dera instrucións específicas para decorar unha capela baseada en temas do seu patrón. Orixinalmente o traballo encargárase a Girolamo Muziano en 1565, mais nunca chegou a traballar nela. Posterioremente, o traballo pasou, no 1591, ao artista manierista Giuseppe Cesari (alcumado o Cabaleiro de Arpino) quen só chegou a completar a decoración dos frescos da bóveda, seguramente axudado por Caravaggio como pupilo, quen no 1593, xa traballaba no seu taller.[3]

Porén, como este pintor estaba ocupado co mecenado papal de Clemente VII de quen era o pintor favorito e marchara a Roma, o cardeal Francesco Maria Bourbon Del Monte,[4] mecenas de Caravaggio e prefecto da Fábrica de San Pedro (oficina do Vaticano para as propiedades da igrexa), interveu para que Caravaggio conseguise o que foi o seu primeiro gran encargo eclesiástico.[5] O traballo consistiu na realización de tres lenzos para a capela Contarelli cunha mesma temática referida á figura de san Mateo. Os tres lenzos representaron un cambio decisivo no manierismo idealizador do que Arpino foi o último gran practicante. Así, a nova arte máis naturalista representada por Caravaggio e Annibale Carracci tiveron unha grande influencia na súa época.

Localización[editar | editar a fonte]

Dentro da capela, a Vocación pende no lado oposto ao Martirio de san Mateo. Entre os dous cadros, no altar, atópase A inspiración de san Mateo (1602). Aínda que, comezou primeiro co Martirio, ante a inseguridade polo enorme reto e as dificultades que atopaba na súa realización (as radiografías testemuñan os cambios compositivos do artista)[6] decidiu deixala e continuar coa Vocación que foi a primeira en ser rematada.[7] Estas dúas pinturas laterais encargáronse dende xullo de 1599,[8] e o pago final realizouse en xullo de 1600.

Esta obra, foi unha das primeiras pinturas relixiosas expostas ao público, na que se ofrecía unha representación realista. As dúas primeiras pinturas de Contarelli foron inmensamente populares e situaron a Caravaggio entre os principais pintores do novo movemento naturalista en Roma.

Descrición[editar | editar a fonte]

O cadro representa a historia que se conta no Evanxeo segundo Mateo (Mateo 9,9-13)[9] Xesús viu a un home chamado Leví, que era publicano, e que se atopaba sentado no despacho dos impostos e díxolle: "Sígueme" e Leví, que como consecuencia de atender a chamada de Cristo mudará o nome a Mateo, ergueuse e seguiuno.

Na parte da dereita da pintura, xorden dous personaxes con vestimentas bíblicas: Cristo, que pode ser recoñecido polo seu halo, co brazo a man dereita estendidos cara a Leví, e cun pé virado cara o exterior da estancia semella indicar que está a piques de se marchar; e Pedro, cuxa faciana a penas se ve. O corpo deste oculta en gran medida a Cristo[8] e del tampouco se percibe máis cás súas costas e a man que acompaña o xesto de Cristo.

Na parte da esquerda, permanece arredor da mesa, 5 persoas iluminadas por unha raiola de luz. As dúas persoas da esquerda, non se decatan da chegada de Cristo e seguen a conta-los cartos. As dúas persoas na dereita da mesa, van vestidos de xeito semellante, son os matóns que acompañan ao recadador de impostos, Leví. O maior, reacciona pola chegada inesperada dos visitantes mentres o aprendiz, o máis novo, asústase e vírase cara a Leví. Este, está en medio do grupo e, reacciona con sorpresa á chamada de Cristo, xesticulando e sinalando a outro membro do grupo.

Identidade de san Mateo[editar | editar a fonte]

Aínda que hoxe considérase que Leví (Mateo) é a figura barbada, hipótese respaldada porque nas outras dúas obras da serie aparece a mesma figura como Mateo, non sempre se aceptou esta identificación posto que o cardeal estipulara no contrato da obra, con claridade, que Mateo había ser pintado contando os cartos.[7][10] Isto levou a que, en ocasións, se interpretara que o home barbudo está a sinalar ao rapaz novo coa cabeza caída contando os cartos. Segundo esta interpretación, o home barbudo preguntaria: "El? ", en resposta á chamada de Cristo, e a pintura representaría o momento inmediatamente anterior a que Mateo (o rapaz novo) erguese a cabeza para mirar a Cristo. Outros autores, describen a pintura como deliberadamente ambigua.[11]

Análise[editar | editar a fonte]

A obra executouse arredor de dous planos paralelos: o superior, ocupado só por unha fiestra, e o inferior, que representa o momento preciso en que Cristo está apuntando a Leví e chamándoo ao apostolado. O santo está sentado nunha mesa cun grupo de persoas, vestidas coma os contemporáneos de Caravaggio,[8] como nunha escena de taberna. O feito de vestirse como no tempo do pintor e ser pinturas realistas, sen idealización ningunha, transmite a percepción do artista sobre a actualidade da escena, a súa participación íntima no evento representado, mentres que dun xeito totalmente antihistórico, Cristo e o o propio san Pedro son representados envoltos nunha túnica atemporal.

Detalle da faciana de Cristo

Neste cadro, Cristo trae a verdadeira luz a este espazo escuro dos recadadores. Para acentuar a tensión dramática da imaxe e centrarse no grupo dos protagonistas, o autor, recorre á técnica de mergullar a escena nunha penumbra cortada por raios de luz branca, que iluminan os xestos, mans, ou parte da roupa, deixando o resto case invisible, nunha escena tenebrista.

A pintura reflicte así a colisión entre dous mundos: o poder ineludible da fe inmortal e a atmosfera mundana de Leví, que é escravo dos cartos e do mundo material, ignorando a Xesús. Hai outros espectadores arredor do home que se converterá en Mateo, que non se decatan da súa presenza ou que permanecen indiferentes. Non é casual que un dos compañeiros de Mateo portase lentes, case coma se se atopara cegado polos cartos.

Na obra, existe unha gran intensidade e valor simbólico, no diálogo dos xestos entre Cristo, Pedro e Mateo. Os espectadores de Caravaggio viron unha certa semellanza entre o xesto de Xesús chamando a Mateo e o xesto de Deus ao espertar a Adán na Capela Sistina de Michelangelo. Seguindo a liña do brazo esquerdo de Cristo, Mateo semella ser invitado a seguilo para o mundo. "Esta clara lexibilidade, tan diferente de tantas pinturas manieristas, ... é a responsable da enorme popularidade desta obra." Este xesto de Cristo é repetido por San Pedro, símbolo da Igrexa católica que intervén entre o mundo divino e o humano, moi acorde co tempo da Contrarreforma, e que á súa vez é repetido por Mateo. É a representación simbólica da salvación, a través da repetición dos xestos instituídos por Cristo (os sacramentos) e repetidos, no tempo, pola igrexa.

Os pés descalzos de Xesús son dunha sinxeleza clásica, en contraste cos coleccionistas pulidos; ir descalzo tamén pode simbolizar a santidade, coma se estivese nun terreo sagrado. Grazas aos raios X quedou demostrado que, na primeira versión da obra, non aparecía a figura de san Pedro que ao engadila máis tarde, quizais, simbolizaba a presenza da Igrexa a carón de Cristo e na súa compaña, e entre este e os espectadores.

Versións[editar | editar a fonte]

Hai múltiples versións da mesma escena, a maior parte das coñecidas, posteriores á obra de Caravaggio. Hai varias obras que se inspiraron na pintura de Caravaggio como, por exemplo, a de igual denominación do pintor nado en Utrecht, Hendrick ter Brugghen quen realizou unha versión pouco tempo despois do italiano; ou o pintor francés Gustave Courbet quen a mediados do XIX, baseándose na Vocación, realiza L' après-dînée à Ornans: un tema moito máis trivial no que a composición mailo traballo das luces e a sombra se basean na obra de Caravaggio.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Langdon (1998), p. 209
  2. Bona (2010), p. 69 (nota 130)
  3. "Arpino, Caballero de. Giuseppe Cesari". museodelprado.es (en castelán). Consultado o 6-3-2020. 
  4. Bona (2010), p. 68
  5. Le Nir, Anne (28-5-2010). "A Rome, sur les traces du Caravage". la-croix.com (en francés). Consultado o 10-3-2020. 
  6. Pomella (2004), p. 16
  7. 7,0 7,1 Martínez-Burgos (2016), p. 60
  8. 8,0 8,1 8,2 Hilaire (1995), pp. 32-34
  9. "Matteo 9,9-13". laparola.net (en italiano). Consultado o 6-3-2020. 
  10. Hass (1988), p. 247
  11. Varriano (2006), p. 111
  12. Besson, Françoise (21-8-2013). "L’Après-dînée à Ornans". panoramadelart.com (en francés). Consultado o 10-3-2020. 
  13. "REYMERSWAELE, Marinus van". wga.hu (en inglés). Consultado o 10-3-2020. 
  14. "The Calling of Saint Matthew". worcesterart.org (en inglés). Consultado o 10-3-2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]