ASKY Airlines é unha aeroliña de pasaxeiros fundada pola iniciativa de varios gobernos de países do oeste de África. A compañía ten a súa sede en Lomé, Togo. ASKY opera en varios países do centro e do oeste de África dende o seu centro de conexións no aeroporto de Lomé-Tokoin.
Despois de que a aeroliña panafricana Air Afrique entrase en bancarrota no ano 2002, o transporte aéreo fíxose máis difícil en África, especialmente no oeste e o centro do continente. Nunha conferencia da Comunidade Económica de Estados de África Occidental en Niamey (Níxer) o 10 de xaneiro de 2004, decidiuse crear unha aeroliña privada, competitiva e rendible que ofrecese todas as garantías de seguridade para a rexión.[1]
En setembro de 2005 estableceuse a compañía pola promoción dunha aeroliña rexional (SPCAR), que realizou varios estudos de mercado e buscou socios financeiros e estratéxicos; isto permitiu fundar ASKY Airlines en novembro de 2007. O 17 de xaneiro de 2008 celebrouse en Uagadugú a asemblea xeral para establecer a nova aeroliña. O 80% das accións foron mercadas por investidores privados, e o 20% por institucións financeiras públicas. Ethiopian Airlines converteuse no socio técnico e estratexico baixo un contrato de xestión para os primeiros cinco anos de operación, mantendo un 40% das accións.[2] O primeiro voo comercial da aeroliña realizouse o día 15 de xaneiro de 2010.