061

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ambulancias do 061 dirixíndose ao accidente de Angrois (2013)

O 061 é o número de teléfono e, por extensión, a denominación do propio Servizo de Urxencias Sanitarias en Galicia e tamén en varias comunidades autónomas de España. En Galicia o 061 é un organismo dependente do SERGAS.

Calquera usuario poderá chamar cando estiver ante unha situación de urxencia sanitaria ou para realizar unha consulta sobre algunha doenza non urxente.[Cómpre referencia] O 061 de Galicia coordina a demanda sanitaria urxente extrahospitalaria que se produce na comunidade autónoma galega.

Historia do 061 Urxencias Sanitarias de Galicia[editar | editar a fonte]

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 creouse o día 4 de decembro do ano 1995 polo Goberno de Galicia ante a necesidade de desenvolver unha estratexia de resposta ás urxencias sanitarias. Dende entón, o 061 encargouse de xestionar e coordinar a asistencia e o transporte no medio extrahospitalario en casos de urxencia e emerxencia dentro do ámbito territorial galego.

Compoñentes do servizo[editar | editar a fonte]

  • Central de Coordenación de Urxencias Sanitarias: situada no edificio de usos múltiples de San Marcos en Santiago de Compostela, é o lugar onde se reciben e se atenden as chamadas, e onde se asignan os recursos para mobilizar ou o lugar onde se deben desprazar os pacientes por medios propios.
  • Rede de Transporte Sanitario Urxente, xestionada desde a central de coordinación.
    • Ambulancias de soporte vital avanzado ou UVI móbil: o 061 conta con 11 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado medicalizadas terrestres, localizadas en diferentes cidades galegas. Atenden as situacións máis graves e de risco vital. A súa dotación de personal está integrada por un médico, un enfermeiro e un ou dous técnicos de transporte sanitario (un deles condutor).
    • Ambulancias de soporte vital básico: 101 ambulancias asistenciais de soporte vital básico distribuídas por toda a xeografía galega, seguindo criterios de carga asistencial, dispersión e isocrona. Son as enviadas para situacións que non presenten un risco vital, como apoio ás unidades avanzadas e como primeiro chanzo até que os recursos avanzados accedan ao punto. Están compostas por dous técnicos de transporte sanitario (un deles condutor).
    • Helicóptero medicalizado: Galicia conta con dúas unidades aéreas de soporte vital avanzado, localizadas nas cidades de Santiago de Compostela e Ourense, que son xestionadas integramente polo 061 desde o 1 de xaneiro de 2014. Os dous equipos están compostos de médico, enfermeiro e dous pilotos (ou un piloto e mais un mecánico). Nalgunhas ocasión, os helicópteros de salvamento marítimo (Helimer) traballan en colaboración cos equipos do 061, aínda que non forman parte del.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]