Ōban

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tenshō ōban cuñado en 1591.

O ōban (大判) era unha moeda xaponesa de ouro con forma de placa ovoide, aparecida na segunda metade do século XVI. Foi a moeda de maior valor facial do sistema monetario Tokugawa, e estivo en uso ata 1862.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros ōban —coñecidos como Tenshō ōban (天正大判) por corresponderen á era Tenshō (1572-1592)—[2] foron cuñados pola familia Gotō baixo as ordes de Toyotomi Hideyoshi en 1588.[3]

Esta moeda tiña o peso e o valor de 10 ryō, o que a facía equivalente a 10 moedas-placa koban (小判), cun peso de 165 gramos. O seu tamaño era de arredor dos 17 centímetros pola súa parte máis longa.[1][2]

Dado o seu elevado valor, o ōban non debeu xogar papel ningún na circulación monetaria ordinaria, e o seu uso limitaríase ao ambiente dos señores feudais e da nobreza cortesá, a modo de peza de ostentanción, agasallo ou ofrenda.[2] É frecuente que apareza con inscricións en tinta chinesa relativas ao seu valor e coa sinatura do responsable da ceca, en tanto que con punzóns se gravaba a marca de ceca, a data e a lei da aliaxe, así como o emblema imperial.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Oban". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Páxina 135.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Oban". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
  3. Whitney Hall, J. (1991). Páxina 61.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]