Ángel 'Cholo' Armada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ángel Armada, máis coñecido por Cholo Armada, nado en Vigo[Cómpre referencia] en 1929 e finado na mesma cidade o 22 de outubro de 2006, foi un dos maiores regatistas da vela galega.

Nado nunha familia de empresarios do sector náutico (o seu pai, Ángel Armada Armada, fundara Astilleros Armada en 1924), desempeñou toda a súa carreira profesional e deportiva vencellada ao mundo da vela. Laboralmente dirixindo o estaleiro da familia, e deportivamente sendo un pioneiro como deportista en Galiza e unha referencia indispensable tamén na parte administrativa.

Traxectoria deportiva[editar | editar a fonte]

Empezou a navegar relativamente tarde, á idade de 23 anos, e despois de ensaiar con distintos tamaños decantouse axiña pola clase snipe, embarcacións tradicionais de madeira para dous tripulantes, con dez metros cadrados de superficie vélica. Con ela practicaba e tomaba notas de navegación, ata que a finais dos anos cincuenta comeza a competir.

Nos anos seguintes, e a bordo do seu barco máis popular, o Chuvias, percorreu todo o mundo participando en distintos campionatos estatais e internacionais. Vencedor de 618 competicións, conseguiu ser campión de España en cinco ocasións, pero o seu éxito deportivo máis importante foi acadar o subcampionato de Europa en clase snipe celebrado en Estocolmo, o 17 de agosto de 1960. O seu tripulante era o tamén vigués Xulio Ribó. Uns meses despois, nos campionatos do mundo celebrados nas Palmas de Gran Canaria en 1961, obtiveron a cuarta posición.

O éxito de Armada e Ribó marcou un fito na historia deste deporte, tanto en España como en Galiza, e en particular na clase snipe. Cholo Armada seguiu competindo, e chegou a participar en 44 campionatos estatais, de distintas categorías, e nun campionato de Europa na categoría de cruceiro, na embarcación que capitaneaba Xoán de Borbón, conde de Barcelona.

Foi presidente da Federación Galega de Vela dende 1978 ata 1990 e socio de honra do Club Náutico de Vigo e do Club Náutico de Panxón.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Chuvias, 1952-2000, Ed. Ir Indo, 2002