Zacharias Janssen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zacharias Janssen en 1655.

Zacharias Janssen (tamén escrito Zacharias Jansen e Sacharias Jansen), nacido en A Haia ca. 1585 e morto en Amsterdam ca. 1638,[1], foi un fabricante de lentes neerlandés, considerado un dos inventores do microscopio composto, aínda que a orixe deste aparello é aínda tema de debate.

Tamén se asocia coa invención do primeiro telescopio óptico.

Janssen desenvolveu a súa actividade en Middelburg. Pertencía a unha familia de ópticos e é moi posíbel que os seus pais, Hans e Maeyken participaran nos seus descubrimentos.

Aínda que a orixe do microscopio é unha cuestión incerta, considérase a Jenssen como o inventor do microscopio composto (con dúas lentes), talvez coa axuda do seu pai, no ano 1595.

O recoñecemento de dito invento outórgaselle en Middelburg. Xa que Zacharias era moi novo naquelas datas,[2] é posíbel que Hans Lippershey, en cuxo taller traballaba Janssen, fabricara o primeiro, e que o mozo Zach asumira o control da produción.

Os primeiros microscopios producidos polos Janssen eran simplemente un tubo de 45 cm de longo e 5 cm de diámetro cunha lente converxente en cada extremo.[3]

Este instrumento chegou a ter entre 3 e 9 aumentos, dependendo do tamaño da abertura do diafragma.

Microscopio fabricado por Hans e Zacharias Janssen, ca. 1590. Reproducido por John Mayall en 1891.

Hai unha lenda que di que Zacharias Janssen, durante a sú infancia, descubriu o microscopio mentres xogaba con outro neno con lentes estragadas no taller de Hans Lippershey. Os rapaces poñían as lentes diante dos seus ollos en dirección ao cataventos da igrexa local e vían como esta parecía acercarse. Lippershey, por suposto, viu neste xoguete un útil instrumento para facer diñeiro, e o bautizou como tubo óptico.

Pero esta lenda podería ser, como tantas outras, apócrifa, xa que en realidade a orixe do microscopio está aínda en debate.

O diplomático holandés William Boreel, máis adiante, testemuñaría que Lippershey lle roubara a idea do instrumento a Janssen, cando el tiña só 2 anos de idade!

Porén, hai serias razóns baseadas na personalidade de Zacharias Jansen para crer que en realidade non é o autor do microscopio, pois tiña reputación de deshonesto, xa que fixo a súa fortuna a base de falsificar moedas de cobre españolas, e despois tamén de ouro e prata.

Grazas ao primeiro microscopio empezaron a verse innumerábeis entes que non se podían ver antes, e comezouse a estudar mellor o que xa antes se vía. Apareceron novas cores, novos condutos e vasos sanguíneos en todos os corpos dos animais; apareceron novos seres vivos, en tanta cantidade que excedían en número aos que antes se coñecían.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Algúns autores afirman que naceu, viviu e morreu en Middelburg.
  2. Zacharías Jenssen tería 10 anos, ou pucos máis.
  3. Imaxe

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Asimov, Isaac (2007): Historia y cronología de la ciencia y los descubrimientos. Barcelona: Editorial Ariel. ISBN 978-84-344-5344-9
  • King, Herry C. (2003): The History of Telesscope. Dover Publications Inc. ISBN 0-486-43265-3

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]