Wikipedia:Sobre Galicia/novembro 2016

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Teodosio Vesteiro Torres, nado en Vigo o 12 de xuño de 1847 e finado en Madrid o 12 de xuño de 1876, foi un músico, xornalista e escritor galego. Os seus pais foron Juan María Vesteiro Barbeito, oficial de infantería, natural de Lugo, e Antonia Torres Fernández, natural da Coruña. Ingresou no Seminario de Tui en 1860, onde ocupou unha cátedra de Humanidades e foi bibliotecario, clasificando e ordenando os máis de 6 000 libros alí existentes. Comezou a escribir no Boletín Eclesiástico del Obispado de Tuy.

Foi vicepresidente da sociedade La Juventud Católica del Miño, redactor de La Juventud Católica de Tuy e director da orquestra da Catedral de Santa María. En 1871 abandonou os estudios eclesiásticos e trasladouse a Madrid onde exerceu o ensino musical, residindo na casa dos seus curmáns Lorenzo Quintero e Emilia Calé y Torres. En 1872 morreu a súa nai, suceso que lle afectaría fondamente.