Voo 4226 de EAS Airlines

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 4226 de EAS Airlines
O avión do accidente operando con TAROM
Resumo
Data  4 de maio de 2002
Causa  fallo de motor
Lugar  Kano, Nixeria
Coordenadas  Coordenadas: 6°27′N 3°24′L / 6.45, 3.4
Orixe  aeroporto de Kano
Destino  aeroporto Murtala Muhammed
Finados  149 (78 no chan)
Feridos  11 (5 no chan)
Aeronave
Tipo de aeronave BAC One-Eleven 525FT
Operador  EAS Airlines
Rexistro  5N-ESF
Pasaxeiros  69
Tripulación  8
Superviventes  6

O voo 4226 de EAS Airlines era un voo regular entre as cidades nixerianas de Kano e Lagos. Ao redor das 14:35 hora local do día 4 de maio de 2002 o aparello que operaba a ruta esnafrouse nunha área residencial da cidade de Gwammaja. O avión, un BAC One-Eleven 525FT con 69 pasaxeiros e 8 tripulantes a bordo, incendiouse tras o impacto. No accidente morreron 64 pasaxeiros e 7 tripulantes ademais de polo menos 78 persoas en terra.[1]

Antes do accidente, o avión involucrado fora deixado en terra en dúas ocasións: unha vez en 2001 durante once días para realizarlle o mantemento dos motores, e novamente en 2002 durante 52 días para solucionar problemas nos motores.

O voo 4226 é o accidente dun BAC One-Eleven con máis vítimas mortais. A posterior investigación realizada polas autoridades nixerianas concluou que o accidente foi causado por un erro do piloto.

Accidente[editar | editar a fonte]

O voo levaba 69 pasaxeiros e 8 tripulantes. O piloto era o capitán Inneh Peter e o copiloto era o primeiro oficial C.E Adegboye. Os enxeñeiros de voo eran Emmanuel Idoko e Muhammad Sarki. Os tripulantes de cabina eran Peros Doris, Iwenofu Nenne, Naomi Ukpong e Nwokeji Ifeyinwa. O voo 4226 engalou do aeroporto de Kano ás 1:32 p.m. hora local. O avión comezou entón a moverse bruscamente de lado a lado. O capitán Peter informou á torre de control que estaba tendo un fallo de motor. Posteriormente o avión esnafrouse contra o chan ás 1:35 p.m., xusto tres minutos despois da engalaxe.[2]

O avión golpeou múltiples estruturas no chan, incluída unha escola e dúas mesquitas cheas de xente, incendiándose. A meirande parte dos edificios colapsaron debido ao impacto.[3] Segundo as testemuñas escoitáronse varias chamadas solicitando axuda dende dentro do avión. Os bombeiros apresuráronse á escena. Porén, debido á ausencia de auga na zona foron incapaces de apagar o lume.[2]

Catro superviventes foron sacados vivos dos restos. Entre eles había un pasaxeiro libanés, un xeneral do exército e un asistente de voo. 26 corpos foron recuperados do lugar do accidente. Tres dos alumnos da escola quedaron atrapados entre os cascallos e o director da mesma puido ser rescatado. Posteriormente os rescatadores atoparon máis de 70 corpos no lugar do sinistro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aviation Safety Network (ed.). "Accident description". Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2013. Consultado o 2018-12-10. 
  2. 2,0 2,1 "Plane crashes in northern Nigeria" (en inglés). 2002-05-04. Consultado o 2018-12-15. 
  3. Robson, James (2002-05-04). "155 dead as Nigerian plane crashes on city" (en inglés). ISSN 0307-1235. Consultado o 2018-12-16.