Tu quoque

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Denomínase tu quoque (locución latina que significa «ti tamén») ao argumento que consiste en rexeitar un razoamento, ou consideralo falso, alegando a inconsistencia de quen o propón. É, polo tanto, unha variante da falacia ad hominem, ou ataque persoal, mediante a cal procúrase demostrar que unha crítica ou unha obxección aplícase igualmente á persoa que a realiza, rexeitándoa sen entrar a analizala.

Esta falacia adoitase empregar como unha técnica de retórica. Podería considerarse unha variante da falacia ad hominem xa que o obxectivo é refutar a afirmación dun individuo desacreditándoo[Cómpre referencia]. Con este argumento búscase distraer a atención sobre a calidade atribuída ao suxeito B polo suxeito A, atribuíndo a mesma calidade ao suxeito A. Así o suxeito A perde credibilidade ao ser presentado como un hipócrita.

Orixe[editar | editar a fonte]

Tu quoque é o comezo da célebre exclamación de Xulio César cando viu que, entre os conxurados, Bruto, o seu protexido, tamén empuñaba o puñal para asasinalo (15 de marzo do 44 a. C.). A frase completa pode que fose tu quoque fili mi ("ti tamén, meu fillo") ou et tu quoque Brute fili mi! ("¡Bruto, fillo meu, ti tamén!"), aínda que Suetonio pensa que a dixera en grego. Con este sentido orixinal, a expresión aínda se usa para indicar a ingratitude polos beneficios recibidos.

Estrutura do argumento[editar | editar a fonte]

  1. A critica P.
  2. A é tamén culpable de P.
  3. Polo tanto, P é rexeitado.

Trátase dunha falacia porque a conclusión (rexeitamento de P) non se segue das premisas.

Un exemplo clásico:

Aí está ese dándonos consellos aos gregos sobre concordia, cando aínda non logrou convencerse a si mesmo, á súa muller e á súa criada –tres persoas tan só– a poñerse de acordo na súa vida íntima.
Plutarco

Uso coloquial[editar | editar a fonte]

O recurso ao tu quoque é de uso moi frecuente, incluso por parte daqueles que descoñecen a súa existencia. É doadamente recoñecible porque responde á estrutura «e ti tamén» ou «e ti máis» como resposta a unha crítica.

Non todo recurso ao tu quoque é falaz. Considérase que existe un uso lexítimo cando se emprega para rexeitar o recurso á autoridade moral. A autoridade moral baséase en ser consecuente co que se aconsella, polo tanto se se demostra que quen realiza a afirmación é inconsecuente, os seus consellos carecerán de valor. Por exemplo, se alguén aconsella sacrificios a outros pero non está disposto a asumilos, pode ser facilmente desacreditado mediante o recurso do tu quoque.

Sen embargo, cando un argumento non se basea na autoridade moral, o recurso ao tu quoque adoita ser falaz. Por exemplo, un caso habitual sería o dun médico que aconsella ao seu paciente deixar de fumar e dito paciente respóndelle que el tamén fuma, así que, vindo del, o consello non ten validez. Neste caso trátase dunha falacia, xa que o criterio médico non se asinta na autoridade moral, senón en fundamentos técnicos que son independentes da conduta do médico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]