Fobia social

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O trastorno ansioso social, tamén coñecido como ansiedade social ou fobia social, é un trastorno psicolóxico do espectro dos trastornos de ansiedade. É unha síndrome caracterizada por manifestacións de alarma, tensión nerviosa e desconforto desencadeadas pola exposición á avaliación social, o que ocorre cando o afectado precisa relacionarse con outras persoas, realizar traballos baixo observación ou participar de actividades sociais. Isto ocorre até o punto de interferir na maneira de vivir de quen o sofre, facendo que se sinta inseguro, axexado, incómodo, con sensacións intensas e desagradables sobre o que pensan del outras persoas.

As persoas afectadas por esta patoloxía comprenden que os seus medos son irracionais, no entanto, experimentan unha enorme aprensión a confrontar as situacións socialmente temidas e normalmente fan de todo para evitalas. Durante as situacións temidas, é frecuentemente presente nestas persoas a sensación de que os outros as están xulgando e, tales suxeitos, normalmente temen ser vistos como ansiosos, fracos ou estúpidos. Por conta disto, tenden frecuentemente a illarse. As situacións temidas poden ser ou numerosas, neste caso trataríase do subtipo xeneralizado (concorrer a festas ou reunións, coñecer nova xente, participar de pequenos grupos de traballo, realizar conquistas amorosas) ou únicas e específicas, subtipo discreto (dar un discurso, actuar fronte ao público, ir ao baño cando hai outras persoas ao lado).

Normalmente aparece na xuventude, despois da adolescencia, e pode continuar durante toda a vida, o que ten graves consecuencias negativas na vida social, laboral e afectiva. Este disturbio non debe ser considerado unha forma esaxerada de timidez. A súa aparición é moito máis común do que se pensa popularmente, e non hai que considerar esta fobia como estraña. Aceptalo abertamente en público é a mellor forma de comezar a superalo, para poder intentar sentirse mellor comprendido e deste xeito, minorar a angustia.