Transbordador espacial Buran

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maqueta do transbordador espacial Buran no parque Gorki, en Moscova.

O transbordador espacial Buran foi un transbordador espacial soviético que voou unha única vez e en modo automático, sen tripulación, engalando o 15 de novembro de 1988 e regresando tres horas despois.[1]

Características[editar | editar a fonte]

O Buran foi un esforzo soviético para manter o ritmo estratéxico e tecnolóxico dos Estados Unidos no espazo. Tivo as súas orixes nos estudos de 1974 e 1975 de NPO Energia para un novo sistema de acceso ao espazo. Ao mesmo tempo os militares soviéticos, coñecedores de que o programa do transbordador espacial estadounidense planificouse con posibles misións militares en mente, comezou a interesarse por un sistema similar para o acceso ao espazo, reutilizable e tripulado e con potencial militar. O deseño americano foi estudado a fondo polos enxeñeiros soviéticos, que adoptaron algunhas das súas solucións pero rexeitaron outras. En lugar de foguetes aceleradores de propelente sólido, os aceleradores do Buran serían dous foguetes de propelente líquido alimentados por queroseno e osíxeno líquido. A escasa experiencia soviética en motores crioxénicos levou á decisión de non desenvolver un motor crioxénico reutilizable como o dos transbordadores americanos, o que levou á súa vez a poñelos no tanque de propelente principal en lugar da propia nave.

O decreto autorizando o desenvolvemento do vehículo (decreto 132-51) foi emitido o 12 de febreiro de 1976, ao mesmo tempo que as especificacións militares do sistema. Estas últimas incluían a capacidade de levar unha carga de 30 toneladas a unha órbita de 200 km de altura e 50,7º de inclinación orbital seguido por sete días de operacións en órbita e o regreso a terra con 20 toneladas de carga. A forma de vehículo con ás similar ao transbordador estadounidense decidiuse o 11 de xuño de 1976. Construíronse varias maquetas e vehículos de proba para o túnel de vento e para as probas de transporte.

O programa atrasouse durante varios anos ata o lanzamento do 15 de novembro de 1988, que foi á súa vez o final do programa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mark Wade (2011). "Buran" (en inglés). Consultado o 6 de maio de 2012.