Tiy
Atención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión.
|
Tiy (ou Tiya, Tiye, Tiyi, Tece, Ty...) foi raíña, esposa de Amenhotep III, da dinastía XVIII, e unha das mulleres máis carismáticas da historia exipcia.
Índice |
Orixes [editar]
Ao contrario que todas as súas predecesoras, as "Grandes Esposas Reais", Tiy non era de liñaxe real, e non ocultou nunca a súa orixe nobre, procedente da cidade sureña de Ajmin (Akhmin). O seu pai, Yuya, era un xefe de carros de guerra, con familia de orixe asiática, mentres que a súa nai, Tuya, ostentaba o título de "Ornamento Real", de dubidosas atribucións, así como de "Cantora do templo de Amón". Que o faraón-neno Amenhotep III (Amenofis III) casase con Tiy no canto de con calquera das súas numerosas irmás, non ten unha explicación clara, pero podería ser debido a:
- Cando Amenhotep III asumiu o trono era aínda un neno, e había un Consello de Rexencia dominado pola nai do rei, Mutemuia. Esta muller, a pesar de parir ao sucesor, non fora a "Gran Esposa Real" de Thutmose IV (Tutmosis IV), e tivo que aguantar o desplante das outras raíñas, que a vían como unha esposa secundaria. Mutemuia vingouse delas ao negar ás princesas reais o matrimonio co "novo Horus".
- Yuya era un home moi importante no Exipto daquel entón, e é posible que ata fose o irmán da raiña nai Mutemuia. Xa que logo, Tiy e Amenhotep III serían primos, e o seu casamento non fixo máis que acabar por consagrar a aquel ambicioso señor.
- A todo isto únese a conxectura de que a dama Tuya podía ser descendente, por unha rama secundaria, de Ahmose-Nefertari, como parecen indicar algúns dos seus títulos, polo que a candidatura de Tiy era do todo lexítima.
Casar a Tiy co faraón foi unha hábil manobra que beneficiou de forma insólita a Yuya e Tuya. O seu poder creceu parello ao dos novos reis, e ata foron enterrados no Val dos Reis, unha honra reservada a moi poucos nobres. A súa tumba foi, xunto coa de Tutanjamón (Tutankhamón), achada case intacta, con fermosos sarcófagos de ouro e as momias en perfecto estado de conservación.
A situación tamén beneficiou aos irmáns de Tiy. Coñécese con seguridade a Aanen, que non deixou de escalar postos no clero de Amón, e tamén é posible que a nova raíña fose irmá do que máis tarde foi o faraón Ay. Este versado home, un auténtico raposo político, asumiría o papel de Yuya á beira do rei, e aconsellaría sabiamente a tres reis antes de ser el mesmo, coas súas hábiles manobras, coroado.
Os primeiros anos de reinado [editar]
Tiy casou con Amenhotep III á idade de sete ou oito anos, aproximadamente dous menos que o seu sacro marido. A novísima parella pareceu complementarse desde o primeiro momento e nunca máis volveron separarse. É innegable a influencia que tivo Tiy sobre o faraón, nunca vista antes nas "Dúas Terras". Tanto é así que, con motivo do seu matrimonio, Amenhotep III enviou escaravellos a todos os monarcas veciños nos que anunciaba a existencia da súa primeira Gran Esposa Real, así como a dos todopoderosos Yuya e Tuya.
A partir daquel momento, e para sorpresa de todos, a raíña Tiy non deixou de aparecer en todos os monumentos construídos polo seu marido, e en condicións case de total igualdade con el. O peso político da nova raíña era enorme, e non tivo o menor reparo en manexar a Amenhotep III, que tivo a inmensa sorte de gozar dun reinado longo e próspero. Adóitase dicir que Tiy foi a auténtica gobernante na sombra, axudada pola súa sogra Mutemuia e pola incapacidade do seu real esposo.
A chegada de Atón [editar]
Un dos feitos máis problemáticos do reinado de Amenhotep III é o papel que xogou o deus Atón nos seus 39 anos de goberno. Moitos dixeron que esta deidade foi introducida na corte pola propia Tuy, pero isto é falso, pois xa existían mencións del baixo reis como Hatshepsut ou Thutmose IV. O que si é certo é que baixo Amenhotep III e Tiy alcanzou unha popularidade entre a familia real antes impensable.
As causas disto eran sobre todo o perigo que entrañaban os sacerdotes de Amón, tan ambiciosos e poderosos, que ata facían cambalear o trono. Este perigo xa fora visto moito tempo antes, pero sería baixo Amenhotep III cando o problema adquiriu tanta importancia que chegou a existir unha competencia entre Amón, o favorito do pobo, e Atón, o elixido pola parella real para contrarrestar a influencia dos sacerdotes. Este conflito relixioso trasladouse ao consello, onde é posible que os adeptos de Tiy non deixasen de conspirar co home máis importante do reino, o sabio Amenhotep, fillo de Hapu, coñecido devoto de Amón.
Con todo, no seu papel de raíña e de nai, Tiy non dubidou en inculcar o culto a Atón ao seu fillo, o príncipe Amenhotep, sentenciando sen sabelo ao país á chamada "Crise de Amarna" que chegaría en só unhas décadas despois, afundindo a dinastía e acabando coas colonias exipcias na zona sirio-palestina.
Unha raíña moi especial [editar]
Tras a "usurpación" do trono pola Gran Esposa Real Hatshepsut, facía xa máis de cen anos, os reis evitaran dar calquera protagonismo ás súas esposas, sen distinguilas apenas do resto de esposas secundarias e concubinas, confinándoas en palacios e haréns para evitar que o perigoso sangue de Ahmose-Nefertari volvese unha vez máis a tomar as rendas do poder. Tiy sería a primeira excepción a este novo costume.
Non só se facía representar en todos os lugares acompañando ao seu senón que, posiblemente, dirixía cerimonias e tomaba parte nos asuntos de Estado á beira de Amenhotep III, quen non dubidou en delegar poderes, tanto na súa muller, como nos seus ministros. Podería dicirse que durante os 39 anos de reinado de Amenhotep III foi a Gran Esposa Real Tiy a auténtica gobernante na sombra. O seu poder sobre o faraón era tan grande que non só se lle dedicaban numerosas estatuas a ela soa, senón que ata se fixo construír só para ela o palacio real de Malkata, na beira occidental de Tebas, así como un inmenso lago artificial. Este lugar acabaría por converterse na residencia tebana dos faraóns.
Tiy coñecía perfectamente as súas orixes e comprendía que ao ascender a súa posición, non só debilitaría a do seu marido, senón a de toda a institución real a favor dos perigosos sacerdotes, polo que sempre se contentou con ser a última e máis eficaz conselleira real. Sería logo de Tiy, coa súa nora a belísima Nefertiti, cando as raíñas volvesen asumir un papel moi similar ao que antes fixo Hatshepsut, ao facerse coroar correxente do seu marido.
Os fillos de Tiy [editar]
Aínda que Tiy non tiña competencia posible á beira do faraón en asuntos de Estado, tívoa (e moita) máis aló da sala do trono. Amenhotep III foi un rei moi ocioso que se dedicaba comunmente á caza e á procura de novas esposas e concubinas, polo que é de esperar que o monarca tivese ampla descendencia. Ignoramos que pensaría Tiy de todo isto, pero dado que eran os costumes de entón, non debeu de molestarlle moito. Á fin e ao cabo, era a muller máis influente de todo o país, e ningunha outra podería competir con ela nin sequera pensar en suplantala. A súa descendencia foi a única lexitimamente aceptada: tivo polo menos cinco fillos, aínda que é posible que fosen moitos máis, de nomes
- Fillos coñecidos de Amenhotep III con Tiy:
- Sitamón. Foi a primoxénita da parella real, nacida nos primeiros anos de reinado, cando o matrimonio aínda sería adolescente. Para sorpresa de todos, acabaría por casar co seu propio pai no ano 30/31 e ascendida ao mesmo rango que a súa nai, o de Gran Esposa Real. Foi o primeiro incesto real na historia exipcia en máis de catrocentos anos.
- Amenhotep IV. Nun primeiro momento non era o sucesor designado polo seu pai, pois tiña polo menos un irmán maior, que morrería na mocidade. Crese que era de fragil saúde e ata se pensou que tiña problemas mentais. Sexa como for, acabou sendo faraón, un dos máis famosos e contraditorios, e protagonista do mal chamado "Cisma de Amarna", no que tomaría o nome de Ajenatón, negaría a todos os deuses ancestrais a favor dunha única divindade (Atón) e trasladaríase a unha capital construída no medio do deserto. Algúns lle teñen como o primeiro monoteísta da historia, outros por un iluminado, e outros por un impostor.
- Henuttaneb, Isis e Nebetta. As fillas menores. Se Amenhotep III casou no seu primeiro xubileu Heb Sede coa súa irmá maior Sitamón, faríao no segundo (ano 34º) con Henuttaneb e no terceiro (ano 37º) con Isis. E é posible que de chegar a un cuarto xubileu, como estaba planificando cando lle chegou a morte, fóra Nebetta a escolleita. Todas estas princesas, cuxa pegada perderase ao subir ao trono o seu irmán, nunca foron ascendidas ao rango de Grandes Esposas Reais.
- Fillos posibles de Amenhotep III con Tiy:
- Baketatón. É moi posible que esta princesa fose a máis pequena da parella real, e a única da que se teñen datos durante o reinado de Ajenatón. Algúns pensaron que non é máis que Sitamón cun novo nome, ou unha filla de Ajenatón e Nefertiti, pero na actualidade adóitase coincidir en que sería a última nena nacida de Tiy, e a única que se sabe con certeza que a acompañou ata a súa morte no seu palacio de Tebas.
- Thutmose. O fillo maior de Amenhotep III. Sábese que era o herdeiro orixinal, pero que leva o nome de Thutmose, segundo o costume, significaba que non debía ser fillo da Gran Esposa Real. Xa que logo, este mozo, que nunca chegou a ocupar o trono debido á súa temperá morte, no medio da adolescencia, sería posiblemente fillo de Amenhotep III e outra muller, quizais a princesa mitannia Giluhepa.
- Tutanjamón. O famoso rei-neno estaba emparentado coa familia de Amarna, e acháronse na súa tumba mechones de Tiy gardados como reliquias. Esta mostra de agarimo só pode ser debida a que ambos viviron xuntos e había un lazo moi profundo entre eles. Pensouse que poderían ser nai e fillo, pero isto implicaría que houbo correxencia entre Amenhotep III e Ajenatón e que Tiy foi unha nai moi madura, para concordar as datas. Na actualidade crese que Tiy era a avoa do neno, e que os seus pais, ou ben foron Amenhotep III e Sitamón ou Ajenatón e unha esposa secundaria, de nome Kiya.
- Semenejkara. Con diferenza, o personaxe máis fantasmal da época. Nin sequera sábese se chegou a existir ou era un nome que tomou a raíña Nefertiti ao converterse en faraón por dereito propio. Se Semenejkara foi un home, quizais era irmán maior de Tutanjamón, ou seica primo ou tío seu.
Os últimos anos [editar]
No final do reinado de Amenhotep III comezan a xurdir as lagoas históricas que nos adiantan a confusión que viría despois. Por entón o principal valedor dos sacerdotes de Amón e o máis fiel ao rei, o ancián Amenhotep, fillo de Hapu, xa morrera, e o rei xa estaba casado con varias fillas súas. O papel de Tiy non minguara, pero o do príncipe herdeiro non deixaba de crecer, e as súas intencións políticas sementaban a dúbida.
Sabemos de certo que Amehotep III morreu antes que Tiy, pois aínda que a súa tumba estaba preparada para acoller os restos da súa raíña, nunca chegou alí por morrer antes o seu marido. Sen o seu manexable e dócil marido, Tiy pouco podería ou quixo facer polo seu fillo, e deixoulle gobernar ás súas anchas. Mentres que Ajenatón trasladouse á nova capital, Ajetatón, Tiy seguiu vivindo en Malkata coa súa filla Baketatón e quizais algunha máis. Pensouse na posibilidade dunha ruptura entre nai e fillo, debido ao fanatismo que acabou por adquirir o segundo, pero existen representacións nas que Tiy vén visitar a Ajenatón, Nefertiti e as súas netas á nova capital, e é recibida con grandes mostras de respecto e de agarimo.
Si é posible que Tiy acabase desmarcándose un tanto do culto a Atón que con demasiado fervor inculcara a Ajenatón, pois seguiu vivindo en Tebas, cerca do clero a Amón. Quizais a raíña quixese compensar algo a maltreita balanza de cultos, que pasara dun extremo a outro. Este sería o seu papel ata a súa morte, en torno ao ano 12 do reinado do seu fillo. Era xa unha anciá para a época: contaría entre cincuenta e sesenta anos.
A tumba de Tiy [editar]
A Gran Esposa Tiy, man dereita do indolente Amenhotep III e educadora do suxestivo Ajenatón, morreu en Tebas, no seu palacio de Malkata. Quizais chegou a ser enterrada en Ajetatón, como así decidira o seu fillo, pero coa caída do seu goberno, os seus restos volverían a Tebas, ao Val dos Reis.
Expúxose a idea de que a famosa Tumba 55 (KV55) era o lugar destinado ao seu repouso eterno, pero quizais nunca estivo o seu corpo alí. Ou se estivo, acompañado polo home tan difícil de identificar na actualidade (¿Semenejkara ou Ajenatón?), foi trasladado máis tarde a algún agocho de momias para pór a salvo a tan prodixiosa muller dos saqueadores de tumbas. Na actualidade crese que a súa momia é a da anciá dama sen nome achada en KV35, a tumba de Amenhotep II, xunto aos corpos doutros personaxes como Amenhotep III e ata algúns dubidosos candidatos a ser o príncipe Thutmose ou a raíña Nefertiti.
A pesar de non estar plenamente admitida pola comunidade exiptolóxica que a "Anciá Dama" sexa a momia de Tiy, o seu aspecto aínda sobrecolle. É a única momia que conserva aínda unha cabeleira tan tupida, cuxo parecido cos mechons aparecidos na tumba de Tutanjamón é evidente. A gran raíña, antecesora de Ajenatón e Nefertiti, pode estar aínda entre nós.