Sitamón
| Sa-t-i-mn (Sitamón) Filla de Amón en xeroglífico |
|
| Sitamón | |
|---|---|
| Relevo representando a Sitamón provinte do templo funerario de Amenofis III, Museo Petrie de Arqueoloxía Exipcia (Londres) | |
| Nacemento: | c. 1350 a.C. Antigo Exipto |
| Nacionalidade: | exipcia |
| Ocupación: | Princesa da Dinastía XVIII do Antigo Exipto |
| Cónxuxe(s): | Amenhotep III |
Sitamón foi unha princesa real e raiña consorte da dinastía XVIII do Antigo Exipto, que viviu cara ao ano 1350 a.C.. Outras formas de nomeala: "Satamón", "Sitamen", "Satamun"...
Índice |
Familia [editar]
Descoñecemos a xenealoxía exacta de Sitamón, pero adóitana facer como a filla maior do faraón Amenhotep III e da súa primeira e máis importante Gran Esposa Real, a raíña Tiy. Outras fontes pensan que no canto de ser filla de Amenhotep III era a súa irmá (sería entón filla de Thutmose IV e da súa Gran Esposa Real Iaret), aínda que a versión máis estendida na actualidade é que fosen pai e filla.
Como primoxénita da parella real, tivo que ser unha persoa moi importante no longo reinado do seu pai. Ao nacer os seus irmáns homes, o costume ditaba que ela debería casar no futuro con eles, polo que foi educada convenientemente pola súa posible avoa, Tuya, a nai da raíña Tiy. O agarimo que se profesaban ambas era evidente, pois ao morrer a anciá, Sitamón dooulle tres belas cadeiras para a súa tumba, a KV46.
Traxectoria [editar]
No ano 30º do reinado de Amenhotep III, cando se celebraba o xubileu do monarca (o soado festival Heb Sede), o monarca decidiu casar con Sitamón, que por entón debería de contar vinte anos, máis ou menos. Isto debeu de ser unha gran sorpresa, sobre todo para o pobo común, pois nunca antes se deran casos de incesto, ou polo menos iso se cría. O certo é que as causas de que Amenhotep III casase a esas alturas con Sitamón, cando a súa descendencia parecía asegurada xa polo futuro Akhenatón son un enigma. En teoría, e como xa se dixo antes, Sitamón estaba destinada a casar co seu irmán, e non co seu pai.
Tras este feito, Sitamón practicamente desaparece de escena, e non se volve a ter mención dela ata logo da morte do seu pai e marido, nove anos despois do seu matrimonio. A pesar de ser ascendida ao rango de Gran Esposa Real (cousa que non fixo Amenhotep III co resto das fillas coas que casaría), nunca tivo tanta importancia como a súa nai Tiy, nin ningún peso político coñecido. Hai quen quixo ver en Sitamón a "princesa rebelde" da familia real, que odiaba ao seu irmán Akhenatón e as súas ideas relixiosas, e declarouse adepta aos sacerdotes de Amón en detrimento da crecente doutrina de Atón. Disto, por suposto, non se ten ningunha proba, fóra de que, que se saiba, Sitamón nunca cambiou o seu nome cunha clara alusión a Amón por unha a Atón.
Tamén se expuxo a teoría de que Sitamón podería ser a nai do faraón Tutankhamon, o coñecido rei-neno que cegou ao mundo enteiro coas riquezas achadas na KV62, a súa tumba. Non hai datos que aseguren isto, nin ningunha mención a Sitamón en KV62, e a hipótese que hoxe parece seguirse máis é que fose o fillo de Akhenatón e dunha esposa secundaria. Xa que logo, non se coñece descendencia certa de Sitamón, se é que algunha vez a chegou a ter. Os pasos desta misteriosa princesa e raíña desaparecen, como os de tantas outras mulleres da época, no medio dun mar de dúbidas. Nin sequera coñecemos o seu lugar de enterramento, nin se a súa momia está identificada.
Títulos de Sitamón [editar]
- Gran Filla Real (filla primoxénita).
- Gran Esposa Real (Esposa de Amenhotep III), no ano 30º do reinado de Amenhotep III (festa Sed).

![X1 [t] t](http://bits.wikimedia.org/static-1.22wmf3/extensions/wikihiero/img/hiero_X1.png)
![M17 [i] i](http://bits.wikimedia.org/static-1.22wmf3/extensions/wikihiero/img/hiero_M17.png)
![Y5 [mn] mn](http://bits.wikimedia.org/static-1.22wmf3/extensions/wikihiero/img/hiero_Y5.png)
![N35 [n] n](http://bits.wikimedia.org/static-1.22wmf3/extensions/wikihiero/img/hiero_N35.png)