Space opera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Portada da revista de ciencia ficción Imagination de agosto de 1954.

A space opera é un subxénero de ciencia ficción onde se resaltan historias de guerra espacial, aventura melodramática, batallas interplanetarias, situacións arriscadas e romance cabaleiresco. Establecido principalmente ou completamente no espazo exterior, xeralmente involucra conflitos entre adversarios que destacan polas súas habilidades, armas futuristas e outras tecnoloxías sofisticadas. A denominación space opera non alude a ópera ou opereta senón que fai referencia ou deriva de "soap opera" e de "horse opera",[1] sendo este último termo acuñado durante a década de 1930 para designar westerrns estereotipados ou tópicos. As space operas xurdiron na década de 1930 e seguen aínda vixentes, producindose literatura, cine, cómics, televisión e videoxogos deste subxenero.

Flash Gordon (1936) foi un dos primeiros seriais cinematográficos inspirados nas tiras cómicas de space opera[2] do personaxe creado por Alex Raymond. A finais da década de 1970 a saga de A guerra das galaxias creada por George Lucas atraeu o interese do público polo subxénero.[3] Tralo enorme éxito da innovadora serie de filmes de A guerra das galaxias a space opera converteuse novamente nun subxénero recoñecido. Entre o ano 1982 e 2002 o premio Hugo á mellor novela de ciencia ficción foi a miúdo concedido a obras de space opera.[4]

Definición[editar | editar a fonte]

Contraportada da revista Galaxy nº1, outubro de 1950.

A space opera defínese como unha historia de aventuras de ciencia ficción.[5]

O termo "space opera" foi acuñado en 1941 polo escritor e autor afeccionado a ciencia ficción Wilson Tucker como algo pexorativo nun artigo no número 36 do fanzine de ciencia ficción Le Zombie.[6] Nese momento, os seriais dramáticos da radio nos Estados Unidos coñecíanse popularmente como soap operas porque moitos estaban patrocinados por fabricantes de xabón.[7] Tucker defineu a space opera como o equivalente no ámbito da ciencia ficción.[8] Previmente xa se empregaba "horse opera" para definir os westerns estereotipados. Os fans e os críticos decataranse de que as tramas das space operas de cando en cando adaptaban as tramas das horse operas simplemente trasladando a acción ó espazo exterior, como parodiou a revista Galaxy Science Fiction na contraportada do seu primeiro número. A finais da década de 1920 e comezos da década de 1930, cando as historias se publicaban nas revistas de ciencia ficción, eran denominadas a miúdo "superciencia épica".[9]

A partir da década de 1960 e durante a década de 1970 a space opera foi redefinida tomando como referencia a obra de Brian Aldiss Space Opera (1974). No entanto, o xénero axiña comezou a cambiar, por exemplo, coa práctica editorial e mercadotecnia de Judy-Lynn del Rey e do seu marido e colega Lester del Rey, discutindo as afirmacións de que as space operas estaban obsoletas. Del Rey Books fixo reedicións da obra de Leigh Brackett adscribíndoa á space opera. A principios da década de 1980 a space opera redefínese novamente incluíndo importantes obras da cultura popular como A guerra das galaxias. O termo empezou a ser considerado como un subxénero lexítimo da ciencia ficción só a principios da década de 1990.[4] Hartwell e Cramer definen a space opera como:

[...] colorida, dramática, aventura de ciencia ficción a gran escala, escrita de maneira competente e a veces belamente, usualmente enfocada nun personaxe central simpático e heroico e trama de acción usualmente ambientada nun futuro relativamente afastado, no espazo ou noutros mundos, caracteristicamente optimistas no seu ton. A miúdo trata de guerra, piratería, virtudes militares e acción a grande escala, grandes riscos.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

As primeiras obras que precederon ó subxénero contiñan moitos elementos do que logo se convertería en space opera, actualmente denomínase proto-space opera.[10] As primeiras obras deste estilo foron escritas por diversos autores franceses do século XIX, por exemplo, Les Posthumes (1802) de Nicolas-Edme Rétif,[11] Star ou Psi de Cassiopée: Histoire Merveilleuse de l'un des Mondes de l'Espace ( 1854) de C.I. Defontenay e Lumen (1872) de Camille Flammarion. Non obstante escribíronse ocasionalmente proto-space operas non moi populares de ciencia ficción durante a época vitoriana e eduardiana, pódedense encontrar exemplos nas obras de Percy Greg, Garrett P. Serviss, George Griffith e Robert Cromie.[12] Un crítico cita The Struggle for Empire: A Story of the Year 2236 de Robert William Cole como a primeira space opera;[12] a novela describe un conflito interestelar entre homes solares da Terra e unha feroz raza humanoide procedente de Sirius, emporiso a idea da novela xorde dun xénero nacionalista de ficción popular de entre 1880 e 1914 denominado ficción de guerra futura.[13]

A pesar deste comezo aparentemente temperán, non foi ata finais da década de 1920 cando a space opera comezou a aparecer periodicamente en pulp magazines como Amazing Stories.[4][10] No cinema o xénero comezou problablemente en 1918 co filme dinamarqués Himmelskibet.[14] A diferencia das historias anteriores de aventuras espaciais, que relacionaban la invasión da Terra por extraterrestres ou se centraban na invención dun vehículo espacial por parte dun xenio inventor, a space opera pura simplemente daba por sentado as viaxes espaciais (xeralmente establecendo a historia nun futuro afastado), saltou directamente ós contos de fazañas estelares. As primeiras historias deste estilo inclúen Invaders from Outside (Weird Tales, xaneiro de 1925) de J. Schlossel,[12] The Second Swarm (Amazing Stories Quarterly, primavera de 1928), The Star Stealers (Weird Tales, febreiro de 1929), Tarrano the Conqueror (1925) de Ray Cummings, Across Space (1926) de Edmond Hamilton e Crashing Suns (Weird Tales, agosto-setembro de 1928).[10] Historias semellantes doutros escritores continuaron durante os anos 1929 e 1930, quedando en 1931 establecida a space opera como un importante subxénero da ciencia ficción.[Cómpre referencia]

Emporiso o autor citado con máis frecuencia como o auténtico pai do xénero é E. E. "Doc" Smith. O seu primeiro traballo publicado, The Skylark of Space (Amazing Stories, agosto-outubro de 1928), escrito en colaboración con Lee Hawkins Garby, é nomeada a miúdo como a primeira gran space opera.[10] A serie de novelas Lensman de E. E. Smith, os traballos de Edmond Hamilton, John W. Campbell e Jack Williamson nas décadas de 1930 e 1940 foron populares entre os lectores e moi imitados por outros escritores.

Escritores como Poul Anderson e Gordon R. Dickson mantiveron viva a aventura espacial a grande escala ata a década de 1950, seguidos por escritores como M. John Harrison e C. J. Cherryh na década de 1970. Neste momento para moitos lectores space opera xa non era un termo despectivo senón a descrición dun tipo concreto de historia de ciencia ficción e aventura.[4]

Segundo o autor Paul J. McAuley, varios escritores, na súa maior parte británicos, comezaron a reinventar a space opera na década de 1970[15] (aínda que a meirande parte dos críticos non británicos tenden a cuestionar a pretensión británica de dominar a nova escena da space opera).[4] Os acontecementos máis destacados neste período inclúen a publicación The Centauri Device de M. John Harrison en 1975 e un editorial "call to arms" de David Pringle e Colin Greenland na edición do verán de 1984 de Interzone;[15] e o éxito de recadación de A guerra das galaxias, que segue algunhas convencións da space opera tradicional.[4] Esta "nova space opera", que evolucionou case ó mesmo tempo que xurdiu o cyberpunk e foi influenciada por el, é máis escura, afástase do " "triunfo da humanidade" da space opera máis antiga, insire novidades tecnoloxías e posúe unha caracterización máis forte que a space opera antiga. Se ben conserva a escala e o alcance interestelar da space opera tradicional, tamén pode ser cientificamente máis rigorosa.[15]

A nova space opera foi unha reacción contra antiga. Os novos defensores da space opera afirman que o xénero céntrase no desenvolvemento do carácter, a escritura fina, os altos estándares literarios, a verosimilitude e unha exploración moral dos problemas sociais contemporáneos.[16] McAuley e Michael Levy identifican a Iain M. Banks, Stephen Baxter, M. John Harrison, Alastair Reynolds, o propio McAuley, Ken MacLeod, Peter F. Hamilton e Justina Robson como os practicantes máis notables da nova space opera.[15] Unha das editoriais máis destacadas, Baen Books, especializouse en space opera e ciencia ficción militar,[17] e publica a moitos dos autores mencionados anteriormente, que gañaron o premio Hugo.

Comparación con outros xéneros[editar | editar a fonte]

Algúns críticos distinguen entre space opera e planetary romance.[18] Ambos presentan aventuras en contornos exóticos, porén a space opera pon énfase nas viaxes espaciais, mentres que o planetary romance céntranse en mundos estraños. Dende este punto de vista, as historias marcianas, venusianas e lunares de Edgar Rice Burroughs serían planetary romances (e dos máis antigos), como serían as historias de Eric John Stark de Leigh Brackett con influencias de Burroughs.

A space opera pode contrastar coa ciencia ficción dura, na cal se fai fincapé nos efectos do progreso tecnolóxico e nas invencións, e onde os axustes se elaboran coidadosamente para obedecer as leis da física, a cosmoloxía, as matemáticas e a bioloxía; pódense atopar algúns exemplos nas obras de Alastair Reynolds ou na película The Last Starfighter. Ás veces a space opera pode coincidir coa ciencia ficción dura ó centrarse na precisión científica como en The Risen Empire de Scott Westerfeld. Noutras ocasións a space opera pode situarse nun punto intermedio entre a ciencia ficción dura e a branda, como a serie de precuelas de Dune de Kevin J. Anderson e Brian Herbert ou a serie da Guerra das galaxias creada por George Lucas.[19]

Algúns tipos de space opera solápanse coa ciencia ficción militar, concentrándose nas batallas espaciais a grande escala con armas futuristas; emprégase ocasionalmente o termo "space opera militar" para definir este subxénero, como fai por exemplo a crítica Sylvia Kelso para referirse á Saga Vorkosigan de Lois McMaster Bujold.[4]

Parodias[editar | editar a fonte]

As parodias de space opera son a miúdo exemplo da propia space opera.

What Mad Universe de Fredric Brown ten como protagonista a un editor de revistas de ciencia ficción de cabeza sobria que de súpeto se ve transportado a unha historia alternativa na que tódolos elementos da space opera (un heroe espacial extraordinario que loita contra extraterrestres malvados obstinados na destrución da humanidade etc.) se volven reais na súa vida.

Na novela Bill, the Galactic Hero Harry Harrison parodia as convencións da space opera clásica, de igual modo que en Star Smashers de los Galaxy Rangers e no conto Space Rats of the CCC - the Combat Camel Corps do propio autor.

Space Opera de Jack Vance trata dunha compañía de ópera que vai de xira polo espazo.

A película cómica Spaceballs, dirixida e coescrita por Mel Brooks, é unha parodia de ciencia ficción con moitas características de space opera.

O anime Space Dandy do director Shinichirō Watanabe parodia decote outras obras de ciencia ficción do subxénero space opera.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pringle, David (2000). Space and Beyond: The Frontier Theme in Science Fiction (en inglés). Greenwood. p. 36. ISBN 978-0313308468. 
  2. Nelson, Murry R. (2013). American Sports: A History of Icons, Idols, and Ideas (en inglés). Greenwood. p. 310. ISBN 978-0313397523. 
  3. Child, Ben (20-2-2017). "A modern space opera: has Star Wars escaped the George Lucas worldview?". The Guardian. Consultado o 29-12-2018. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Hartwell, David G.; Cramer, Kathryn (2006). The Space Opera Renaissance (1ª ed.). Nova York: Tor. ISBN 0765306174. 
  5. "Space-opera". Dictionary.com (en inglés). Consultado o 31-12-2018. 
  6. Keith Stokes. "Número 36 de Le Zombie - páxina 9". Midamericon.org (en inglés). Consultado o 31-12-2018. 
  7. Turner, Graeme; Cunningham, Stuart (2000). The Australian TV Book. St. Leonards, Nova Gales do Sur: Allen & Unwin. p. 200. ISBN 1741153727. 
  8. Langford, David (2005). The Sex Column and Other Misprints (en inglés). Wildside Press. pp. 167–168. ISBN 9781930997783. Consultado o 31-12-2018. 
  9. Westfahl, Gary (2000). Space and Beyond: The Frontier Theme in Science Fiction (en inglés) (1ª ed.). Westport, Connecticut: Greenwood Press. p. 36. ISBN 9780313308468. Consultado o 31-12-2018. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Dozois, Gardner; Strahan, Jonathan (2007). The New Space Opera (en inglés) (1ª ed.). Nova York: Eos. p. 2. ISBN 9780060846756. 
  11. Latham, Rob (23-2-2017). Science Fiction Criticism: An Anthology of Essential Writings (en inglés). Nova York: Bloomsbury Publishing. p. 133. ISBN 9781474248624. Consultado o 31-12-2018. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Bleiler, Everett F.; Bleiler, Richard J. (1990). Science-fiction, the Early Years: A Full Description of More Than 3,000 Science-fiction Stories from Earliest Times to the Appearance of the Genre Magazines in 1930: with Author, Title, and Motif Indexes. Kent, Ohio: Kent State University Press. ISBN 0873384164. 
  13. Clarke, I. F. (novembro de 1997). "Future-War Fiction: The First Main Phase, 1871-1900". Science Fiction Studies 24. Consultado o 31-12-2018. 
  14. Hardy, Phil (1995). The Overlook Film Encyclopedia (3ª ed.). Woodstock, Nova York: Overlook Press. p. 56. ISBN 0879516267. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 McAuley, Paul. "Junk Yard Universes". Paul McAuley (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31-03-2004. Consultado o 5-1-2019. 
  16. Levy, Michael (xuño de 2008). "Cyberpunk Versus the New Space Opera". Voice of Youth Advocates 31: 132–133. 
  17. Walter, Damien (29-8-2014). "Space Opera strikes up again for a new era". The Guardian (en inglés). Consultado o 5-1-2019. 
  18. "SF Citations for OED". Jessesword.com (en inglés). 6-7-2008. Arquivado dende o orixinal o 08-01-2008. Consultado o 5-1-2019. 
  19. Britt, Ryan (28-2-2013). "How Timothy Zahn’s Heir to the Empire Turned Star Wars into Science Fiction". Tor.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16-06-2015. Consultado o 5-1-2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]