Edgar Rice Burroughs

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edgar Rice Burroughs

Edgar Rice Burroughs, nado en Chicago o 1 de setembro de 1875 e falecido en Encino, California, o 19 de marzo de 1950, foi un escritor estadounidense de xénero fantástico coñecido polas súas series de historias de Barsoom (ambientadas en Marte), de Pellucidar (que teñen lugar no centro da Terra) e, en especial, pola creación do mundialmente famoso personaxe de Tarzán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Asistiu á Harvard School de Chicago onde entrou en contacto co mundo clásico de Grecia e Roma. Tralo seu paso pola escola foise a vivir ao rancho gandeiro do seu irmán onde traballou dous anos de vaqueiro. Despois ingresou na Philips Academy de onde o expulsarían por preguiceiro. Tras un período de adestramento na Academia Militar de Michigan, entrou a formar parte do Sétimo de Cabalería dos EUA e chegou a loitar contra os apaches en Arizona pero pronto o licenciaron ao descubrir a súa minoría de idade, o que o levou a volver a Chicago e dedicarse a unha serie de traballos diversos non moi ben pagados tanto alí como en Idaho.

En 1912, aos 36 anos de idade e baixo o seudónimo de Normal Bean que apareceu impreso como Norman Bean, publicou o seu primeiro relato, Baixo as lúas de Marte na revista All-Story Weekly, obra que lle reportou 400 dólares. En outubro dese mesmo ano, esta vez co seu nome real, publicou Tarzán dos monos que en 1914 aparecería en formato de libro.

Durante a Segunda Guerra Mundial fíxose correspondente de guerra para Los Angeles Times e cubriu, con 66 anos de idade, o conflito no área do Pacífico sur.