Segunda Guerra Carlista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Segunda Guerra Carlista ou guerra dos Matiners tivo lugar fundamentalmente en Cataluña entre 1846 e 1849 ao fracasar os intentos de casar a Isabel II co pretendente carlista, Carlos Luís de Borbón e en Cataluña persistiran bandas carlistas que non se renderan tras a fin da Primeira Guerra Carlista, aínda que actuaban máis como bandoleiros (trabucaires) que como guerrilleiros, ao que se ten que xuntar a crise agraria e industrial de 1846, especialmente importante en Cataluña e algunhas reformas impopulares do réxime liberal como as quintas, o imposto de consumos e a introdución dun sistema de propiedade liberal que entraba en contradición cos usos comunais.

A rebelión desenvolveuse dende fins de 1846, cando se formaron diversas partidas guerrilleiras que non sobrepasaban os 500 homes a comezos de 1847 e que atacaban fundamentalmente a funcionarios públicos e a unidades militares. O líder máis importante deste primeiro momento foi o sacerdote Benet Tristany, que en febreiro de 1847 protagonizou a entrada en Cervera para facerse con fondos e munición. A Tristany capturárono e fusilárono en Solsona en maio de 1847, pero o número de partidas carlistas aumentou en toda Cataluña chegando a uns 4.000 homes armados a fins dese ano fronte a un exército regular formado por 40.000 soldados que dirixía Manuel Pavía e que tentou mediante medidas indulxentes tranquilizar aos sublevados, o que non conseguiu, aumentando as súas forzas polos apoio de partidas progresistas e republicanas e nas mediadas de 1848 xurdiron partidas en Estremadura e en Castela, que non conseguiron éxitos significativos. O 23 de xuño de 1848 atravesou a fronteira francesa Ramón Cabrera e tentou organizar o que denominou Exército Real de Cataluña sen moito éxito, e tampouco puido entrar no Maestrazgo.

A fins de 1848 o novo capitán xeneral de Cataluña, Fernando Fernández de Córdova conseguiu debilitar a resistencia das partidas carlistas. En abril de 1849 detívose ao pretendente Carlos Luís cando pretendía entrar pola fronteira francesa en España e o 26 de abril Cabrera tivo que cruzar a fronteira francesa diante a persecución do exército gobernamental, o resto das partidas fixeron o mesmo e o 14 de maio cruza a última partida, que dirixían os irmáns Tristany, poñendo fin á guerra.

En xuño de 1849 o goberno publicaba un decreto amnistiando aos carlistas, máis de 1.400 regresaron a España, mentres outros decidiron quedar en Francia.