Portal:Serbia/Artigo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Košarkaški klub Crvena zvezda (en serbio: Кошаркашки клуб Црвена звезда, Club de Baloncesto Estrela Vermella) é un equipo profesional de baloncesto de Belgrado (Serbia) fundado en 1945. O nome de Crvena zvezda significa Estrela Vermella, e forma parte da Sociedade Deportiva Estrela Vermella de Belgrado.

O Crvena zvezda é xunto co Partizan Belgrado, o primeiro club de baloncesto de Belgrado, e de Serbia en xeral, en número de títulos acadados, con 15 títulos de liga. Porén, o Estrela Vermella acadou menos éxitos internacionais que o Partizan, ao conquistar só unha Recopa de Europa en 1974, pese a ter disputado dúas finais máis da Recopa e dúas finais da Copa Korać.

Compite na Košarkaška liga Srbije, a liga nacional de Serbia, que determina que equipos serbios xogan a Euroliga e cales a ULEB Eurocup. Tamén é membro da Adriatic Basketball Association, polo que tamén xoga na Liga do Adriático. Disputa os seus encontros no pavillón Pionir Hall de Belgrado, inaugurado en 1973. A cancha, que conta cunha capacidade para 8.150 espectadores, compártea cos seus rivais da cidade, o KK Partizan. Os fans do Crvena zvezda son coñecidos como "Delije".